Punto de partida-chegada: capela das Neves ou Santo Antón-praia das Torradas
Percorrido: Lineal
Distancia: 11,7 km
Duración aproximada: 6 h (ida e volta)
Dificultade: Medía
Esta ruta para camiñantes e ciclistas percorre a parte da costa menos coñecida de Malpica. Iníciase na capela das Neves ou de Santo Antón e bordea a costa leste de Malpica por unha zona acantilada na que as puntas se van alternando con pequenas enseadas e illotes. Ao chegar á enseada dos Muíños atopámonos con cinco destas construcións a carón do mar que nos chamarán moito a atención, pero neste lugar tamén son de interese os pregues rochosos do perfil costeiro. A partir de aquí o camiño vira cara ao interior e pasa por Loroxo, onde se sitúa o pazo dos Romero, e O Ceán para volver de novo á costa na praia de San Miro. Logo doutra zona acantilada chegamos á praia dos Riás e das Torradas, fin da ruta. Preto queda a aldea de Santa Mariña, xa do concello de Carballo.
