Capítulo: 4

Raíces históricas

Idade Media

Este longo período histórico que comprende uns mil anos (s. V-XV), por mor da escasa documentación existente e a falta de escavacións arqueolóxicas, resulta pouco coñecido nestas terras máis occidentais de Galicia.

Atopáronse restos da época sueva e visigoda nalgúns lugares nos que tamén se descubriran restos de orixe romana, como Moraime (Muxía), Tines (Vimianzo), Cores (Ponteceso) ou Cances (Carballo), pero apenas foron estudados e a información obtida sobre estes xacementos resulta moi escasa. De realizarse un labor de investigación maior o número de xacementos xermánicos na zona aumentaría considerablemente.

40. Tumba Da Necrópole Visigoda Descuberta En Moraime
Tumba da necrópole visigoda descuberta en Moraime

Moitos historiadores afirman que na Alta Idade Media o territorio da Costa da Morte estaba pouco poboado pola súa situación periférica e polo seu afastamento de núcleos de poboación importantes nos que se centralizaba o poder político e eclesiástico. Esta consideración estaría en contra do que semella unha intensa ocupación do territorio durante etapas anteriores como a megalítica ou castrexa, se nos atemos ao elevado número de restos arqueolóxicos destes dous períodos. A falta de documentación histórica que permita coñecer con maior detalle estes primeiros tempos medievais impide aclarar se esa ocupación humana foi maior do que se supón.

Segundo o Parroquial Suevo (572), as terras que comprende A Costa da Morte estaban incluídas dentro dos distritos ou parroquias extensas de BregantinosCoporos e Célticos, pois daquela aínda non aparecen citadas as comarcas históricas de Bergantiños, Soneira e Nemancos.

No denominado documento de Tructino (868) en toda esta nosa ampla rexión costeira só se citan dúas igrexas: San Saturnino de Vimianzo, en Soneira, e Santa Eulalia de Dumbría, en Nemancos, pertencentes daquela á diocese de Iria Flavia. Á parte desta división eclesiástica, a monarquía astur-galaico-leonesa, repartiu o territorio en comitatus (condados), sobre os que un conde exercía as competencias militares, xudiciais, tributarias e gobernativas en nome do rei. No século XI este territorio occidental estaba repartido entre cinco condados: Carnota, Célticos, Nemancos, Soneira e Bergantiños, que se correspondían coas denominadas parroquias extensas de Entines, Célticos, Nemancos, Soneira, Seaia e Bergantiños, transformadas en arciprestados a partir da reforma realizada en 1177 polo arcebispo compostelán Pedro III. Os cinco primeiros constituían o arcediagado de Trastámara, que tiña a súa sede na vila de Cee.

Na Costa da Morte non temos noticias da existencia dunha nobreza, ata que a finais do século XI apareceron as primeiras novas sobre o grupo familiar dos Traba, que posiblemente recibise o seu nome da parroquia laxense de Santiago de Traba, onde puido ter unha fortaleza no alto da Torre da Moa.

41. O Rei Alfonso Vii, Pasou Parte Da Súa Infancia No Mosteiro De Moraime
O rei Alfonso VII, pasou parte da súa infancia no mosteiro de Moraime

A cabeza máis visible deste grupo nobiliario foi don Pedro Froilaz, coñecido tamén como Conde de Traba, que se educou na corte do rei Alfonso VI e ganou a confianza de Raimundo de Borgoña, xenro deste monarca e pai de Alfonso Reimúndez, futuro Alfonso VII, quen durante a súa infancia estivo baixo a protección de don Pedro (parte desta infancia pasouna no mosteiro de Moraime). Este nobre galego ademais defendeu os dereitos do infante ao trono e, que co apoio do arcebispo compostelán Diego Xelmírez, sería nomeado rei de Galicia en 1111 co nome de Alfonso VII. Trala morte da súa nai, dona Urraca (1126), converterase tamén en rei de León e a continuación de Castela.

A partir da vinculación que a familia dos Traba tivo coas terras da Costa da Morte, producirase tamén a relación da monarquía e a igrexa compostelá con este noso territorio. Alfonso VII, en agradecemento á acollida que lle prestaron os monxes de Moraime, en 1119 faralle a concesión a este mosteiro dun extenso couto. Neste mesmo século XII, D. Pedro tamén lle fará doazón á sé compostelá de varias igrexas que tiña en Nemancos. O protagonismo que a familia dos Traba acadou nestas terras máis occidentais de Galicia durante os século X e XI percíbese na participación que tivo na fundación de varios pequenos mosteiros que houbo aquí, como o de San Xulián de Moraime (Muxía), Santiago de Mens (Malpica), San Mamede de Seavia (Coristanco) ou San Xoán de Borneiro (Cabana de Bergantiños). Ademais dos anteriores cenobios, en Nemancos, Soneira e Bergantiños houbo outros máis: San Martiño de Ozón (Muxía), San Antolín de Baíñas (Vimianzo), Santa María de Cabo Tosto (Xaviña, Camariñas), San Vicente da Graña (Ponteceso), San Martiño de Canduas (Cabana de Bergantiños), Santo Tomé de Nemeño (Ponteceso) e San Pedro de Soandres (A Laracha). Case todos eles de fundación familiar, dos que descoñecemos a súa orixe. Algúns moi antigos, dos séculos IX ou X, aínda que a maioría naceron ao longo do século XI e conseguirán o seu momento de esplendor no seguinte.

