A Costa da Morte presenta boas perspectivas para un desenvolvemento económico equilibrado tanto polas posibilidades do seu medio natural para exercer todo tipo de actividades como pola potencialidade dos recursos que se poden extraer da terra e do mar.
O feito de que sexa unha rexión pouco desenvolvida economicamente e cunha baixa creación de emprego débese sobre todo a unha serie de causas que condicionaron un escaso aproveitamento dos seus recursos.
A súa situación no extremo máis occidental da península ibérica, e polo tanto tamén da Europa continental, levou a este territorio a un illamento permanente e a unha falta de vías de comunicación que retrasou moito a chegada de iniciativas de progreso. Non existe ningún outro territorio en Galicia coa superficie desta rexión de case 2000 km2 que non estivese atravesada por unha vía ferroviaria. Houbo un intento de trazar unha desde A Coruña a Corcubión, á que se denominou “das tres ces” (polos tres núcleos que unía: Coruña, Carballo e Corcubión) ou “tren da riqueza”, polo progreso e prosperidade que traería para esta nosa rexión. A pesar de varios intentos nas primeiras décadas do século pasado para que este proxecto fose adiante por parte de concellos e personalidades destacadas da política e economía local, non se deu logrado. No caso de dispoñer desta vía férrea as condicións de desenvolvemento do territorio serían moi distintas.
A Costa da Morte tamén se quedou marxinada no trazado de estradas proxectadas nos séculos XIX e XX, pois tampouco cruza o seu espazo ningunha estrada nacional. A máis importante vía deste tipo foi a comarcal AC-552 da Coruña a Fisterra, construída con moita lentitude na segunda metade do século XIX. A mellora desta vía que se acometeu nas últimas décadas do século XX tamén se fixo con retraso.
A primeira autoestrada en cruzar este territorio foi a AG-55 de Coruña a Carballo, nos anos noventa, case toda ela construída con recursos públicos, sen embargo acabou sendo de peaxe directo, o que supuxo un atranco máis para ese desenvolvemento. A prolongación desta autoestrada entre Carballo e Baio, aínda se inaugurou en 2016 cunha peaxe encuberta, pero necesitaría unha prolongación ata Cee, que xa debería estar rematada.
A conexión coa cidade de Santiago por estrada aínda presenta peores condicións, sobre todo co centro e norte da Costa da Morte, desde Baio ou Carballo. Estes dous núcleos terían que estar comunicados con esa cidade con mellores estradas, que conectaran coa autovía AG-56 de Santiago-Noia.
Estas limitacións nas vías de comunicación, xunto co abandono por parte das administracións que durante moitos anos mantiveron con esta zona, explica en boa parte o baixo desenvolvemento económico desta rexión, feito que obrigou a súa a poboación a emprender o camiño da emigración desde épocas moi antigas, un problema endémico desta terra e que aínda se mantén nos tempos actuais.
A economía da Costa da Morte en tempos pasados estaba baseada no sector primario, na agricultura, na gandería e na pesca. A explotación destes recursos de xeito tradicional prolongouse ata moi tarde, o que motivou que a evolución cara a unha economía moderna se realizase con moito retraso e sen unha planificación ordenada.
Esta evolución ou modernización, no caso do sector agrícola e gandeiro, orientouse cara a unha gandería bovina intensiva dedicada á produción de leite, que apenas creou novos postos de traballo. Así a maior parte das terras de cultivo foron ocupadas con plantas forraxeiras para alimentar esa nova cabana gandeira. Sen embargo, non se apostou por desenvolver unha agricultura moderna que podería ser rendible de cara ao mercado, practicada sobre todo naquelas terras máis fértiles, que producisen produtos como trigo, fabas, patacas, verduras e hortalizas ou algún tipo de froitas que se adaptasen ben a este clima e tipo de solos. Para isto sería necesario ampliar a extensión das parcelas de cultivo para que fosen rendibles, a través da creación de cooperativas que se especializasen na produción e comercialización dalgúns deses produtos. Tamén reúne boas condicións este territorio para a práctica dunha agricultura de produtos ecolóxicos, cada vez máis demandados por unha parte dos consumidores máis concienciados cara a unha alimentación máis saudable.

Todos aqueles traballadores que abandonaron a agricultura tradicional, por ser pouco rendible e non se incorporaron a esas explotacións gandeiras, reconvertéronse en operarios da construción, que exerceron ben no propio país ou como emigrantes nos países de Europa Occidental.
Nas vilas da beiramar, como Caión, Malpica, Corme, Laxe, Camelle, Camariñas, Muxía ou Fisterra a pesca foi a actividade económica predominante. Unha pesca fundamentalmente de baixura dedicada ao cerco, para a captura de sardiña e xurelo, a máis representativa nos portos de Malpica ou Camariñas; ao palangre para a pesca da pescada, ollomol, dourada ou palometa, propia de portos como Muxía ou Fisterra; ou a artes varias na que se utilizan nasas para o polbo ou nécora, ou artes menores de enmalle (trasmallos, betas e miños) para capturar diversos tipos de mariscos ou peixes, que se practica en todos os portos.

