Unha vez rematada a visita á igrexa parroquial de Santa María das Areas, emprendemos camiño cara ao cabo e faro Fisterra. Nós recomendamos percorrer a pé estes tres quilómetros, unha ruta que nos ofrece excelentes panorámicas sobre a ría de Corcubión, o monte Pindo, que se eleva fronte a nós como un xigante granítico a carón do mar, o extenso areal que forma a praia de Carnota, e, máis ao sur, a alongada península do Barbanza que remata na punta de Corrubedo.

A península que forma o cabo Fisterra, que penetra no mar algo máis de tres quilómetros, presenta dúas caras moi distintas: a norte, bañada polo mar de Fóra, é dicir, o océano aberto e temible, que bate con forza nos abruptos cantís e na praia que leva o nome dese mar; e a sur, cun mar máis maino, que mostra na praia da Langosteira a cara máis amable.
A situación desta punta no extremo occidental da península Ibérica, e, como consecuencia, do continente europeo, onde a terra chegaba ao seu fin para o mundo clásico e comezaba o inmenso océano, determinou que moita xente sentise a curiosidade de achegarse a estas terras da fin do mundo antigo para contemplar ese mar bravío e cheo de lendas que falaban de seres monstruosos, difícil de navegar polas súas axitadas augas.
Os autores clásicos nos seus escritos sobre o occidente peninsular fan referencias a estas terras fisterrás, habitadas polos nerios. O cabo Fisterra poderíase corresponder co promontorio Nerio ou Céltico segundo recollen esas fontes antigas. Tamén hai quen sitúa nesta península fisterrá as Aras Sestianas, dedicadas ao emperador Augusto.
Na Idade Media vincúlase a Fisterra coa ruta xacobea. Na lenda sobre o traslado dos restos do Apóstolo Santiago a Galicia, recollida no Códice Calixtino, aparece citada a cidade lendaria de Duio, que estaría situada detrás da praia da Langosteira. Tamén a tradición cristiá vencella a Santiago como predicador por estas terras afastadas, fecundas en cultos pagáns. O Apóstolo, desesperado pola resistencia ás súas prédicas, fixo desaparecer baixo as augas esta cidade habitada por infieis, e logo canso, retírase a meditar ás pedras de Muxía. A ermida de San Guillerme, situada na aba leste do monte Facho, tamén se relaciona co culto xacobeo, pois ata aquí acudían os antigos peregrinos a redimir as penas a que eran sometidos.

No extremo do cabo Fisterra a partir do século XIX construíronse varias edificacións, entre todas elas destaca o faro, situado a uns 143 metros de altitude. Un edificio rectangular de dúas plantas e unha máis na parte central, pintado de branco e cos rebordes das aberturas e dos extremos en cantería. No seu interior albergaba as vivendas dos fareiros e outras dependencias para o servizo do faro. Na parte posterior sobresae a torre de forma octogonal, coroada pola lanterna. Un edificio proxectado polo enxeñeiro Félix de Uhagón en 1853. Faro de primeira orde. Emite un lampexo cada 5 segundos, que alcanza unha distancia de 31 millas (uns 57 km).
Cando os fareiros deixaron de ocupar o edificio, algunhas dependencias da planta baixa adaptáronse para fins culturais e turísticos. No seu interior realizáronse exposicións e actos culturais, ademais de cumprir a función de oficina de información turística, pero desde hai anos permanece pechado, a pesar de que este lugar é un dos máis visitados de toda Galicia.
Algo máis ao sur sitúase o edificio da sirena, de planta rectangular, que entrou en funcionamento en 1889, do que sobresaen dúas buguinas que emitían estrondosos sons cando había cerrazón de néboa. Popularmente coñécese como a Vaca de Fisterra, pola imitación do son co bruar deste animal.
Máis ao norte, sobre un promontorio máis elevado destaca o edificio do Semáforo, antiga estación de emisión de sinais mariñas, obra do enxeñeiro Joaquín López Vázquez, que entrou en funcionamento en 1883. Foi rehabilitado polo arquitecto César Portela para destinalo á hostalería.