Esta punta é a máis occidental de Galicia, e, polo tanto, da España continental (Coordenadas: 43º 03’ 20’’ lat. N e 9º 17’ 54’’ lonx. O).
Hai dúas épocas do ano nas que neste lugar se pon o último raio de sol da Europa continental. A primeira, entre o 21 de marzo e o 23 de abril e a segunda, entre o 13 de agosto e o 22 de setembro, segundo o estudo realizado polo físico baiés Jorge Mira Pérez. Touriñán toma o relevo do cabo Roca en Portugal e cédello ao cabo Vardetangen, en Noruega.
O promontorio está constituído por unha península duns dous quilómetros de longo, que remata na punta Buxeirados e uns 900 m na parte máis ancha, pero cun istmo de 300 m entre o Porto da Insua e a enseada do Saco de Touriñán. Trátase dunha lingua de terra agreste moi afectada polo vento que non permite a vexetación arbórea, toda ela está cuberta por un manto de toxo e queiroas.
A súa liña litoral está formada por unha costa escarpada e rochosa, con perigosos baixos, que dificultan a navegación nas súas proximidades. O máis perigoso de todos eles é a Laxe de Touriñán, situado a tres cuartos de milla cara ao oeste do cabo. Un lugar no que embarrancaron numerosos barcos. Esta cantiga popular recolle a dificultade para cruzar esta punta:
Santo Cristo de Fisterra, santo da barba dourada, axúdame a remontar a Laxe de Touriñana.
Na parte oeste sitúase o illote do Herboso ou Castelo, ao que se pode acceder a pé de marea baixa. Sobre el aséntanse os restos dun castro, do que recibe o nome.
O faro sitúase na punta occidental do promontorio. O edificio antigo, de planta cadrada, está choído en cantería, recebado de branco, deixando a pedra á vista nas aberturas e nos esquinais. Inaugurouse o 15 de decembro 1898. Os planos son obra do enxeñeiro Adolfo Pequeño, un dos redactores do proxecto do novo Vilán, e datan de 1884. Trátase dun edificio cuadrangular de 14 m de lado, con tellado a catro vertentes e unha pequena torre que apenas sobresae do vértice superior do tellado, rodeada por un balcón con varandas de ferro e unha lanterna de cristais planos e montantes verticais. Arredor desta torre octogonal que ocupaba o centro do edificio distribuíanse as dependencias para vivir os dous torreiros coas súas familias e outros espazos para o servizo. Este primeiro faro emitía unha luz branca fixa cun alcance de 10 millas, producida por unha lámpada “Mares” de parafina e cun aparello óptico procedente do faro antigo do cabo Vilán. No ano 1918 reformouse a óptica, para producir ocultacións en grupos de 2 e 1 cada 15 segundos. Tamén se lle instalou unha nova lámpada que funcionaba con vapor de petróleo a presión, cun alcance de luz de 20 millas (37 km).

En 1981 construíuse o novo faro, con moi pouco gusto estético, que substituíu ao antigo. Unha torre cilíndrica de formigón de 3 m de diámetro e 14 de altura, con dous balconciños circulares con varandas metálicas e unha cúpula que acolle a lanterna. Funciona cunha lámpada eléctrica de 1500 vatios, que proxecta a luz a unha distancia de 24 millas.
Retornamos do cabo Touriñán e ao chegar ao cruce do Seixo, a uns 4 km, viramos á esquerda en dirección a Viseo e ao chegar a esta aldea, collemos de novo á esquerda a estrada que leva a Cuño, Lourido e Muxía. Unha estrada estreita e con bastantes curvas que bordea a costa, pero que nos permite gozar de espléndidas paisaxes sobre este litoral.
Ao chegar a Lourido a estrada anchéase debido ao novo trazado que se realizou para dar servizo ao Parador Costa da Morte, situado preto deste núcleo

A idea de construír este parador xurdiu a raíz da catástrofe do Prestige, que no ano 2002 produciu unha enorme marea negra en todo o litoral galego, sobre todo na Costa da Morte.
O obxectivo deste proxecto era impulsar a economía desta zona a través do turismo, pero a súa execución foi moi lenta, pois prolongouse durante 18 anos. Este novo establecemento hoteleiro non abriu as súas portas ata o 25 de xuño de 2020, pero fíxoo con moito éxito pola numerosa demanda que tivo ese verán e que se está a consolidar co paso do tempo.
O autor do proxecto foi o arquitecto vigués Alfonso Penela, que ideou un edificio construído en escaleira para que se adaptase ao desnivel do terreo, e reducir deste xeito o impacto ambiental. Contribúen tamén neste sentido as cubertas vexetais dos pavillóns nos que se sitúan os cuartos, que gozan de extraordinarias vistas sobre a praia de Lourido.
O conxunto ocupa unha parcela de 128.000 m2 e consta de 63 habitacións, salón de actos, restaurante, cafetería, spa, piscina e outros espazos comúns. Unha construción cunha liña vangardista na que o cristal e a madeira destacan como materiais utilizados.
Para o seu mobiliario e elementos decorativos tívose en conta a natureza, a historia e cultura da zona, realizado cun deseño sinxelo e atemporal, no que o pasado se combina co presente. Na decoración interior percíbese unha mostra da arte, fotografía ou da artesanía de Muxía e da Costa da Morte. Esta influencia local tamén se observa na colección de libros que ocupan os andeis da súa biblioteca.
Desde Lourido trasladámonos a Muxía, unha parada obrigada dentro deste primeiro roteiro.