Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 1, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 1, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Vila de Fisterra

Historia

As boas condicións que ofrece a zona costeira na que se asenta a actual vila de Fisterra determinaron que estivese habitada desde tempos prehistóricos, aínda que carecemos de datos para confirmalo. A vila formouse no medievo para aproveitar os recursos que ofrecía o mar tanto relacionados coa a pesca como coas as actividades comerciais.

69. A Vila De Fisterra Polos Anos 30 Do Pasado Século (r. Caamaño)
A vila de Fisterra polos anos 30 do pasado século (R. Caamaño)

Desde finais do século XIII, ata finais do seguinte, esta vila mariñeira pertenceu aos Mariño, unha familia nobre con abundantes posesións nestas terras occidentais. Un dos seus membros, Vasco Pérez Mariño, chegou a ser bispo de Ourense, o que explica que a vila fisterrá pertencese ao cabido ourensán. Máis tarde, a través dun intercambio entre o arcebispo compostelán e o cabido daquela cidade, Fisterra pasou ao poder da mitra compostelá, dominio que se prolongará durante varios séculos.

A mediados do século XVI, ademais da igrexa parroquial de Santa María das Areas, situada nas aforas do núcleo urbano, había en Fisterra tres ermidas: a de San Guillerme, na aba do monte que leva este nome; a de santa Catalina, situada na rúa con esta denominación; e a de San Roque, á entrada do núcleo urbano, preto do cruceiro da Cruz de Baixar. Existía tamén un hospital de peregrinos fronte á parroquial, fundado polo párroco Alonso García no ano 1469.

Desde a Idade Media a vila fisterrá sufriu as invasións da piratería estranxeira, primeiro de normandos e musulmáns e despois, de ingleses e franceses. No 1552, piratas franceses atacan Fisterra e saquean a ermida de San Guillerme e dise que levaron o seu corpo e un relicario no que se gardaba un brazo deste santo que había na igrexa parroquial, así o recolle o cardeal Del Hoyo nas súas Memorias a comezos do século XVII, quen, ademais, nos conta que a poboación desta localidade mariñeira era moi pobre e as súas casas foran queimadas en varias ocasións, que contaba con sesenta veciños e todos eles se dedicaban á pesca.

No ano 1809, Fisterra sofre a invasión das tropas francesas, que ademais de saquear a vila, incendiaron o castelo de San Carlos. Moitos veciños, ante a imposibilidade de facerlle fronte aos invasores, decidiron subir a bordo de embarcacións e protexerse no interior da ría.

A comezos do século XX, Fisterra era xa unha vila grande con máis de dous mil habitantes, que vivía da pesca, que tiña como embarcadoiro a praia da Ribeira ou a de Calafigueira. Dispoñía de fábricas de salgadura, un variado comercio, sociedade recreativa e Pósito de pescadores.

As casas máis antigas situábanse entorno ao areal da Ribeira que cumpría a función de porto natural. O núcleo urbano configurábase en dous barrios: o máis antigo, coñecido como Cabo da Xesta, que tiña como vía principal a que parte da praciña Ara Solis e vai dar á praza da Constitución e logo continúa pola rúa Real, e o denominado Cabo da Vila, barrio máis moderno, que ten como arteria principal a rúa Santa Catalina, que conduce ao concello e ao final do núcleo. Ambos os dous separados antigamente polo regato Mixirica, actualmente canalizado, onde se sitúa a rúa Federico Ávila, arteria principal pola que se accede ao porto.

Polos anos vinte deste mesmo século Carré Aldao descríbenos Fisterra como unha vila con rúas regulares e casas de boa construción, ao contrario de como a percibe o viaxeiro inglés Aubrey F. G. Bell, que nos di que as súas casas parecen miserables e as rúas descoidadas, cheas de lixo.

70. A Fisterra Actual É Moi Diferente Á De Hai Cen Anos
A Fisterra actual é moi diferente á de hai cen anos

A Fisterra actual é moi distinta a esa que se nos describe hai cen anos, aínda que conserva boa parte da estrutura antiga, a maioría das súas casas son de nova construción ou reformadas. Onde o cambio se percibe con maior intensidade é na zona portuaria, lugar no que se concentra a actividade económica relacionada coa pesca e o sector turístico. O edificio que máis nos impacta é a nova lonxa, obra do arquitecto Juan Creus, onde a diario se poxan as capturas da flota pesqueira.

