Capítulo: 6

RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

RUTAS A PIE


A Costa da Morte reúne unhas óptimas condicións para a práctica do sendeirismo. A variedade e fermosura da súa paisaxe, xunto coa riqueza do seu patrimonio natural, histórico e cultural, converte a este territorio nun espazo moi atractivo para percorrelo a pé e ter a posibilidade de gozar de todos eses atractivos que ofrece.

Os distintos concellos que forman esta rexión costeira nos últimos anos foron trazando unha sería de rutas de sendeirismo de curto percorrido por aqueles lugares máis atractivos, aínda que poucas delas están homologadas e outras precisan unha mellor sinalización e promoción.

Temos rutas para camiñar pola zona costeira, que nos permiten gozar das paisaxes máis espectaculares que nos podemos imaxinar e coñecer a historia dos naufraxios, dos faros ou das localidades litorais que atopamos no camiño; outras seguen o curso de ríos ou regatos, e a través delas descubrimos a flora e fauna que hai nas súas beiras, as fervenzas ou construcións, como muíños, batáns, pontes ou centrais hidroeléctricas. Hai roteiros que nos levan ao cume dos montes desde os que divisamos espléndidas panorámicas e observamos singulares formacións rochosas, como a dos Penedos de Pasarela e Traba ou a do monte Pindo. Existen tamén rutas para coñecer restos do patrimonio histórico que nos conducen por dolmens, castros, igrexas, pazos ou cruceiros.

A maioría teñen un trazado con pouca dificultade, polo que son aptas para camiñantes de todas as idades e realizables en calquera época do ano.

De todas elas propoñemos algunhas que nos parecen máis significativas, que están dispoñibles en internet na páxina visitacostadamorte.com, no apartado de “Camiños e Sendeiros de Costa da Morte”, da asociación CMAT (Costa da Morte Asociación de Turismo), da que extraemos a maior parte da información destes itinerarios de curto percorrido. Nesa páxina temos a disposición ata trinta e dúas rutas que nos permiten coñecer aqueles espazos de maior interese natural e histórico do territorio da Costa da Morte.

Ademais das rutas a pé de curto percorrido, ofrecemos dúas de longo percorrido, é dicir, que teñen máis de 50 km, para realizar en varias etapas como son o Camiño dos Faros e o Camiño Xacobeo de Santiago a Fisterra e Muxía.

Page 21
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.