Punto de partida-chegada: Pasarela (Vimianzo)
Percorrido: circular
Distancia: 8 km
Duración aproximada: 3 horas
Dificultade: media
Os penedos de Pasarela e Traba constitúen un dos espazos naturais máis salientables da Costa da Morte, declarados Paisaxe Protexida desde o ano 2009.

Comezamos esta ruta a pé no núcleo de Pasarela, tomando unha pista que sae do lugar do Penedo, en dirección ao monte. Unha vez pasada esta aldea, desviarémonos por un sendeiro á esquerda, que leva á Explanada da Ferida, onde se intentou abrir unha canteira e onde se sitúa a Pedra do Barco, na base do cume da Cachucha. Seguimos agora a pista que chegaba ata este lugar e na curva cara á dereita, tomamos un camiño á esquerda que nos leva ao primeiro grupo ou estación de penedos con formas antropomorfas e zoomorfas, situado ao norte do alto da Cachucha (208 m). Convén seguir os paneis indicativos que nos conducen a cada unha das pedras. Aquí atoparemos as figuras do Cantor, o Camelo, o Coello ou o Pallaso. Máis cara ao nordeste, chegaremos á Pedra Multiforme, un dos penedos máis singulares. Dependendo de onde se observe, veremos a forma dunha man, dunha aguia, dunha nave espacial ou dun trono real. Preto está tamén a Pedra do Fígado.
Deixamos esta primeira zona e volvemos ao camiño inicial, para coller á esquerda o vieiro que se dirixe cara á Galla de Pena Forcada. Pasamos pola Pedra Abaladoira, unha rocha plana de varias toneladas, pero que o peso de dúas ou tres persoas chega para movela. Logo ascendemos por unha costa empinada e na parte alta atopámonos cun bloque pétreo vertical que semella a silueta dun magrebí ou un brazo con puño en alto. Unha vez subida a costa, vemos de fronte o impoñente bloque fendido da Galla de Pena Forcada (258 m), o cume máis alto de todo este macizo, que sinala os límites entre os concellos de Vimianzo e Laxe. Estamos na segunda zona ou estación, na que nos sorprenderán formas tan extraordinarias como a Esfinxe ou Dama da Costa da Morte e a Zafra de Ferreiro ou a Osa, segundo de onde ollemos cada unha.

No descenso, xa en terreo do concello de Laxe, veremos á dereita dúas fermosas esculturas naturais: a Tartaruga-Peixe e o Xigante. O camiño desemboca nunha pista forestal. Se collemos cara á esquerda temos a oportunidade de atoparnos con formas curiosas, como a do Bico ou o Monólito, pero o noso obxectivo é tomar a senda que nos leve á Torre da Moa, para iso colleremos a pista cara á dereita, para máis adiante tomar o camiño á esquerda que nos conduza a ese lugar, a terceira e última zona desta ruta. O último tramo deste camiño presenta máis dificultades có anterior, pero o esforzo que nos esixe verase moi recompensado polas extraordinarias vistas das que gozaremos desde o alto da Torre da Moa (244 m), a mellor atalaia para ver todo o espazo natural da praia e lagoa de Traba de Laxe, mais tamén ten o atractivo de ver o xigantesco penedo de formas redondeadas que acolle debaixo a Cova dos Mouros e outras rochas que hai ao seu carón, como a Cachola do Porco ou o Can Enfurruñado.
No camiño de volta, ao chegar á pista, colleremos á esquerda, e logo na vía asfaltada, á dereita. Despois de camiñar por ela un tramo, desviámonos á dereita pola pista de terra que nos trae de novo a Pasarela, lugar de inicio desta interesante ruta.