Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

De Malpica a Buño

138. Mostra Da Olería De Buño
Mostra da Olería de Buño

Deixamos Malpica e collemos a estrada que se dirixe a Carballo, a algo máis de tres quilómetros está o lugar de Filgueira, onde sae á dereita a pista que conduce ao dolmen de Pedra da Arca, situado a uns 700 m da estrada xeral.

Este dolmen coñecido tamén polo nome de Oratorio é un dos máis grandes de Galicia. Mágoa de que a súa tampa fose fendida por un barreno nos anos cincuenta, e, como consecuencia, derrubouse o resto da cuberta, arrastrando con ela as chantas verticais.

Trátase dunha anta de cámara poligonal, na que se aprecia con claridade a súa mámoa e o seu corredor, orientado cara ao leste.

Volvemos á estrada xeral e collemos en dirección a Carballo e paramos en Buño, a vila oleira da Costa da Morte, que ben merece unha visita. A súa tradición oleira remóntase a tempos inmemoriais. Cando a cerámica popular deixou de cumprir unha función de uso, Buño, igual que outros centros oleiros, sufriu unha notable crise, pero actualmente aínda quedan varios obradoiros en activo. No núcleo urbano podemos ver algunhas tendas nas que se comercializa esta cerámica e algún forno comunitario que aínda existe. De todos eles, o mellor conservado é o Forno do Forte, adquirido pola Deputación Provincial e convertido nun Ecomuseo. Ademais do forno, que se mantén activo nos días da Mostra Oleira, que se celebra na primeira quincena de agosto, hai outras construcións que se poden visitar, como as vivendas dos oleiros, o alpendre ou o hórreo. A súa orixe está nunha antiga casa labrega que no século XX, foi alugada a varias familias que se dedicaban a este traballo artesán. A visita ofrécenos a oportunidade de ver recreada a forma de vida desas familias nos anos cincuenta do pasado século.

En Buño tomamos a estrada cara a Ponteceso e desde alí en dirección a Laxe, vila na que iniciamos este itinerario.

Page 162
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.