Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 1, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 1, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Igrexa parroquial de Santa María das Areas

72. Igrexa Parroquial De Santa María Das Areas
Igrexa parroquial de Santa María das Areas

Este templo sitúase á saída da vila de Fisterra, en dirección ao faro. O motivo de localizarse fóra do núcleo urbano e máis afastada da costa, seguramente, se deba a unha medida de protección contra os ataques da piratería marítima, frecuentes neste litoral.

O edificio presenta unha planta de salón, formada por unha capela maior rectangular, con bóveda de crucería e unha nave da mesma forma, cuberta con armazón de madeira e tella, dividida en catro tramos a través de arcos apuntados, apoiados sobre columnas arrimadas nos muros e reforzadas no exterior por contrafortes. O arco triunfal, tamén apuntado, sostense sobre tres semicolumnas en cada lado.

A fachada principal mostra un trazado liso, con dous contrafortes nos extremos, e como elemento decorativo, as arquivoltas románicas que delimitan a porta. Fronte a ela vemos catro arcos de medio punto sobre piares, que se levantaron para soportar o peso do pórtico, hoxe desaparecido. No extremo sur, arrimada á nave, érguese a torre campanario do século XVI.

Á estrutura primitiva de base románica, fóronselle engadindo varias construcións a ambos lados dos muros, que desfiguran a súa forma orixinal. Na parte norte, engadíuselle a capela do santo Cristo, a máis ampla, que consta de dous tramos: un cuadrangular e outro rectangular. Data de finais do século XVII ou comezos do XVIII, de feitura barroca. O retablo, deste mesmo estilo, incorporóu-

selle en 1721, esculpido polo artista santiagués Miguel de Romay. Non obstante, a imaxe do Cristo é gótica e foi doada por Vasco Pérez Mariño, natural de Fisterra e bispo de Ourense, quen doou outra semellante para a catedral ourensá.

73. Retablo Do Santo Cristo
Retablo do Santo Cristo

O aspecto humano que se percibe na forma do corpo, na vestimenta e no pelo, así como as mostras de dor e sufrimento, achéganlle a esta imaxe un gran realismo, coa intención de conmover ao crente e conducilo ao arrepentimento.

Son moitas as lendas que se crearon ao redor do Santo Cristo. Desde atribuírlle propiedades humanas, como que lle medran as uñas ou o pelo, ata dicir que é obra do propio Nicodemo, o xudeu que axudara a desencravar a Cristo. Outra lenda trata de explicar a súa chegada a Fisterra a través do mar. Segundo esta foi botado nunha caixa sobre as augas por un barco inglés ameazado por un forte temporal que non lle permitía partir. Despois de desprenderse da imaxe, o temporal amainou e o barco emprendeu a saída. Logo esta caixa foi recollida por uns mariñeiros fisterráns e levada á igrexa.

Ao oeste da capela do Cristo, sitúase a antiga capela do Rosario, hoxe do Carme, de estilo prateresco, fundada por María Branca en 1534. Neste mesmo muro norte ábrese unha fermosa porta de arco mixtilíneo, cun escudo a cada lado, na que se percibe a influencia do arquitecto Enrique Egás, autor do antigo Hospital dos Reis Católicos de Santiago.

No muro sur sobresaen a sancristía e a capela de san Miguel e das Angustías, de finais do século XV.

Ademais da imaxe do Cristo, no interior teñen interese artístico a de Santa María das Areas, a patroa da parroquia, do século XVI e a de Santiago Peregrino, do século seguinte, que pon de manifesto a tradición xacobea de Fisterra.

No campo que hai na parte sur da igrexa o domingo de Pascua escenifícase a Resurrección de Cristo, á que acoden milleiros de romeiros. Diante dunha gruta que hai ao pé do monte, celébrase o ritual. Desde a mañanciña un grupo de soldados caracterizados de romanos vixían a cova, onde supostamente se garda o corpo do Crucificado. Diante dun forte estrondo, os soldados atemorizados foxen, derrúbase a porta da cova e sae un anxo. As tres Marías, de loito e aflixidas, achéganse ao lugar e establecen unha conversa co anxo que trata de convencelas de que Xesús resucitou. Madalena comunícalle a nova á Virxe, a quen alaba. En sinal de xúbilo elévanse bandeiras, sóltanse pombas, estouran foguetes e a música comeza a soar. Un grupo de nenas vestidas de branco executan o canto da Vítima Pascual. Remata o acto co baile tradicional da Danza das Areas.

Page 207
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.