Accedemos ao cume deste monte (241 m) seguindo unha pista que sae á dereita, antes de chegar ao faro. O seu nome fai referencia ás lumaradas ou fachos que antigamente se prendían nos montes costeiros para alertar á poboación de posibles invasións a través do mar. O relixioso e viaxeiro italiano Domenico Laffi, cando visita Fisterra na segunda metade do século XVII, fai referencia a unha torre que había neste monte na que se prendía lume coa finalidade de orientar á navegación, pero tamén deixa constancia dos danos que causaban moitas das embarcacións que asaltaban este porto.
Ao comezar o ascenso atopámonos cun miradoiro construído unha vez selado o vertedoiro de lixo que había ao seu pé. Logo de subir unha empinada costa chegamos ao cume, onde vemos un recinto cerrado, no que se sitúan as antenas da Estación de Radio Telegráfica. Dentro deste, segundo Benjamín Trillo, estaría a tumba de Orcavella, nome que significa arca vella ou dolmen, á que fixemos referencia cando falamos das lendas.

Despois de pasar a parte cercada, sobre unha pequena elevación, que polo oeste precipítase cara ao mar, sitúanse as Pedras Santas, ás que fan referencia xa no século XVI varios viaxeiros que se achegaron a Fisterra.
Á baixada do monte Facho atopámonos á esquerda cunha pista de terra que bordea a súa aba oriental e nos conduce aos restos da capela de San Guillerme. Para chegar ata alí temos que desviarnos por un camiño á dereita que nos leva ata ese lugar. Desde este alto gozaremos de inmellorables vistas sobre a vila de Fisterra, a praia da Langosteira e o arco fisterrán. De par dun gran penedo, vemos os restos dos muros da capela e dun sepulcro, que se podería corresponder coa “cama de pedra”, da que nos fala o padre Sarmiento en 1745, na que se deitaban os matrimonios estériles para conseguir descendencia.
Non hai datos sobre a fundación desta ermida, sen embargo temos noticias de que durante a Idade Media foi un lugar importante de peregrinación, citado polos tribunais flamengos que impuñan como pena, peregrinar a un lugar afastado. Segundo o cardeal Del Hoyo, os piratas bretóns que atacaron Fisterra levaron as reliquias do santo que había nesta ermida e un brazo gornecido en prata do mesmo, que estaba depositado na parroquial.
A mesma figura do san Guillerme converteuse tamén en lenda, xa que existen diferentes versións sobre a súa personalidade. Aínda que en realidade debeuse tratar dun eremita que se retirou a vivir a este lugar.