Desde Camelle retornamos á Ponte do Porto e tomamos a estrada cara a Vimianzo. A uns 3 km desviámonos de novo á esquerda pola AC-433 cara a Laxe. Ao pasar a aldea de Magro, se ollamos cara a dereita vemos o macizo granítico dos penedos de Pasarela e Traba, coas súas espectaculares formas, un espazo natural de gran valor xeolóxico e paisaxístico dos poucos que conserva a figura de Paisaxe Protexida. Para a súa visita trazouse unha ruta a pé con carteis indicativos que percorre aqueles penedos que mostran as formas máis atractivas e curiosas.

Ao chegar ao lugar da Costa, da parroquia de Traba, temos a oportunidade de gozar dunha ampla panorámica sobre o val de Traba, no que avistamos ao fondo a lagoa e a extensa praia. Un espazo que, de dispoñer de tempo, merece unha visita para apreciar de cerca o conxunto formado pola lagoa, as dunas e a praia, interesante tanto pola flora como pola fauna, sobre todo pola variedade de aves que o frecuentan. Como na maioría das lagoas, esta tamén conserva a súa lenda, fala da cidade asolagada de Valverde, que se afundiu porque os seus habitantes desoíron a palabra cristiá do Apóstolo Santiago.
A igrexa parroquial de Santiago de Traba conserva parte da súa fábrica románica, na que destaca a porta norte. A fachada construíuse na primeira metade do século XVIII en estilo barroco, aproveitando elementos da anterior.
De camiño cara a Laxe cruzamos por Soesto e pasamos por diante do pazo do Arrueiro, fundado por Gonzalo Pose O Vello e habitado máis tarde polos Leis. Actualmente pertence á familia de Blanco Rajoy. Se decidimos coller a estrada que leva á beiramar, chegaríamos á extensa praia de Soesto, na que a natureza se impón á intervención humana. A intensa ondada fai que sexa un dos lugares idóneos para a práctica de surf. A parroquia de Soesto foi o berce do crego Juan Antonio Posse (1766-1854). Un dos poucos defensores das ideas liberais e da Constitución de 1812. Nas súas Memorias mostra un claro sentimento de amor a Galicia e a súa terra natal.
Continuamos a ruta cara a Laxe, unha vila mariñeira e turística situada ao pé do monte Cornaceiras, que dispón dunha extensa praia, na parte sur da ría de Corme e Laxe.