
Historia
Esta pequena localidade de pouco máis de mil habitantes sitúase sobre o tómbolo de area que se formou entre o monte Corpiño, ao norte, e o monte do Enfesto, ao sur, na estreita península que remata na punta da Barca.
A súa orixe está vencellada ao antigo mosteiro de San Xulián de Moraime, próximo a ela. O nome de Muxía (terra de monxes), fai alusión á comunidade relixiosa deste mosteiro, foco evanxelizador das terras da contorna.
A primeira referencia histórica ao núcleo muxián aparece no século XII, na que se cita a parroquia de Santa María. No ano 1346, o rei Alfonso IX concédelle a este porto o foro da Coruña, que lle permitía aos seus veciños gozar de certos dereitos, pero que tiñan a obriga de respectar os privilexios que o mosteiro de Moraime tiña sobre esta vila.
O cardeal J. del Hoyo nas súas Memorias recolle que a pesca era o único medio de vida dos seus habitantes e que o espazo xurisdicional desta vila era tan reducido que os muxiáns dependían da parroquia de Moraime para aprovisionarse de elementos tan básicos como a leña, a auga ou os produtos agrícolas.
Segundo Del Hoyo o emperador Carlos V trocoulle aos monxes de Moraime o porto muxián por outro e despois cedeullo ao arcebispo compostelán, deste xeito Muxía pasará a estar baixo o señorío da mitra santiaguesa.
A mediados do século XVIII, segundo o Catastro de Ensenada, esta vila tiña 94 veciños (uns 350 hab.) e a súa maioría dedicábase á pesca da sardiña e do congro. A artesanía do encaixe xa tiña certa relevancia tanto polo número de mulleres que a practicaban como polo número de familias que se dedicaba á súa venda.
No século XIX a economía dos muxiáns seguía vinculada á pesca e ao comercio marítimo. Destacaban tamén os secadoiros de congro e os encaixes. A mediados deste século, Muxía cumpría a función de centro comercial e de servizos das parroquias do concello. Ademais de tabernas, ferraxerías, había tendas de encaixe, médico, boticario e avogado.
A comezos do século seguinte, a súa poboación achegábase aos mil habitantes, e o seu casarío, construído a base de granito e tella do país, mostraba unha notable harmonía.
A aparición das embarcacións a motor a finais dos anos vinte supoñerá un avance significativo para o sector pesqueiro. Ademais das familias mariñeiras, que eran a gran maioría, había outras que vivían do comercio e doutras actividades, que constituían unha pequena burguesía ilustrada que se reunía no casino local. O estalido da Guerra Civil supuxo unha profunda ruptura social e unha crise económica que se prolongará ata finais dos anos cincuenta.
Nos anos sesenta a pesca comeza a recobrar un notable valor económico no mercado e o descubrimento do caladoiro do Canto a finais desta década supoñerá un gran auxe económico para as familias mariñeiras. Boa parte destes recursos empregaranse na construción, que ocasionará unha considerable transformación urbanística do núcleo muxián, realizada sen unha planificación axeitada. A construción do dique de abrigo e do peirao, así como do paseo marítimo e do porto deportivo, modificarán tamén por completo a fachada marítima antiga.
A crise do sector pesqueiro que se desenvolveu na década dos anos noventa e que continúa no actual século conduciu á desaparición de moitos postos de traballo. O turismo atraído polo rico patrimonio natural e histórico da zona, xunto coa promoción do camiño xacobeo, está a crear emprego, aínda que sexa de tipo temporal, pero faría falta reactivar a pesca e o marisqueo, que se complementan moi ben co turismo.
Ruta a pé pola península muxiá
A situación xeográfica de Muxía nunha península permítenos rodear todo o seu núcleo urbano bordeando o mar, e gozar de atractivas panorámicas sobre a ría, o cabo Vilán e a punta da Buítra.

Comezamos esta ruta no miradoiro da Cruz, denominado así polo cruceiro que servía de límite entre as parroquias de Muxía e Moraime. Tamén lle dá nome á praia que está á entrada da vila. Se ollamos cara ao leste vemos as praias da Cruz e do Espiñeirido. A primeira recibe aos visitantes que entran a través da estrada de Berdoias, e a segunda dálle a benvida aos peregrinos que chegan a través da ruta Hospital de Logoso-Muxía. Se ollamos cara ao noroeste percibimos unha boa panorámica do porto muxián e da fachada urbana que dá á ría.
A partir de aquí seguimos o paseo marítimo ata chegar ao monumento que honra ao poeta muxián Gonzalo López Abente (1878-1963), emparentado por liña materna con Eduardo Pondal. Este monumento, obra do artista negreirés Andrés Barbazán, fíxose co motivo de dedicarlle en 1971 o Día das Letras Galegas a este escritor.