De todos eles os que acadaron unha maior relevancia foron o de San Xulián de Moraime, na Terra de Nemancos e o de San Pedro de Soandres, no extremo leste da comarca de Bergantiños. O mosteiro de Moraime foi fundado posiblemente no século X (o primeiro documento que se conserva del é de 1095). Hai investigadores que atribúen a súa fundación á familia dos Traba, pois varios dos seus membros foron os primeiros benfeitores deste cenobio, tamén recibe privilexios e doazóns reais, entre elas destaca a que lle outorgou Alfonso VII, que pasara unha parte da súa infancia ao coidado dos monxes moraimeses, e que servirá para reconstruír as súas dependencias, que foran arruinadas pola incursión dos piratas musulmáns.

42. Conxunto Histórico De Moraine
Conxunto histórico de Moraine

A partir do século XIII comeza a súa decadencia polo acoso sufrido da nobreza local, que se apodera de parte das súas rendas e terras. En 1499 pasará a depender do mosteiro de San Bieito de Valladolid e a partir de 1633 de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela ata a Desamortización de Mendizábal (1835). As propiedades de Moraime estendíanse sobre todo pola comarca de Nemancos, pero tiña tamén terras en Xallas, Soneira e Bergantiños. Obtiña tamén beneficios polo padroádego que exercía sobre unhas vinte parroquias distribuídas por toda A Costa da Morte.

Como vestixios deste importante mosteiro muxián quédanos a magnífica igrexa de San Xulián, a mellor obra románica de toda esta rexión costeira e a casa reitoral, convertida en albergue de peregrinos, ambos edificios mostran o escudo de San Martiño Pinario.

mosteiro de San Pedro de Soandres tivo tamén grande importancia nas terras situadas máis ao norte da Costa da Morte, a súa influencia estendeuse polos concellos da Laracha, Cerceda e Carballo. Descoñécese tamén a data da súa fundación. Os documentos máis antigos nos que aparece citado son de mediados do século X, pero puido existir unha congregación relixiosa anterior, incluso da época romana, pois apareceu unha ara dedicada ao deus Xúpiter. A partir do século XIV sufrirá continuos ataques da nobreza local e dos seus escudeiros coa intención de apoderarse dos seus bens, sobre todo da familia dos Mariñas, propietarios das torres de Cillobre (A Laracha). En 1499 pasará como priorado a depender de San Martiño Pinario.

43. Igrexa De San Pedro De Soandres, Coa Súa Cabeceira Gótica.
Igrexa de San Pedro de Soandres, coa súa cabeceira gótica.

O maior interese arquitectónico de Soandres que se conserva na actualidade sitúase na parte gótica da cabeceira da igrexa, o resto do templo corresponde a época barroca. Arrimada á parte sur da igrexa sitúase a casa reitoral construída no século XVIII, pero conserva a forma do antigo mosteiro co seu claustro.

Os continuos ataques da piratería normanda e musulmá durante o medievo supuxeron unha constante ameaza tanto para as comunidades relixiosas situadas preto da costa como para o resto da poboación do litoral, que, en certos momentos do ano, se vía obrigada a refuxiarse en terras máis ao interior. Esta piratería marítima explicaría o baixo poboamento da zona costeira nos séculos centrais da Idade Media e a construción das primeiras igrexas parroquiais retiradas da beiramar para evitar o seu espolio. Exemplos disto serían San Andrés da Canle (Corcubión), San Paio de Refoxos (Cee), San Xurxo de Buría (Camariñas), San Pedro do Porto (Camariñas), Santo Adrián de Corme Aldea (Ponteceso) ou Santa María de Caión (A Laracha). Para vixilancia e protección desta piratería costeira levantáronse algunhas fortalezas, coma a de San Xurxo, na ladeira oeste do monte Pindo ou a de Canedo en San Mamede de Carnota.

A partir do século XIII, tras finalizar o imperio almorábide e logo dun maior control por parte dos reinos cristiáns das costas do sur peninsular, producirase unha diminución desta piratería marítima, que favorecerá as actividades comerciais entre os mercadores italianos con Flandres. Este feito repercutirá no aumento das transaccións comerciais nas costas galegas, xa que parte das embarcacións facían escala nalgún dos nosos portos naturais que se aproveitaba para a venda de produtos. Esta actividade comercial, xunto co aumento da actividade pesqueira, atraeu á poboación cara ao litoral, o que daría orixe ao nacemento das vilas costeiras de Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía, Camariñas, Laxe, Corme ou Malpica.

