Capítulo:

RUTAS A PÉ, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS A PÉ, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Camiño dos Faros

190. Portada Do Libro De Ruta A Pie Por A Costa Da Morte
Portada do libro de Ruta a pie por A Costa da Morte

Esta ruta a pé de longo percorrido esténdese desde Malpica ata o cabo Fisterra seguindo a franxa litoral entre estes dous puntos. Naceu como unha iniciativa dun pequeno grupo de persoas que a finais do ano 2012 tomaron a decisión de realizar esta aventura a pé, enfrontándose a moitas dificultades porque en boa parte dos seus tramos non existía un camiño con mínimas condicións para poder transitar. Logo de varias etapas durante fins de semana, lograron chegar ao cabo Fisterra o 26 de xaneiro de 2013.

Antes desta atrevida iniciativa houbera un par de propostas con esta mesma intención de trazar unha ruta costeira a pé por esta mesma rexión, aínda que menos arriscada e ambiciosa, xa que evitaba os tramos de camiño polas zonas de costa máis accidentadas. A primeira delas denominada “Itinerario a pé pola Costa da Morte”, recollida no libro Deporte e aventura na Costa da Morte (Edicións Lea, 1998). Esta ruta coincidía no inicio e na chegada coa do Camiño dos Faros e tamén se dividía en oito etapas.

A segunda proposta data do ano 2011, baixo o epígrafe de “Ruta a pié por A Costa da Morte”. Correspóndese co título do libro publicado pola Asociación Nería, ese mesmo ano. Nesta ocasión o itinerario ía desde Malpica a Muros, dividido en 10 etapas. Ademais da descrición da ruta e mapas de cada etapa, no libro recóllese información sobre aqueles espazos naturais ou restos históricos de maior interese que se atopan ao longo do camiño.

Este proxecto da Asociación Neria inaugurouse cun acto na vila de Malpica e a realización dunha etapa do itinerario en maio de 2012 entre a punta do Roncudo e o dolmen de Dombate. A crise na que xa estaba inmersa esta asociación impediu que o proxecto se consolidase. O libro distribuíuse en actos de promoción turística e establecementos deste sector e tamén entre persoas que se interesaron por el.

Sen embargo, hai que recoñecer que a proposta dos promotores do Camiño dos Faros, máis achegada ao mar, con maior dificultade e máis arriscada, aportoulle maior emoción e atractivo a este itinerario litoral, diferenciándoo dos anteriores como así o recolle o periodista do diario El Mundo (28/07/2015), Javier Mazorra, nunha reportaxe que lle dedica ao Camiño dos Faros:

“Coincide en varios tramos con la antigua Ruta a pé pola Costa da Morte pero a diferencia de esta, la casi totalidad de sus doscientos kilómetros de trayectoria se hacen a lo largo de la misma costa, casi siempre por senderos, sin perder nunca de vista el mar”.

Este itinerario do Camiño dos Faros entre Malpica e cabo Fisterra supón un percorrido duns 200 km, bordeando todo o litoral e está sinalizado con frechas e puntos de cor verde. Divídese en 8 etapas de diferente lonxitude segundo as dificultades do trazado e as condicións apropiadas dos lugares para finalizar cada un dos tramos.

A etapa máis curta e doada de realizar é a de Laxe-Arou, con 18 km e a máis longa, a de Camariñas-Muxía con 32, 6 km. As dificultades do trazado van en aumento na medida que se vai avanzando nas etapas, as dúas últimas quizais sexan as máis duras.

A media de duración de cada unha das etapas está entre 8 e 9 horas, a un ritmo de 3 km/ h, pensado para que o camiñante goce da paisaxe que vai vendo durante o percorrido.

