Historia
A orixe desta vila e parroquia correspóndese co pequeno núcleo que se formou ao pé da antiga igrexa de Santo Andrés da Canle, máis afastado da costa. Cando a partir do século XIII as invasións marítimas foron a menos, a poboación asentouse na beiramar, fundándose así o núcleo actual de Corcubión e a nova igrexa parroquial dedicada a San Marcos, patrón de Venecia. A substitución do primitivo patrón polo actual de San Marcos móstranos a importancia dos intercambios comerciais que había naquela época con esa república italiana.

A vila estivo baixo o dominio, primeiro da familia dos Traba, e despois dos Moscoso, condes de Altamira, que tiñan aquí a súa casa señorial, cabeza dunha extensa xurisdición. O conde era o encargado de nomear o xuíz e os rexedores da localidade.
Na primeira metade do século XVIII, Corcubión era un núcleo duns 200 habitantes, que vivían fundamentalmente da pesca da sardiña e do congro. Na segunda metade deste século chegan os cataláns e comezan a instalar factorías de salgadura de sardiña, actividade que continuará no século seguinte.
A comezos do século XIX esta vila sufriu o ataque das tropas francesas, que incendiaron e saquearon a localidade. Sen embargo, a inicios do seguinte, este núcleo converteuse nun dos máis activos e prósperos da Costa da Morte. Dispoñía de alumado eléctrico, telégrafo, posto de carabineiros e garda civil, casas de banca, industrias de salgadura, sociedades de recreo etc. Por ser cabeceira de partido xudicial, residían aquí autoridades xudiciais e administrativas.
Durante o primeiro terzo do século XX produciuse unha intensa emigración cara aos países americanos, sobre todo a Arxentina. Na súa capital fundouse en 1922 a Sociedad Agraria de los Hijos del Partido de Corcubión, que máis tarde pasará a denominarse Asociación Benéfico Cultural del Partido de Corcubión, que, entre outras moitas actividades, editou a revista Alborada.
Nos anos da II República tanto Corcubión como Cee foron dous núcleos con moita actividade sindical e política, que será totalmente anulada tralo golpe de estado de 1936.
Na actualidade Corcubión preséntasenos como unha pequena vila histórica de 1400 habitantes, que vive fundamentalmente do sector servizos e do turismo. Conta cun importante patrimonio histórico. No ano 1984 o seu núcleo foi declarado Conxunto Histórico-Artístico.
Ruta a pie por la villa
Para percorrer o núcleo de Corcubión tomamos como lugar de saída a praza de Castelao, onde se aprecian algunhas casas de pedra con galería, coma a da familia Miñones, que acadou un gran protagonismo económico e político antes da Guerra Civil. O persoeiro máis relevante foi Xosé Miñones, deputado nas cortes da II República e vítima da represión franquista. Preto desta casa está o pazo da familia dos Dios e Pose, coa capela do Pilar de par, convertida en auditorio municipal.
Desde a praza de Castelao, subimos pola rúa San Marcos. Ao inicio vemos á nosa esquerda a que fora casa señorial dos Altamira, unha antiga fortaleza que data do século XV, aínda que foi reformada nos séculos XVII e XVIII. Residencia dos condes cando se achegaban a esta vila, cárcere e audiencia. A rúa condúcenos a igrexa parroquial de San Marcos, que conserva algún resto románico na súa cabeceira, aínda que a meirande parte pertence ao estilo gótico. A principios do século XVIII engadíron- selle as capelas do Socorro e da Virxe do Carme. A fachada levantouse a finais do século XIX en estilo neogótico, obra do arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero. A anterior fora afectada por varios raios, a última vez en 1884, que causou 3 mortos e 60 feridos.

No seu interior consérvase a talla de San Marcos da Cadeira, patrón da parroquia, unha imaxe gótica da escola veneciana da segunda metade do século XV. Posiblemente fose unha doazón do conde de Altamira.
Subimos pola rúa das Mercedes e ao comezo atopámonos coa casa da Teixeira, un dos varios pazos que se conservan neste núcleo urbano, co seu grande escudo. Seguimos esta rúa ata o final e chegamos á Praza do Campo do Rollo, topónimo que fai alusión a un rolo ou columna onde se axustizaban os reos condenados a pena de morte. Desde este lugar collemos a rúa Mártires, que pasa pola praza do médico Ramón Carrera e condúcenos á praza de abastos e á Casa do Concello, esta situada no antigo edificio que mandou construír o filántropo José Carreras Fábregas, quen acumulou unha notable riqueza en Arxentina. A súa idea era crear na súa vila natal unha escola de artes e oficios. A obra foi deseñada polo arquitecto e compositor coruñés Eduardo Rodríguez Losada en 1924. Baixamos pola rúa Clotilde Salomoni, e retornamos de novo á praza de Castelao. Continuamos á esquerda pola rúa Antonio Porrúa, a principal, que daba entrada á vila. Nela observamos interesantes construcións de finais do século XIX e comezos do XX, con galería ou balcóns. Subimos pola rúa Peligros ata a capela de Santo Antón, unha pequena ermida construída a finais do século XVII. Desde este lugar contemplamos unha fermosa panorámica sobre a ría e a propia vila. A partir de aquí, temos a opción de seguir pola rúa Salvador Allende ata o final e logo regresar polo paseo marítimo, ou, se non, baixar pola rúa Peligros e ao chegar a de Rafael Juan tomar á esquerda unha calella transversal, que nos leva tamén ao mesmo paseo. Continuamos por el, pasamos polo miradoiro de Ramón Pais, e seguimos ata o porto, onde finalizamos este roteiro urbano.

Desde Corcubión a través da estrada AC-552 regresamos de novo a Fisterra, punto de partida desta primeira ruta.