Continuamos polo paseo da beiramar ata chegar ao peirao de don Manolo, pequeno embarcadoiro construído polo empresario muxián Manuel Lastres para atraque das súas embarcacións dedicadas ao transporte marítimo. Facendo de bita vemos un antigo canón procedente do baluarte defensivo que había no lugar da Gurita.
Pasamos por diante da Casa do Concello, un edificio moderno, e continuamos pola rúa da Mariña ata a Rambleta. Na casa que fai esquina, onde se atopa o bar “A Marina”, estaba a casa na que se aloxou a poeta Rosalía de Castro cando no ano 1853 veu á Romaría da Barca, acompañada de Eduarda Pondal, irmá do bardo de Ponteceso. Esta estancia inspiroulle o poema sobre esta romaría e a novela La hija del mar.
Subimos cara a Rúa Real ata chegar á praza da Constitución, centro do antigo núcleo urbano, onde se celebraban o mercado e as festas. Aquí situábase a antiga Casa do Concello, no edificio novo que conserva unhas columnas de pedra na planta baixa.
Preto desta praza hai un grupo de casas restauradas que nos mostran como era a vivenda tradicional muxiá. Fronte a elas está a que fora a casa do escritor Gonzalo López Abente, actualmente reformada. Continuamos de fronte ata chegar á seguinte praciña. No pinchón dunha casa de pedra observamos un escudo que mostra os mesmos símbolos que a casa dos Pazos de Senande, o que nos indica que esta familia fidalga tiña casa en Muxía. Na mesma praza hai outra casa cun escudo na fachada, moi erosionado, que pertenceu á familia fidalga dos Dios e Castro. No lugar onde actualmente se atopa a Casa do Mar era onde se situaba o antigo alfolín, concesión que lle foi outorgada ao porto muxián no século XV. Uns metros máis adiante volvemos a atoparnos cun grupiño de casas restauradas, nunha delas sitúase a biblioteca municipal e noutra a oficina de información turística.

Seguimos en dirección ao santuario da Barca, ao chegar ao cemiterio subimos cara a igrexa parroquial de Santa María, construción gótica con reminiscencias románicas, incluída dentro do denominado gótico mariñeiro. Consta dunha soa nave con teitume de madeira e unha ábsida rectangular cuberta con bóveda apuntada. No seu muro norte sitúase a capela do Rosario con bóveda de crucería. O campanario elévase sobre unhas rochas que hai ao pé do templo. Baixamos de novo ao paseo que bordea o mar, e se ollamos cara a dereita veremos unha estrutura de troncos, son as cabrias que se utilizaban para secar o congro ao aire libre. Nesta zona houbo varios secadoiros, que comercializaban este peixe curado a poboacións do interior peninsular. Seguimos o paseo que máis adiante nos depara excelentes vistas sobre o litoral norte da ría de Camariñas, a capela da Virxe do Monte e o faro Vilán.

Chegamos á capela da Virxe da Barca, construída en 1719 coa achega económica do conde de Frigiliana e os seus descendentes, os condes de Maceda. Trátase dunha construción barroca, robusta e sobria que acollía no seu interior un valioso retablo barroco do escultor santiagués Miguel de Romay, destruído polo incendio que se produciu o 25 de decembro de 2013.
A sonada romaría que se celebra en honra desta Virxe ten lugar a segunda fin de semana de setembro, agás que caia domingo o día 8, que entón trasládase ao terceiro.
Baixamos as escaleiras do adro e achegámonos ás míticas pedras de Abalar e dos Cadrís, que despois da cristianización deste lugar, pasaron a constituír as partes da embarcación que transportou á Virxe ata este lugar, segundo conta a lenda. Abalar a Pedra e pasar nove veces por debaixo da dos Cadrís é un ritual que romeiros e demais visitantes desexan cumprir.
Volvemos da Barca polo camiño da Pel, no alto chamaranos a atención a enorme mole granítica fendida que forma a escultura da Ferida, colocada co motivo da catástrofe do Prestige. Desde aquí collemos o camiño que sobe ao monte Corpiño, o mellor miradoiro de Muxía.
Retornamos ao camiño da Pel que nos ofrece fermosas panorámicas sobre o océano e as puntas do Cachelmo e da Buítra. Espertarán a nosa curiosidade os valados de pedra que circundan as pequenas hortas, que ofrecen certa semellanza coas paredes das vivendas dos castros. Estes muros levantábanse para delimitar as propiedades e protexer os cultivos dos ventos mareiros e do salitre que arrastraban. Un pouco antes das primeiras casas hai un camiño que baixa á fonte da Pel, lugar onde se lavaban e aseaban os peregrinos e romeiros antes de chegar ao santuario. Volvemos e baixamos pola rúa Atalaia cara ao Coído. Na rúa Matadoiro número 12 está a casa do fotógrafo muxián Ramón Caamaño Bentín (1908-2007) quen inmortalizou coa súa cámara a paisaxe e a xente da Costa da Morte. No baixo desta casa hai un pequeno museo particular no que se expoñen as súas fotos e obxectos persoais.

Desde a casa de Caamaño, volvemos á rúa Atalaia e a través da rúa A Pedriña achegámonos ao secadoiro de congro que hai nesta zona. Desde aquí bordeando a costa chegamos á praza do Coído, considerada a zona cero na catástrofe do Prestige, que mobilizou a milleiros de voluntarios que colaboraron na recuperación do litoral. En agradecemento a este nobre labor, no ano 2007 colocouse un monumento na súa honra. Como remate desta ruta visitaremos a Exposición Permanente que hai no edificio do Voluntariado, formada por unha ampla colección de fotografías que de xeito gráfico nos amosan esta grave catástrofe ecolóxica ocorrida en novembro de 2002.