A finais do ano 2013 créase a asociación Camiño dos Faros coa finalidade de consolidar esta ruta litoral e que se manteña no tempo. Durante este ano organizáronse dúas edicións deste itinerario, unha durante o verán e outra a finais de ano. No ano seguinte tamén se programaron outras dúas, unha na primavera e outra no outono; e no 2015, organizouse unha durante a primavera. En todas elas houbo unha elevada participación. Esta asociación realizou unha activa campaña nas redes e medios de comunicación coa intención de promocionar esta proposta de sendeirismo e contactou coas diferentes administracións para a súa homologación, tarefa que non foi capaz de levarse a cabo debido ás numerosas trabas coas que se atopou. A maioría de nós descoñecemos cales foron as dificultades para que esta interesante proposta non se chegase a homologar como ruta de longo percorrido despois do éxito acadado, pois para a Costa da Morte representa un recurso turístico de gran interese e ademais contribúe a vertebrar o territorio desta rexión costeira. Sería unha mágoa que se desperdiciase un recurso coma este cando todos os concellos polos que transcorre están de acordo en que o proxecto se consolide.

> Etapas de O Camiño dos Faros

Etapa 1: Malpica-Niñóns, 21,3 km

191. Praia Da Seiruga
Praia da Seiruga

Esta etapa iníciase na vila mariñeira de Malpica e continúa en dirección á capela de Santo Adrián. Pasa polas praias de Area MaiorCanido e Seaia e logo vai ascendendo ata a fonte e a ermida de Santo Adrián, lugar onde se celebra unha concorrida romaría no mes de xuño. Desde este lugar obsérvanse espléndidas vistas de Malpica e as illas Sisargas. Sobre a Sisarga Grande destaca o faro (1853), un dos primeiros que se construíron nesta costa.

Despois de bordear esta punta de Santo Adrián, pasamos polas praias de Beo e A Seiruga. Nesta última temos que cruzar o río de Vaa. No verán resulta doado, pero no inverno é máis difícil polo abondoso caudal.

A partir do porto de Barizo o camiño faise máis difícil polo ascenso á península da Nariga. No extremo desta península atópase o faro de punta Nariga, un edificio de recente construción, obra do arquitecto César Portela. A ruta continúa bordeando esta costa acantilada e despois de pasar pola enseada do Lago chegamos á praia de Niñóns, final deste primeiro tramo.

Etapa 2: Niñóns- Ponteceso, 27,1 km

192. Praia De Dunas Da Barra
Praia de dunas da Barra

Esta segunda etapa rodea a península do Roncudo e presenta dúas partes que ofrecen paisaxes moi diferentes. Unha primeira, dun litoral rochoso e escarpado, que acompaña ao camiñante ata a punta do Roncudo, e unha segunda, de costa máis suave e areais máis protexidos, que finaliza no esteiro do río Anllóns.

Iniciamos a ruta na praia de Niñóns e desde alí por un camiño costeiro trasladámonos ao pequeno porto de Santa Mariña. Logo, seguindo un tramo de costa acantilada, chegamos á enseada e areal da Barda, para despois emprender o camiño que bordea a parte norte desta accidentada península. Pasamos pola aldea do Roncudo, un pequeno núcleo situado nesta agreste paisaxe. O camiño continúa bordeando a península ata a punta do Roncudo, o lugar máis emblemático de todo este litoral, onde se sitúa o faro. Desde aquí trasladámonos ata a vila mariñeira de Corme, o núcleo máis importante da parte norte da ría e berce do insigne mariño Francisco Mourelle de la Rúa (1750-1820).

A ruta continúa a través das praias do Osmo e da Ermida e bordea a parte norte da ría. Pasa pola acolledora praia de Balarés, cun amplo espazo verde arredor. A partir de aquí continuamos por un estreito sendeiro que bordea a costa, ata chegar á praia e as dunas da Barra. Se desexamos gozar de magníficas vistas da contorna, temos que subir á cima do monte Branco e baixar de novo á beira do esteiro do río Anllóns. Logo seguimos o camiño que nos conduce a Ponteceso, final desta etapa.

Etapa 3: Ponteceso-Laxe, 25,3 km

193. Praia Do Pendón (cabana De Bergantiños)
Praia do Pendón (Cabana de Bergantiños)

Esta terceira etapa que se inicia ao pé da casa do poeta Eduardo Pondal (1835-1917), despois de atravesar a ponte sobre o río Anllóns, entra no concello de Cabana de Bergantiños e percorre a banda esquerda do esteiro deste río e a zona sur da ría de Corme e Laxe. Realiza un desvío cara ao interior para visitar dous centros arqueolóxicos de grande interese: o castro A Cidá de Borneiro e o dolmen de Dombate.