· Ruta a pé pola vila

Iniciamos este percorrido urbano, precisamente, na explanada portuaria e emprendemos unha ruta a pé que nos leva a coñecer esta vila mariñeira. Un paseo polo peirao permitiranos contemplar as instalacións portuarias, as embarcacións que enchen de colorido as augas do porto e os múltiples establecementos hostaleiros coas súas terrazas. Na ampla chanceira do peirao sitúase a lonxa, un edificio moderno, arredor do que se move toda a actividade pesqueira. Nesta mesma zona chama a atención unha enorme áncora pintada de negro. Se nos achegamos a ela vemos que fai referencia ao naufraxio do Casón, barco de bandeira panameña, que embarrancou en 1987 nesta costa e que sementou o pánico entre os habitantes da zona pola perigosa carga que transportaba.

Detrás do porto sitúase a praia da Ribeira, unha pequena cala que en tempos pasados facía de embarcadoiro, convertida no presente en praia urbana. Rodeando este pequeno e protexido areal, situábanse as casas máis antigas da vila, das que apenas quedan vestixios. Unha das poucas que se conservan destaca por ter a entrada en arco apuntado, que lembra a Fisterra medieval. No extremo sur desta pequena cala levántase sobre o acantilado o castelo de San Carlos, unha das catro fortalezas que os Borbóns ordenaron construír para a defensa desta costa a mediados do século XVIII, baixo os planos do enxeñeiro francés Carlos Lemaur. A forma irregular do seu perímetro está motivada pola base rochosa sobre a que se asenta.

70bis. Praia Da Ribeira E Castelo De San Carlos, Á Esquerda
Praia da Ribeira e castelo de San Carlos, á esquerda

As troneiras oriéntanse en tres direccións: cabo Fisterra, centro da ría e o propio núcleo urbano. No seu interior dispoñía dunha nave para albergar unha pequena tropa. Durante a invasión francesa foi arrasado. A finais do século XIX pasou a ser propiedade do empresario fisterrá, asentado en Corcubión, Plácido Castro Rivas, quen lle cederá o edificio ao concello de Fisterra coa finalidade de que se crease unha escola, máis este obxectivo non se cumpriu por falta de recursos económicos. Na posguerra houbo un intento de convertelo en museo, máis tampouco se logrou. Despois de que o edificio pasase por diferentes entidades e se destinase a funcións diversas, no ano 2006, a Confraría de Pescadores conseguiu os fondos económicos para acondicionalo como Museo de Pesca, que abriu as súas instalacións dous anos despois. No tempo que leva aberto xa recibiu máis de 100 000 visitantes, que tiveron a posibilidade de escoitar as amenas e interesantes explicacións do seu guía Francisco Manuel López Martínez, un coñecido poeta local, que asina a súa obra baixo o pseudónimo de Alexandre Nerium. Ningún viaxeiro que se achegue a Fisterra debería deixar de visitar este pequeno, pero interesante museo.

Desde o castelo de San Carlos trasladámonos á praza de Ara Solis, na que destaca a capela do Bo Suceso, fundada polo párroco Mateo Pérez Porrúa no ano 1743, de estilo barroco, como apreciamos na súa fachada. O retablo da capela maior, tamén deste mesmo estilo, está presidido pola Virxe do Socorro. O cruceiro e a fonte que están ao seu carón complementan o conxunto.

Nesta mesma praciña hai unha casa antiga cun escudo e un reloxo solar que data de comezos do século XVII e mostra a presenza fidalga nesta vila. Continuamos a través da rúa principal e chegamos á praza da Constitución, centro urbano do núcleo histórico, onde se conservan algunhas casas da pequena burguesía comercial con balcón ou galería, a diferencia das vivendas mariñeiras, máis modestas. Seguimos pola rúa Real, arteria principal da vila, ata desembocar na rúa que baixa ao porto. Á esquerda, facendo esquina está o albergue de peregrinos, construído no ano 2001, para dar acollida aos numerosos peregrinos que se achegan a Fisterra. Se continuamos de fronte pola rúa Santa Catalina, dirixímonos á casa do Concello e á saída da vila.

Esta rúa central que atravesa o núcleo fisterrán de leste a oeste e que recibe diferentes nomes ao longo do seu trazado, correspondíase coa antiga estrada que conducía á igrexa parroquial e ao faro. Entorno a ela foise configurando o núcleo urbano e concentrando a actividade comercial, social, cultural e lúdica da vila. Estaba atravesada en sentido transversal por rúas estreitas ou calellas que conducían á ribeira, onde se desenvolvía toda a actividade pesqueira. Trala construción da nova zona portuaria e a apertura da nova vía de comunicación co faro, a fisionomía da vila transformouse.



Page 206
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.