Punto de partida-chegada: Porto de Fisterra
Percorrido: circular
Distancia: 7,5 km
Duración aproximada: 2 h 30 min
Dificultade: media
Esta ruta ten como lugar máis emblemático o cabo e faro Fisterra, un dos puntos máis atractivos de toda a Costa da Morte, pero hai tamén outros sitios interesantes, como os restos da capela de San Guillerme, o monte Facho ou a igrexa de Santa María das Areas.
A ruta iníciase no porto de Fisterra e continúa bordeando o mar ata a praia da Ribeira, onde se atopa o castelo de San Carlos. Desde alí sobe polas rúas que conducen á igrexa de Santa María das Areas, interesante templo con restos románicos e góticos, que acolle na capela barroca a imaxe do Santo Cristo. Continúa pola estrada que leva ao faro e a uns 100 m desvíase á dereita cara ao monte por unha pista de terra que sobe ao alto de San Guillerme, onde, ademais de gozar das vistas panorámicas, contemplaremos os restos da capela deste santo. Volve á pista principal e continúa ata a asfaltada que ascende ao cume do monte Facho, desde o que divisamos toda a península de Fisterra, a ría de Corcubión e o monte Pindo. Logo baixa ata o faro Fisterra, o lugar máis salientable deste itinerario. Desde aquí volvemos de novo ao lugar de inicio a través da senda que bordea á estrada.
