1

INTRODUCIÓN

01introduciongcm

A Costa da Morte constitúe a rexión costeira máis occidental de Galicia, que é o mesmo que dicir a máis occidental da península ibérica e da Europa continental, un extenso territorio que comprende unha quinta parte da provincia da Coruña, formado polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra (antiga Nemancos), e os concellos de Mazaricos e Carnota. A súa denominación é relativamente recente e débese aos numerosos naufraxios que se produciron neste litoral a finais do século XIX.

Un territorio definido sobre todo pola súa extensa costa, configurada por espectaculares cantís nas zonas máis expostas ao mar, ese mar “abalante, inquedo, forte e rexo”, en palabras do poeta muxián López Abente, que alternan con extensos areais e pequenas rías. Un singular litoral no que a natureza impón a súa inmensa forza, dando lugar a un patrimonio de extraordinario valor

Desde a costa a influencia do mar penetra nas terras do interior a través dos vales dos ríos Anllóns, Porto, Castro ou Xallas. Á beira destas arterias fluviais é onde se mostra o bosque autóctono mellor conservado. Vales fértiles coas súas “doces veigas”, como expresou o bardo Eduardo Pondal.

Estas terras máis occidentais do gran continente euroasiástico foron poboadas desde tempos inmemoriais, deixando os seus moradores numerosos vestixios desde o Neolítico ata os tempos actuais.

Os primeiros restos que conservamos corresponden á época megalítica, que se caracteriza pola construción de mámoas e dolmens, cunha función funeraria. A continuación chegará o período castrexo, no que a construción de poboados fortificados de forma circular, é a súa principal singularidade. Ao longo deste territorio existen moitos destes recintos.

A Costa da Morte tampouco foi allea á romanización. Brandomil, Moraime ou Tines son emprazamentos nos que a presenza romana se mostra con maior evidencia. Da chegada do cristianismo preservamos unha das primeiras inscricións sobre a relixión católica en Galicia: a estela de Victorinus, atopada en Tines, datada a finais do século IV. Nesta rexión non se fundaron grandes congregacións relixiosas, pero houbo pequenos mosteiros. Desta presenza relixiosa conservamos un notable patrimonio.

En paralelo a estes asentamentos relixiosos irase instalando no territorio unha nobreza laica. Primeiro a familia dos Traba, e logo outras como os Mariño de Lobeira, Moscoso de Altamira, Bermúdez de Castro, Rioboo ou Pardiñas. Da súa presenza mantemos magníficos edificios como o castelo de Vimianzo, as Torres do Allo, as Torres de Mens ou o pazo de Vilardefrancos. A rexión dispón tamén dunha abundante arquitectura popular na que os hórreos, cruceiros e muíños, son os exemplos máis visibles. Rico é tamén o patrimonio inmaterial, sobre todo as lendas, vinculadas a elementos naturais, haxiográficos ou restos históricos.

A gastronomía supoñe outro dos grandes atractivos da Costa da Morte, ao dispoñer esta rexión de costa e terras de interior, a materia prima para elaborar os menús resulta máis abundante e variada. Do mar extráense peixes e mariscos de óptima calidade e da terra excelentes hortalizas, verduras e carnes, produtos, que, elaborados nunha cociña que mantén os sabores orixinais, dan apetecibles pratos.

O que pretende esta Guía da Costa da Morte é descubrir e poñer en valor toda esta riqueza patrimonial facilitando o coñecemento daqueles lugares máis emblemáticos do territorio, para que o potencial visitante se achegue a eles a través dunha proposta de rutas.

O contido da publicación divídese en dous grandes apartados: un primeiro que fai referencia ao contexto desta rexión litoral, no que se recolle información sobre a orixe do topónimo “Costa da Morte”, aspectos xeográficos alusivos á paisaxe, clima, vexetación, fauna, poboación e recursos económicos; e tamén sobre historia, lendas e gastronomía.

E un segundo capítulo, o máis extenso, de rutas por toda esta ampla zona costeira tanto para realizar en vehículo como a pé. No primeiro caso propóñense seis rutas que percorren os 17 concellos da Costa da Morte, a través das que se visitarán todos aqueles lugares de maior interese natural, paisaxístico, histórico ou cultural. A meirande parte delas teñen un trazado circular co cal o viaxeiro poderá incorporarse en calquera punto do percorrido. Cada unha está pensada para realizar durante unha xornada e o propio turista ten a posibilidade de elixir as paradas que mellor se adapten aos seus intereses.

Dentro das rutas a pé, hainas de curto e longo percorrido, unhas e outras conducen ao camiñante a manter un contacto máis próximo e intenso co territorio, concretamente con aqueles espazos nos que a natureza e a historia acadan unha maior potencialidade. Propóñense 13 rutas de curto percorrido para dedicarlle unha xornada a cada unha delas e dúas de longa distancia: o Camiño dos Faros e o camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, para facer en varios días.

En resumo, a Guía trata de ofertar unha información e un contacto co territorio da Costa da Morte desde distintas miradas e intereses, para que o viaxeiro, primeiro adquira un coñecemento do espazo xeográfico e histórico que vai visitar, e logo, ofrécenselle un abano de propostas de visitas para que elixa aquelas que mellor se adapten a súa disposición de tempo ou expectativas persoais. Unha información sinxela e útil para que calquera visitante que escolla este destino turístico se lle facilite confeccionar un programa de viaxe ao seu gusto.

Page 1
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.