O promontorio granítico que dá lugar ao cabo Vilán prolóngase en dirección norte, e remata no illote do Vilán de Fóra. Toda esta punta está constituída por unha costa moi escarpada con pronunciados cantís que descenden case en vertical cara ao mar. Estamos diante dun litoral rodeado de abundantes baixos rochosos e moi perigoso para a navegación, de aí as numerosas catástrofes que se produciron ao longo do tempo e a necesidade de construír un faro neste lugar.
A primeira sinal marítima que se instala data do ano 1854, trátase do faro antigo que se construíu sobre unha pequena elevación que hai ao sur do faro actual. Unha obra mal proxectada e que non reunía as condicións de sinalización que precisaba este perigoso tramo costeiro. Un faro de escasa potencia e pequenas dimensións, e por riba, cunha localización inadecuada. Desa primeira construción tan só se conservan restos da súa torre.
A mala situación deste primeiro faro e as precarias condicións técnicas do mesmo determinaron que axiña se pensase na construción dun novo faro, situado no promontorio máis achegado ao mar.

Os enxeñeiros Francisco Lizárraga e Adolfo Pequeño foron os encargados de realizar o proxecto desta nova obra, que saíu a apoxa en 1886. A pedra extraerase da canteira de Pena Maior, situada a uns cinco quilómetros. A obra prolongouse durante algúns anos por mor da súa complexidade. O 15 de xaneiro de 1896 entrou en funcionamento.
Foi o primeiro faro de España en utilizar enerxía eléctrica, producida por dúas máquinas de vapor. O cadro de persoal estaba constituído por seis torreiros, incluídos o maquinista e o fogueiro, ampliándose máis tarde con outro maquinista e un torreiro.
A torre, de forma octogonal, esta choída con pezas de granito, e xunto coa lanterna, acada unha altura duns 25 metros do terreo e 104 con respecto ao nivel do mar.
A falta de superficie arredor da torre obrigou a construír o edificio de vivendas e a sala de máquinas na explanada que había máis abaixo. Nun principio o edificio para albergar aos fareiros era dunha soa planta e en 1909 engadíuselle a segunda. Cara ao ano 1924, coa chegada da corrente eléctrica por cable, derrubouse o edificio de máquinas de vapor e o soar converteuse na explanada que hai diante das vivendas.
No ano 1922, púxose en funcionamento o radiofaro Telefunken de chispa, que daba un sinal en código morse igual que o luminoso. No 1926 substituíuse o mecanismo de rotación do faro, e en 1962 instalouse a sirena e unha nova óptica e lanterna.
Nos últimos anos cos materiais que se foron retirando nas diferentes reformas, instalouse nunha parte do baixo do edificio un pequeno museo, con pezas, como a turbina da antiga máquina ou a óptica con lámpada de arco voltaico que se retirou no ano 1962.

O entorno do cabo Vilán ten especial interese tamén pola colonia de aves mariñas que aniñan aquí, como a gaivota tridáctila, o arao dos cons ou o corvo mariño cristado.