Á volta do cabo Vilán, preséntansenos dúas opcións: ou ben retornar a Camariñas e Ponte do Porto, e desde esta localidade trasladarnos a Camelle, ou tomar a pista térrea que bordea a costa e pasa polo Cemiterio dos Ingleses, enseada de Trece, Santa Mariña, Arou e leva tamén a Camelle.
Se escollemos esta segunda opción, levaranos máis tempo e o camiño será máis dificultoso pola pista sen asfaltar que temos que seguir ata Santa Mariña, pero as paisaxes que contemplaremos son espectaculares e ademais temos a oportunidade de visitar un dos lugares máis simbólicos desta costa, como é o Cemiterio dos Ingleses, construído a raíz do naufraxio do buque da armada inglesa Serpent, que embarrancou neste lugar o 10 de novembro de 1890 e no que perderon a vida 173 dos 176 tripulantes que levaba a bordo.
Despois do Cemiterio dos Ingleses a pista continúa cara a Santa Mariña, un núcleo que dispón dun pequeno porto pesqueiro e cara a Arou, localidade situada a carón dunha magnífica praia. Moi preto atópase a pequena vila mariñeira de Camelle.