Estas novas vilas espertaron o interese tanto da mitra compostelá como da nobreza laica coa intención de conseguir o control económico destes novos núcleos costeiros. O arcebispado compostelán faríase cos portos de Fisterra, Muxía e Malpica, mentres que os Moscoso de Altamira pasarán a controlar os de Corcubión, Camariñas e Laxe. A vila de Cee dependía do arcediago de Trastámara, lugar onde tiña a súa residencia.

A familia dos Traba, que tanto poderío acadou na Costa da Morte e noutras zonas de Galicia ao longo dos séculos XI e XII, a partir deste último o seu dominio esmoreceu, no seu lugar apareceron novas liñaxes, moitas delas vinculadas a don Pedro Froilaz, xa que este tivo unha gran descendencia dos seus dous matrimonios. Deste tronco dos Traba procederán varias ramas da nova nobreza galega: os Mariño, Moscoso, Mantaos, Andrade ou Mariñas. As dúas primeiras estarán moi vinculadas con estas terras máis occidentais de Galicia. Os Mariño serían os primeiros en facerse cun bo patrimonio na zona, que comeza coa doazón que o rei Sancho IV lle fai a Martín Eáns Mariño cara a finais do século XIII das freguesías de Santa María de Fisterra e San Vicenzo de Duio. No século seguinte, cando entroncan coas ramas dos Soga e Lobeira, estenderán a súa influencia a moitos outros lugares de Galicia. A finais deste mesmo século esta familia nobre caerá en desgraza por problemas entre algúns dos seus membros e tamén polas débedas á coroa, deste xeito Rui Soga de Lobeira, un dos seus persoeiros máis notables, acabará preso e decapitado na vila de Noia (1393).

O poderío e influencia dos Mariño na zona de Santiago e na Costa da Morte pasará aos Moscoso de Altamira, familia tamén oriúnda das terras compostelás. A través de cargos eclesiásticos e laicos que foron ocupando, faranse co poder, primeiro en terras de Compostela e máis tarde nesta nosa rexión occidental. Este dominio vaille supoñer un enfrontamento co arcebispado santiagués, os dous con intereses económicos no mesmo espazo xeográfico. Durante o século XV os conflitos entre ambos bandos serán frecuentes, como ocorreu no asalto (1457) dunha escuadra dos partidarios do arcebispo compostelán Rodrigo de Luna ao porto de Corcubión, que estaba baixo o poder dos Moscoso.

45. O Porto De Corcubión Foi Asaltado Polas Tropas Do Arcebispo Rodrigo De Luna En 1457
O porto de Corcubión foi asaltado polas tropas do arcebispo Rodrigo de Luna en 1457

Moita da riqueza patrimonial desta nova nobreza laica procedía dos abusos de poder que exercían contra as propiedades dos mosteiros, a través da usurpación de rendas ou de terras. A pesar das reiteradas queixas dos abades ou priores das congregacións eclesiásticas dirixidas aos reis para que evitasen estas prácticas abusivas, na maioría dos casos non se tiñan en conta. A dinastía dos Trastámara favoreceu este tipo de atropelos, o que lle permitiu a esta nobreza actuar con plena liberdade. A familia dos Moscoso utilizou moito estes abusos de poder, como sucedeu co mosteiro de Moraime, pero outros nobres coma os Mariñas tamén aplicaran o mesmo método contra os monxes do mosteiro de Soandres. O empoderamento desta nobreza rapineira tamén levou a aproveitarse de bens da mitra compostelá ou incluso da coroa. Os Moscoso chegaron a cobrar pola forza impostos, como o da alcabala nas vilas de Cee, Muxía ou Fisterra, que estaban baixo señorío eclesiástico.

46. Torres De Mens, Unha Das Fortalezas Derrubadas Polos Irmandiños
Torres de Mens, unha das fortalezas derrubadas polos Irmandiños

Esta actitude violenta e abusiva da nobreza supoñeralle un enfrontamento co poder eclesiástico e coa monarquía, e incluso cos seus propios vasalos, e converterase na causa principal do movemento irmandiño, que, en nome do rei, levantarase contra esta nobreza hostil. Esta revolta social de 1467, apoiada tamén por algúns señores da baixa nobreza, estendeuse por toda Galicia e tivo unha notable incidencia na Costa da Morte, que se mostrou no derrubamento de varias fortalezas, como a de Vimianzo, Mens, A Penela ou Ferreira. Non obstante, a súa duración foi curta, tan só dous anos, xa que aqueles nobres que se viran obrigados a fuxir, volveranse a organizar e, apoiados pola monarquía, recuperarán de novo as súas terras e fortificacións.

A subida ao poder dos Reis Católicos supoñerá un maior control desta clase aristocrática e parte dela acompañaraos na corte, afastándose da súa terra de orixe. Con este novo reinado desapareceu tamén a autonomía dos mosteiros. Os máis pequenos pasarán a depender das grandes congregacións e estas serán controladas polo mosteiro de San Bieito de Valladolid.

Page 15
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.