Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 1, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 1, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

De Fisterra a Muxía

Despois de visitar a vila e a península de Fisterra, ás que lle dedicaremos unha xornada, emprendemos a ruta que nos conduce a Muxía.

Á saída de Fisterra, na recta da Anchoa, collemos a estrada á esquerda cara a Ermedesuxo, Denle, Castromiñán e praia do Rostro. A vía atravesa o val de Duio, no que se situaría a hipotética cidade deste nome. O topónimo perdura nas parroquias de San Martiño e San Vicenzo. Despois de Denle a estrada pasa a carón da aldea de Castromiñán, que recibe a denominación do poboado castrexo situado na beiramar, no que se aprecian con claridade os seus muros defensivos. Algo máis ao norte, sitúase a punta do Castelo, onde o 5 de decembro de 1987 embarrancou o cargueiro de bandeira panameña Casón, accidente no que morreron 23 dos 31 tripulantes que ían a bordo. Entre a poboación da zona creouse unha grande alarma e pánico debido á toxicidade da carga que transportaba.

A estrada vaise achegando ao mar e pasa paralela á praia do Rostro, un extenso areal salvaxe duns dous quilómetros, de mar aberto e moi bravío, que produce un roncar continuo e envolvente, que paga a pena escoitar. Así o expresa o refrán: “Mar do Rostro, se casaras, ablandaras”.

Continuamos camiño e pasamos polas aldeas de Padrís e A Canosa e chegamos a Lires, parroquia xa do concello de Cee. O seu núcleo esténdese pola beira da estrada que conduce á pequena ría e á praia. Neste lugar desemboca o río Castro, que nace nas terras altas da parroquia vimiancesa de Castrelo. Fai de linde entre os concellos de Vimianzo, Cee e Muxía. O seu nome procede do lugar do Castro de Coucieiro, por onde pasa e forma o fermoso espazo natural das Caldeiras do Castro. Na súa desembocadura forma un pequeno esteiro ou ría, que constitúe un espazo natural de grande interese pola abundancia de aves que habitan este plácido lugar. Unha parte deste espazo está ocupado por unha extensa piscifactoría de troitas que se instalou no ano 1969, pertencente ao grupo “Tres Mares”, que produce unhas 3500 t ao ano. O esteiro prolóngase a través da canle do regato de Lires e as augas da marea chegan ata a mesma aldea. Despois de atravesar o núcleo e cruzar o regato, achegámonos á pequena ría, que nos sorprende polo ambiente tranquilo e sosegado que se percibe durante o percorrido, tan só interrompido polo piar dalgunhas aves que habitan este espazo natural ou polo brinco dalgún peixe sobre as augas.

77. Camiñantes Atravesando A Praia Do Rostro
Camiñantes atravesando a praia do Rostro

Ao final desta estrada gozamos dunha magnífica panorámica sobre a extensa praia de Nemiña. Para chegar a ela teremos que coller a estrada que leva ao cabo Touriñán e desviarnos á esquerda. Este amplo areal preséntasenos como un lugar idóneo para gozar dunha praia protexida do vento do nordés. Nos últimos anos converteuse nun dos lugares máis atractivos para a práctica do surf.

Por Lires pasa o camiño xacobeo costeiro de Fisterra a Muxía, citado por viaxeiros e peregrinos antigos, que cruzaban o río Castro a través duns pasais, que nos últimos anos estaban anegados polas augas da presa que abastece á piscifactoría. Coa construción no ano 2011 da ponte peonil púxose fin á dificultade que supoñía cruzar o río por este lugar. Da outra banda está o casal de Vaosilveiro, soar da familia dos Oreiro. Topónimo que lle serviu de inspiración ao escritor muxián Gonzalo López Abente para unha das súas novelas.

78. Ponte Peonil De Vaosilveiro No Camiño Xacobeo De Fisterra Muxía
Ponte peonil de Vaosilveiro no camiño xacobeo de Fisterra Muxía

Lires foi un lugar pioneiro en apostar polo turismo rural. Aquí abriuse o primeiro establecemento deste tipo na Costa da Morte. Se anteriormente a súa xente vivía fundamentalmente do traballo agrícola, na actualidade o turismo converteuse na actividade principal.

Deixamos Lires pola estrada cara a Pereiriña e a uns tres quilómetros, desviámonos á esquerda cara ao cabo Touriñán. Cruzamos o río Castro pola Ponte Nova e pasamos por Frixe. A súa igrexa parroquial de Santa Locaia conserva restos románicos. A 2,5 km, atoparémonos coa desviación á esquerda que conduce á praia de Nemiña, por se nos apetece achegarnos a este lugar. Seguimos pola estrada que leva ao cabo Touriñán.

Page 216
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.