Iniciamos o percorrido na vila de Muxía, da que saímos pola estrada AC-440 cara a Berdoias. Ao atravesar Os Muíños, desviámonos á esquerda para continuar pola estrada que bordea a costa. Pasamos pola aldea de Merexo, que deixamos á nosa dereita e a praia do Lago, que xunto co regato que desemboca nela e os piñeirais que a rodean forma un acolledor espazo natural dentro da ría. A continuación cruzamos por Leis, unha parroquia que conserva unha magnífica igrexa románica.
Ao chegar ao cruzamento coa estrada DP-1603, viramos á esquerda cara a Cereixo. Esta parroquia do concello de Vimianzo, ademais de ser un dos núcleos con maior encanto da comarca, conserva un rico patrimonio histórico, composto pola súa igrexa parroquial, as torres e o muíño de mareas.

A igrexa de Santiago de Cereixo representa a fermosura dun templo románico da Galicia rural. Tanto a nave como a ábsida son rectangulares. A esta accédese a través dun arco triunfal de medio punto, que se sostén sobre semicolumnas rematadas en capiteis decorados con motivos vexetais.
Na parte exterior sobresae a porta sur, do máis puro estilo románico. No seu tímpano represéntase a translación do corpo do Apóstolo Santiago nunha embarcación, ao que acompañan sete dos seus discípulos. O valor desta imaxe está na súa singularida- de, xa que é das poucas representa- cións nas que se mostra o tema da Translatio.

Nun lugar máis elevado que a igrexa, sitúanse as torres de Cereixo, un pazo con aspecto de fortaleza medieval. Fundou esta casa a pequena nobreza local dos Calo e Carantoña, que logo emparentou con familias de máis alto rango, como os Castro Vilamarín ou os Lanzós Novoa, Condes de Maceda. Estes últimos serían os grandes benfeitores do santuario da Barca de Muxía. Despois de pasar moitos anos en estado de abandono, a edificación foi restaurada e convertida en vivenda particular.
Se seguimos o paseo pola beira do río, chegamos ao muíño da Arcea ou das Torres, o único de mareas que se conserva na Costa da Morte e dos poucos existentes en Galicia. A orixe deste muíño remóntase ao ano 1647 cando o señor de Cereixo, Juan Taboada Ribadeneira, lles outorga un foro aos irmáns Andrés e Pedro Espasante para construír neste lugar un muíño, a cambio do pago dunha renda anual. Despois de ser reformado e pasar por varios arrendadores e propietarios, converteuse en vivenda particular.
Desde Cereixo trasladámonos á vila da Ponte do Porto, cuxo nome procede da antiga ponte que permitía cruzar o río, e do porto que se formou neste lugar. O núcleo urbano está dividido polo río en dúas partes. A igrexa parroquial, que agora se encontra na marxe esquerda e ocupa o soar da antiga capela de San Roque, anteriormente estaba na aldea da Grixa.
Este núcleo naceu como un pequeno centro comercial a raíz da feira mensual que comezou a celebrarse no campo de San Roque. Foi un importante punto de comercialización de encaixe en anos atrás.
Desde o barrio de Curros, no que se conserva un pequeno museo etnográfico, parte a Ruta dos Muíños, unha senda que nos leva polo último tramo do curso baixo do río Porto

Este fermoso percorrido, ademais de gozar da extraordinaria paisaxe que se forma nesta parte do río, permítenos observar o bosque de ribeira que medra nas súas marxes, composto sobre todo por salgueiros, freixos, carballos ou loureiros. Pasamos por varios muíños, o que nos indica a importancia que tiña este tipo de construcións para a sociedade tradicional.
Ao chegar á altura do barrio das Barrosas temos unha ponte peonil para cruzar o río e volver ao lugar do inicio da ruta, mais se queremos continuar o itinerario, a menos de un quilómetro atopámonos con outra, que nos permite alongar un pouco máis este paseo.

Desde Ponte do Porto trasladámonos á vila mariñeira de Camariñas, situada a 9 km, capital do encaixe deste mesmo nome.