Desde Carballo collemos a estrada AC 552 en dirección á Coruña e a uns 3 km, no lugar da Rega, desviámonos á esquerda pola estrada CP 1909 cara a Caión. Á altura de San Miguel de Vilela, se ollamos cara á esquerda, gozaremos de magníficas vistas sobre o espazo natural de Razo e Baldaio. Ao pasar o km 8, colleremos á esquerda a estrada CP-1913 que se dirixe á Pedra do Sal e nos permite visitar este espazo.
Espazo natural de Razo-Baldaio

A orixe de todo este conxunto ecolóxico está na falla de Baldaio, que, en dirección NO-SE, atravesa por Lendo e A Laracha, e chega ata Meirama. As fracturas provocadas polos movementos tectónicos asociados a esta falla determinaron a elevación duns bloques e o afundimento doutros. Os primeiros corresponderíanse cos terreos altos dos rebordes que delimitan toda a depresión, e os segundos foron os que provocaron o entrante costeiro, no que logo penetraría o mar.
Os materiais achegados polos regatos que desembocan nesta enseada foron pouco a pouco colmatando de sedimentos o fondo da depresión e despois a acción das correntes mariñas sería a encargada de formar a barra de area que pechou a saída das augas fluviais e deu orixe á lagoa. Esta foi evolucionando co paso do tempo, transformándose unha parte en pradería e outra en marisma, e reducíndose así a zona hídrica. Polo tanto, neste espazo natural de Baldaio diferéncianse varios biótopos ou hábitats: praia, dunas, xunqueira, marisma e lagoa.
A praia está constituída polo extenso areal que se formou debido á prolongación da barra de area desde Razo ata a Pedra do Sal, acadando unha lonxitude de máis de cinco quilómetros. As formas na praia son moi cambiantes segundo a acción das mareas e o estado do mar. Percibimos así microacantilados, rizaduras na area (ripple-marks) ou leitos de pedras producidos pola acción do vento.
As dunas constitúen a barreira de area que separa a marisma e a lagoa do mar. O seu tamaño oscila entre os cinco e sete metros de altura, estendéndose ao longo duns tres quilómetros no sentido leste-oeste. Diferéncianse tres tipos de dunas: primarias, as máis achegadas á praia e móbiles, por estaren menos colonizadas pola vexetación; as secundarias, máis fixas e retiradas do mar; e por último, as terciarias, xa totalmente inmóbiles e fixadas pola vexetación. Este cordón de dunas aparece cortado por corredores transversais polos que penetra o mar en momentos de grandes temporais.

A xunqueira sitúase ao oeste da lagoa e ocupa aproximadamente unhas 100 ha. Ten forma triangular e está delimitada polas dunas, a lagoa e as terras de labranza. Formou tempo atrás parte da lagoa, pero foise colmatando ata converterse nunha chaira cuberta de vexetación. Durante o outono e o inverno as partes máis baixas anéganse de auga doce.
A marisma esténdese principalmente cara ao sur da lagoa. Está formada por masas de lama e bancos de area sucados por canles polas que penetra a auga das mareas e polas que desaugan os regatos que desembocan aquí. Hai zonas que temporalmente quedan asolagadas. Na zona máis próxima á lagoa medran plantas que soportan a salinidade, coma as salicornias ou a acelga salgada.
A lagoa ocupa a parte máis oriental da depresión. Ten forma ovalada, co eixo maior en dirección leste-oeste. A súa masa de auga varía segundo o estado das mareas e do caudal dos ríos que verten aquí as súas augas. Atópase bastante alterada pola intervención humana, sobre todo pola pista que se construíu en 1975, que a dividiu en dúas partes. Unha máis grande, ao norte, e outra, de menor tamaño, na parte sur. Nela podemos atopar plantas subacuáticas coma a leituga de mar.
Toda esta zona é rica en nutrientes químicos, o que fai que a vida microscópica se desenvolva con plenitude. De aí que a fauna sexa abundante e varíe segundo o tipo de ecosistema. Na lagoa viven moluscos (berberecho, ameixa ou longueirón); crustáceos (cangrexo ou camarón) e peixes (robalizas ou muxos). As aves esténdense por todo o espazo. Na época de outono e inverno, é lugar de parada de aves migratorias. As limícolas e as anátidas son as máis abundantes.
Desde sempre na marisma houbo un aproveitamento dos recursos marisqueiros por parte da poboación local, ata que en tempos do franquismo se lle fixo unha concesión a unha empresa para instalar unha factoría piscícola e marisqueira, aínda que isto fose a escusa para a extracción e venda de area. Isto desencadeou un grave conflito cos veciños, aos que prohibiron seguir mariscando. Despois dunha longa loita de máis de corenta anos, a veciñanza recuperou os seus dereitos.
A intervención humana alterou de xeito grave a situación deste espazo natural, polo que resulta imprescindible tomar todo tipo de medidas protectoras para evitar que a degradación siga en aumento.
Desde a Pedra do Sal collemos á esquerda por unha vía que pasa por Imende e nos leva á estrada que vai a Caión.
Despois do km 12 desta estrada, na banda esquerda temos un extraordinario miradoiro sobre esta vila mariñeira e a península na que se asenta. Polo que convén facer unha parada neste lugar.