Capítulo: 3

CONTEXTO XEOGRÁFICO

Concellos de Mazaricos e Carnota

Os concellos de Mazaricos e Carnota uníronse á rexión da Costa da Morte pola súa proximidade á comarca de Fisterra, aínda que o primeiro pertenza a bisbarra do Xallas, xunto con Santa Comba, e o segundo á de Muros.

Mazaricos, aínda que se sitúa preto da costa, as súas terras están illadas do litoral pola barreira montañosa que forma o monte Pindo. As terras do concello mazaricán forman parte da meseta do Xallas. As zonas máis chairas sitúanse ao norte e leste e as partes máis elevadas no centro, arredor do monte Aro e ao oeste, no que se elevan os montes da Ruña (641 m), a maior altura do municipio e as ladeiras do monte Pindo.

Entre estas elevacións ábrense os vales de Mazaricos, Beba e Arcos, atravesados polos ríos dos mesmos nomes, afluentes do río Xallas, que discorre pola parte occidental do concello e encora as súas augas en varias presas, a maior delas o encoro da Fervenza, construído en 1965.

As terras do leste do municipio están regadas polo río Maroñas, tributario tamén do Xallas e o río Santa Baia, que verte augas á ría de Noia.

O clima atlántico deste concello, que favorece a produción de pastos e plantas forraxeiras, fixo que a súa actividade económica principal se orientase cara á gandería vacúa especializada na produción leiteira.

A capital municipal sitúase na Picota, núcleo no que se concentran os principais servizos das doce parroquias que constitúen este concello.

concello de Carnota, está constituído por unha alongada franxa litoral que se estende desde a desembocadura do río Xallas, ao norte, ata a praia de Lariño, ao sur. A liña divisoria coas terras do interior comeza no mítico monte Pindo, que supera os 600 m de altura e continúa cara ao sur a través dunha zona montañosa que forma os rebordes máis suroccidentais da meseta do Xallas, que, de xeito brusco, descende cara á chaira litoral. Hai zonas nas que este cordal montañoso se achega ao mar como no Pindo ou nas parroquias de Lira e Lariño, ocasionando unha costa rochosa; non obstante, cando a chaira litoral se fai máis ampla, como nas freguesías de San Mamede ou Carnota, da lugar a boas terras de cultivo, sobre todo de millo, que explican a existencia dos hórreos longos de Carnota e Lira. No seu contacto co mar formáronse extensos areais como o da praia de Carnota.

18. Monte Pindo Desde O Ézaro
Monte Pindo desde o Ézaro
Page 6
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.