Capítulo:

RUTA 6 – CONCELLO DE MAZARICOS, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTA 6 – CONCELLO DE MAZARICOS, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

De Colúns á Mina da Parxubeira

A través desta ruta temos a oportunidade de coñecer algúns dos lugares de maior interese natural e histórico do concello de Mazaricos. Ao longo deste itinerario seguiremos o curso do río Beba, afluente do Xallas, que atravesa o territorio deste municipio de sueste a noroeste, cun percorrido aproximado duns 16 quilómetros e forma un fermoso val que se vai ensanchando ata constituír unha extensa chaira no centro do concello. A valgada está delimitada polo oeste polos elevados montes da Ruña e polo leste, por unha pequena lomba que se estende paralela á estrada que desde O Pino do Val se dirixe á Picota. Na cunca deste río aséntase a poboación das parroquias de Colúns, Beba e Coiro.

Comezamos o percorrido en Colúns, moi preto da desembocadura do río Beba no Xallas. Para chegar ata este lugar debemos tomar unha estrada en Sanfoga, aldea que dista uns dous quilómetros da Picota, a capital do concello.

173. Área Recreativa Da Pontenova, Mazaricos (suso Jurjo)
Área recreativa da Pontenova, Mazaricos (Suso Jurjo)

En San Salvador de Colúns, temos o primeiro contacto co río. Aquí faremos unha parada para visitar no adro da igrexa un curioso cruceiro, de base hexagonal e un fuste formado por tres columnas. O capitel decórase con cabezas de anxos e volutas, e na súa cruz represéntase por unha cara o abrazo de Cristo a san Francisco e pola outra, a Virxe.

Continuamos ruta pola estrada que bordea a banda dereita do río, en dirección ao nacemento, e que nos leva á área recreativa da Pontenova. De par dunha ponte antiga, dun só arco apuntado, construíuse unha área recreativa, con asadores, mesas e zona de baño. Un lugar atractivo para visitar e camiñar pola beira do río, gozando dunha vexetación propia de ribeira formada por árbores de folla caduca: abeneiros, carballos e salgueiros.

Desde a Pontenova, bordeando o río, agora pola súa banda esquerda, dirixímonos á parroquia de Beba, que lle dá nome a este regato. Achegámonos á igrexa parroquial de San Xulián, que conserva a cabeceira románica. Desde este lugar contemplamos unha fermosa panorámica do val.

Continuamos ruta cara ao sur e pasamos pola parroquia de Santa María de Coiro, que conserva unha ampla igrexa de tres naves e un esvelto campanario. Nesta mesma freguesía sitúase a capela da Virxe do Monte, onde o último domingo de agosto se celebra unha sonada romaría: A Romaxe, á que acode xente de todas as parroquias do concello.

A ermida data de 1615, e foi fundada por Bartolomeu Franco, un veciño da Manda (Coiro). Neste mesmo lugar celebrábase anos atrás unha concorrida feira mensual, hoxe desaparecida.

Retomamos de novo o curso do río Beba e achegámonos á aldea de Suevos, topónimo que alude ao pobo xermánico do mesmo nome que se asentou en Galicia a partir do século V, para visitar o interesante cruceiro do Cirolán, que se encontra solitario ao pé do río. Deixamos o vehículo na aldea e camiñamos ata onde se atopa este fermoso e ben traballado monumento. No seu pedestal hai unha inscrición que di: “A devoción de D. Ventura Pérez de Lema. Año de 1861”.

174 Cruceiro De Suevos, Mazaricos
Cruceiro de Suevos, Mazaricos

O grupo de imaxes que vemos representa o desencravo de Cristo, levado a cabo por Xosé de Arimatea, á dereita, e Nicodemo, á esquerda, subidos a dúas escadas no reverso da cruz. Entre as escadas represéntase a San Buenaventura co libro e a pluma.

Na parte frontal, un criado no alto dunha escada, terma do corpo de Xesús, e María, de xeonllos, está ao pé da escena.

A autoría desta maxistral obra atribúeselle ao escultor compostelán Francisco María Rodeiro Permuy.

175 Dolmen Da Mina Da Parxubeira
Dolmen da mina da Parxubeira

De Suevos collemos a estrada en dirección a Santa Comba, que pasa polo Pino do Val. A cinco quilómetros deste núcleo, tomaremos unha desviación á dereita cara a San Fiz de Eirón. A poucos metros da desviación hai un camiño á man dereita que leva ao dolmen Mina da Parxubeira, situado no medio dunha leira. Este monumento megalítico está formado por unha cámara poligonal e un corredor, ao que lle desapareceron varias chantas verticais e a cuberta. Nas escavacións realizadas polo arqueólogo Antón Rodríguez Casal durante tres campañas, entre 1977 e 1984, atopáronse diversos materiais: láminas de sílex, cerámica etc, que se depositaron no Museo Histórico e Arqueolóxico da Coruña.

Page 146
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.