A primeira parte do camiño discorre pola marxe esquerda da enseada da Insua, primeiro por unha zona de monte e despois polo paseo que bordea as praias da Orexeira e do Pendón e chega á enseada do Lodeiro. Logo, a través do sendeiro do rego dos Muíños sobe ao castro A Cidá de Borneiro, un poboado prehistórico da Idade do Ferro. Desde alí trasládase ao dolmen de Dombate, o monumento megalítico máis coñecido de Galicia. Despois o camiño ascende ao cume do monte Castelo, a mellor atalaia para gozar desta fermosa paisaxe costeira.

No caso de non visitar o castro A Cidá nin o dolmen de Dombate, a ruta recortaríase en case 10 km e tería un trazado moito máis suave. Desde a enseada do Lodeiro subiriamos á igrexa de Canduas e logo continuariamos polo mesmo camiño proposto.

Logo a ruta descende cara a Canduas e achégase de novo á costa cabanesa e cruza as praias de Rebordelo e San Pedro. Continúa polos cantís que rodean a punta do Cabalo, e, despois, en dirección sur, bordea a enseada dos muíños de Frexufre. A continuación alcanza o Cabo da Area, extremo leste da extensa praia, que atravesamos ata chegar á vila de Laxe, final desta etapa.

Etapa 4: Laxe-Arou, 18 km

194. Praia De Soesto
Praia de Soesto

Esta é a etapa máis curta e de trazado máis doado de toda a ruta. Iníciase no porto de Laxe, moi preto da igrexa parroquial de Santa María da Atalaia, un templo gótico que convén visitar. Logo seguimos pola senda de curto percorrido PR-G 70 que rodea a península da Insua, que nos leva ao faro, á furna da Espuma e á praia dos Cristais.

Continuamos circundando este tramo de costa acantilada a través da enseada Baleeira e da punta do Peñón ata a praia de Soesto, un amplo areal cunha ondada axeitada para a práctica do surf. Ascendemos cara ao alto do monte Castrallón e rodeamos a punta Catasol. Despois continuamos pola praia do Arnado ata o seguinte areal que forma a extensa praia de Traba, na que se formou unha pequena lagoa costeira, un espazo apropiado para avistar aves.

Pasada esta praia, o camiño entra nunha zona granítica, que nos ofrece penedos de múltiples formas, que chaman a atención do camiñante. Seguimos pola enseada de Sabadelle e pasamos polos coídos da Señora e de Sabadelle. Axiña estamos ás portas da enseada e vila mariñeira de Camelle. Este pequeno porto pesqueiro é coñecido, sobre todo, pola figura de Man, un alemán que viviu aquí corenta anos e deixou unha fonda pegada. Hai un museo que recolle parte da súa obra.

O noso seguinte destino é a pequena vila de Arou, á que chegamos a través dun camiño que bordea a costa e que nos leva á súa fermosa praia, onde remata esta cuarta etapa.

Etapa 5: Arou-Camariñas, 23,8 km

195. Praia De Trece Co Monte Branco Ao Fondo
Praia de Trece co monte Branco ao fondo

Esta etapa é a máis representativa do Camiño dos Faros porque percorre un tramo de costa que mostra as características máis propias dun litoral rochoso e recortado, e con moito perigo para a navegación, causante de múltiples naufraxios, que deron orixe ao topónimo Costa da Morte.

O percorrido iníciase seguindo a pista que conduce á solitaria praia das Lobeiras e continúa por un tramo costeiro de acantilados perigosos, circundado por puntas e pequenas enseadas, que leva ao pequeno porto de Santa Mariña.

Desde aquí o camiño sobe ao Penal do Veo e descende pola ladeira oeste na que se formou a impresionante duna de monte Branco. Desde o alto gozamos dunha inmellorable panorámica sobre a praia do Trece e cabo Tosto. Logo de atravesar este extenso e salvaxe areal chegamos ao Cemiterio dos Ingleses, un dos maiores símbolos de todo este litoral, onde foron soterrados os corpos que o mar botou cara á terra, do barco británico Serpent, que o 10 de novembro de 1890 bateu contra a punta do Boi.

