A poucos metros de saír da igrexa de Moraime collemos á dereita a estrada cara a Cee e Corcubión, que pasa por Morpeguite e Vilarmide. Neste lugar, se nos desviamos á esquerda cara a Coucieiro e Trasufre, temos oportunidade de visitar as Caldeiras do Castro, un espazo de gran interese natural e xeolóxico á beira do río Castro, formado polo encaixamento da súa canle ao cruzar por unha zona granítica, no que as augas baixan formando rápidos e fervenzas, conseguindo labrar nas rochas do leito grandes pías ou marmitas de xigante, coñecidas a nival local polo nome de caldeiras. Na área recreativa que hai antes de chegar ao río atópase a capela de Santo Outelo, do século XVII, e un cruceiro da mesma época.

Á saída das Caldeiras do Castro collemos á dereita cara a Trasufre, onde se sitúa o santuario da Virxe do Espiño ou da Santiña, que celebra a súa festa o 21 de setembro. Esta estrada desemboca na comarcal 552 que nos conduce a Cee e Corcubión.
Se non decidimos visitar as Caldeiras do Castro, continuamos pola estrada CP-2303, que atravesa o río Castro na ponte Constante e na Pereiriña enlaza coa AC-552.
Ao chegar á rotonda de Lobelos, en lugar de desviarnos para Fisterra, continuamos de fronte para visitar a vila histórica de Corcubión, a última parada que faremos desta ruta.