Esta flota foise renovando a partir dos anos setenta do pasado século cando a pesca aumentou de valor no mercado e as capturas eran abundantes. Tamén se incorporaron nalgúns destes portos embarcacións de arrastre de litoral dedicadas á captura de especies varias tanto de peixe como de marisco.
A partir dos anos noventa do século pasado percíbese un descenso nas capturas debido a que os caladoiros mostran certo esgotamento e tamén polas limitacións impostas polas cada vez máis restritivas normas que regulan o sector. Mais este tamén se atopa cun grave problema como é a falta de relevo xeracional nas familiares mariñeiras para continuar coa actividade, o que motivou que moitas destas empresas se desfixesen das embarcacións por esa falta de relevo e se acollesen ás subvencións da CEE, coa intención de reducir a flota pesqueira de baixura, isto levou a unha diminución das embarcacións nos diferentes portos. Esta situación conduciu a un descenso da actividade pesqueira na maioría dos portos da zona e a unha orientación cada vez maior cara ao sector turístico, a pesar de que esta nova actividade e a pesca se complementasen á perfección, xa que esta aporta a materia prima esencial para a excelente e variada gastronomía existente nesta parte do litoral galego.
A Costa da Morte é un territorio cunha baixa industrialización. Unha das primeiras iniciativas industriais da zona foi a fábrica de aliaxes de Cee, que aínda existe actualmente, baixo a denominación de XEAL (Xallas Electricidad y Aleaciones). A esta seguíronlle as conserveiras Cerdeimar, en Camariñas, a de Calvo, en Carballo e a de pranchas de aglomerado UNENSA, en Coristanco.
Máis tarde creáronse os polígonos empresariais de Cee, Vimianzo, Baio, Ponteceso, Carballo ou A Laracha nos que se situarían a maioría das empresas, moitas delas relacionadas co sector da construción, automóbil, hostalaría e alimentación.

Existe unha carencia de empresas industriais que poderían transformar as materias primas máis abundantes neste territorio, como serían aquelas que se extraen da agricultura ou da gandería, e que constituirían a base dunha sólida industria alimentaria. O mesmo podería suceder coa madeira extraída do monte, que se comercializa en gran parte sen transformar, cando o lóxico sería que se convertese na base dunha industria madeireira do moble ou da construción.
As boas condicións da Costa da Morte para a produción de enerxía eléctrica a través de parques eólicos instalados naqueles montes que reúnen as condicións axeitadas para situalos, deberían constituír outro factor favorable para a industrialización local, sen embargo practicamente toda esta enerxía producida é exportada a outros territorios.
O turismo representa outra das grandes potencialidades da Costa da Morte. O singular patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico fan desta rexión un dos lugares máis atractivos de Galicia.
As súas incomparables paisaxes costeiras formadas por impresionantes cantís, coidos, areais salvaxes e pequenas rías, con escasa presión urbanística, constitúen un dos seus grandes potenciais turísticos. Mais tampouco hai que esquecer a riqueza paisaxística interior localizada ao pé dos cursos dos ríos Anllóns, Porto, Castro ou Xallas, ou noutros lugares como os Penedos de Pasarela e Traba ou o monte Pindo.
O patrimonio histórico, cultural e gastronómico representa outro dos grandes atractivos tanto pola abundancia como pola calidade dos seus elementos. Dentro do patrimonio histórico destacan os dolmens, os castros, as igrexas e capelas, os pazos, os faros ou os hórreos, que forman un singular e valioso conxunto arquitectónico. O patrimonio cultural tamén constitúe unha gran riqueza que se manifesta en diversos eidos, como as lendas, os costumes, a lingua, a literatura, a música, a artesanía ou a gastronomía

Outro gran potencial turístico deste territorio é o camiño xacobeo de Santiago a Fisterra-Muxía, que cada vez está a recibir máis peregrinos de todas as partes do mundo.

Poucos territorios dispoñen tamén dunha valiosa artesanía como a do encaixe de Camariñas ou a cerámica de Buño. Ao ser A Costa da Morte unha rexión costeira e con terras de interior, fai que dispoña dunha gran variedade de produtos tanto do mar coma do campo, que constitúen a materia prima da súa excelente gastronomía.