Agora a ruta continúa pola pista de terra que segue paralela á costa e nos permite contemplar magníficas panorámicas sobre o cabo e o faro Vilán. Pasa polas praias de Reira, o alto da Pedrosa e a enseada da Arliña e desemboca na estrada que conduce ao faro Vilán, outro dos lugares máis simbólicos da Costa da Morte. Foi o primeiro faro que alumou con enerxía eléctrica en España. Tanto pola súa localización como pola construción da súa torre, está considerado como un dos mellores edificios deste tipo de toda a costa peninsular.

Desde o faro collemos a senda costeira que nos leva á capela da Virxe do Monte, despois de pasar a punta do Corno e do Castelete. O antigo santuario que mira ao Atlántico sitúase sobre o monte Farelo, un lugar estratéxico para contemplar a costa de Muxía.

Regresamos á senda litoral que continúa pola praia do Lago e a punta Villueira e chega ás ruínas do castelo do Soberano, unha fortaleza levantada a mediados do século XVIII. Ata aquí chegan as casas da vila de Camariñas. Continuamos pola rúa que baixa ao porto, lugar onde remata esta quinta etapa.

Etapa 6: Camariñas- Muxía, 32 km

196. Camiñantes Pola Praia De Area Maior Dos Muíños .
Camiñantes pola praia de Area Maior dos Muíños .

Estamos diante da etapa máis longa desta ruta litoral, que circunda a ría de Camariñas e une as dúas vilas mariñeiras da súa marxe: Camariñas e Muxía. O trazado contrasta co da etapa anterior, que pasa dun mar bravo e costa acantilada a converterse nun litoral suave e protexido, cheo de vexetación e abundantes areais.

Saímos de Camariñas e ao final do núcleo encontrámonos coa praia da Area de Vila, e máis adiante, coa enseada da Basa, un espazo marisqueiro no que abunda o berberecho e a ameixa. O camiño bordea esta enseada e o monte da Insua e pasa polas praias de Area Branca e do Ariño, esta xa no esteiro do río do Porto.

Desde A Piosa a ruta segue a beira da estrada e cruza por Dor e O Allo ata a vila da Ponte do Porto, antigo centro comercial dos núcleos da redonda, onde se celebraba unha concorrida feira. Cruzamos o río do Porto, pola ponte que lle dá nome a este núcleo e seguimos o paseo fluvial que nos leva a Cereixo, parroquia xa de Vimianzo. Un lugar acolledor no que destacan o muíño de mareas, a igrexa románica de Santiago e as torres, que foron dos condes de Maceda.

Logo de camiñar un tramo pola estrada, a senda introdúcese nunha zona boscosa cara á beira da ría. Pasada a furna do Sapo e a praia de Area Grande, chega á praia da Barreira ou de Leis, separada da praia do Lago por un saínte rochoso no que se sitúa un pequeno faro. A praia do Lago é unha das máis fermosas e concorridas desta ría. Deixamos este atractivo lugar, e. despois de cruzar a ponte e andar un tramo pola estrada, tomamos unha pista que nos conduce a Merexo, unha aldea con abundantes casas tradicionais e bos hórreos.

Desde este núcleo continuamos polo tramo do camiño xacobeo ata os Muíños, para despois baixar pola senda fluvial que segue o curso do río Negro, acompañados dun frondoso bosque autóctono e varios muíños, que nos leva á Area Maior, outra excelente praia desta ría.

Desde aquí ascendemos á aldea de Chorente, e para chegar alí preséntansenos dúas posibilidades: unha primeira, seguindo un sendeiro que sae ao final da praia e a través do monte, lévanos a ese núcleo; e unha segunda, tomando a estrada asfaltada e logo coller á dereita o camiño xacobeo que conduce a Moraime, un destacado centro histórico e arquitectónico, no que destaca a súa espléndida igrexa románica. Desde alí trasladámonos a Chorente. Logo baixamos á praia do Espiñeirido e collemos o paseo de madeira que conduce a Muxía. Atravesamos esta vila e continuamos o camiño en dirección ao santuario da Virxe da Barca, final desta etapa.

Etapa 7: Muxía-Nemiña, 25, 3 km

197. Grupo De Camiñantes Na Ruta De Touriñán Nemiña.
Grupo de camiñantes na ruta de Touriñán Nemiña.

Esta etapa quizais sexa a máis dura de toda esta longa ruta costeira, sobre todo, o tramo que vai desde a praia de Lourido ata a praia de Moreira (9,3 km), un traxecto con pronunciadas subidas e baixadas.

A ruta comeza na praza do Coído de Muxía, onde tomamos a estrada cara a Lourido ata a baixada á praia deste nome. Atravesamos este areal e de fronte vemos o edificio do parador Costa da Morte, situado nunha ladeira do monte. O camiño bordea a costa ata o coído de río Escuro, onde comeza o empinado ascenso ao monte Cachelmo, desde o que gozamos de magníficas vistas sobre Muxia. Logo descendemos ata a pequena praia da Arnela e volvemos a subir outra costa pronunciada pola parte leste da península da Buítra ata a pista que conduce ao extremo desta, pola que seguimos. Agora o camiño bordea esta punta pola parte oeste e ofrece boas panorámicas sobre o cabo Touriñán. Baixamos ata o coído de Cuño e ao pasar un pequeno regato, emprendemos a subida ao monte Pedrouzo (272 m). Camiñamos un tramo por el e descendemos cara á praia de Moreira.

A partir deste lugar o camiño faise máis suave e por medio dunha pista condúcemos cara ao cabo Touriñán, ao que rodeamos primeiro pola parte dereita ata o faro. Atopámonos no punto máis occidental da España peninsular. Agora a senda rodea a península pola parte oeste ata o coído de Touriñán.

Continuamos pola aldea de Campos, onde nos desviamos á dereita pola pista que leva a Nemiña ata o desvío cara a Talón. Desde aquí baixamos á praia de Nemiña, un amplo areal que acolle moitos surfistas, final desta penúltima etapa.

Etapa 8: Nemiña-Cabo Fisterra, 26,9/22,2 km

197 Naufraxio Do Cason
Naufraxio do Cason

Esta última etapa do Camiño dos Faros tamén ten un percorrido dificultoso polas pronunciadas pendentes nalgúns dos seus tramos, sobre todo nas inmediacións do cabo da Nave e do monte Facho.

O inicio da etapa podemos facelo na praia de Nemiña, onde rematou a anterior ou en Lires. De facelo en Nemiña, temos o inconveniente de cruzar o río Castro a pé, que tan só se pode facer de marea baixa e no verán. Se non teriamos que dar un rodeo de máis de tres quilómetros e cruzalo pola ponte de Vaosilveiro. Se comezamos a ruta en Lires, aforrariamos este rodeo e en lugar de camiñar 26,9 km, percorreriamos 22,2.

Desde Lires dirixímonos á praia desta mesma denominación para despois continuar a ruta pola costa. Pasamos polas praias de Area Pequena e Area Grande e polos acantilados de punta da Lagoa e punta Besugueira e chegamos á salvaxe praia do Rostro, un extenso areal moi batido polo mar.

A partir de aquí afrontamos outra zona de acantilados provocados polo monte Castelo. Nun saínte da beiramar sitúase o poboado castrexo de Castromiñán. Nesta zona embarrancou en 1987 o barco Cason que provocou o pánico en toda a poboación desta comarca.

Despois de pasar a arredada praia da Arnela, iniciamos o tramo máis duro desta etapa, o ascenso ao monte Veladoiro, que forma o cabo da Nave. A través dunha forte pendente baixamos cara á praia do Mar de Fóra, o último dos areais desta ruta costeira. Logo seguimos o camiño que nos conduce á pequena aldea da Insua e desde aquí collemos a pista que bordea o monte Facho pola parte occidental e chega a súa cima. Este último esforzo verase compensado polas espectaculares panorámicas das que gozaremos desde esta sensacional atalaia. Agora a través dun cómodo descenso baixamos ao faro Fisterra, punto final desta extraordinaria aventura que comezamos en Malpica. Logo de oito xornadas, este Camiño dos Faros non podía ter un mellor remate que o cabo e faro Fisterra, fin do continente europeo

198. Praia Do Mar De Fora E Cabo A Nave
Praia do Mar de Fora e cabo A Nave
Page 105
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.