Capítulo: 3

CONTEXTO XEOGRÁFICO

Vexetación e fauna

Pola súa situación á beira do océano Atlántico e na parte intermedia de Galicia, A Costa da Morte está incluída na rexión floral Eurosiberiana, que se estende polo centro e norte do continente europeo e que determina o tipo de vexetación, pero esta tamén está influída por outros factores propios desta nosa rexión occidental, como o seu clima atlántico e o tipo de solo, neste caso maioritariamente ácido.

carballeira constitúe o bosque autóctono por excelencia de toda a rexión, pero a intensa acción humana sobre o territorio ao longo de moitos anos provocou que esa formación natural practicamente desaparecese, limitándose a reducidas presenzas nas beiras dos ríos, e xunto con outras especies arbóreas, como ameneiros, freixos, salgueiros, bidueiros, abeleiras, loureiros ou espiños, formen o denominado bosque de ribeira.

O espazo que antigamente ocupaba a carballeira foi substituído primeiro por toxeiras e queirugais, e máis tarde, por especies de repoboación forestal, como os piñeiros e os eucaliptos, que actualmente cobren a maioría da superficie dos nosos montes, chegando a invadir as terras de cultivo. Pero ademais desta paisaxe arbórea dominante, cando percorremos A Costa da Morte, percibimos tamén outros espazos paisaxísticos diferentes situados na zona costeira ou nas terras do interior.

Polo que se refire á costa, ao longo do amplo litoral que comprende esta rexión, atopámonos con interesantes espazos naturais que dispoñen dunha flora e fauna específica e forman unha paisaxe singular.

Existen extensos areais con dunas, marismas, e incluso algúns con lagoas costeiras, nos que a diversidade de flora e fauna é moi notable, como ocorre en Razo e Baldaio, no concello de Carballo, un interesante espazo natural con ecosistemas diferentes: a praia, as dunas, a marisma e a lagoa. Nel destaca sobre todo a súa riqueza ornitolóxica, formada especialmente por aves asociadas a ambientes acuáticos. Entre as especies máis coñecidas e que corren un maior perigo está a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) por aniñar sobre as propias formacións areentas.

O seguinte espazo natural que dispón dun extenso areal e lagoa costeira é o da praia de Traba de Laxe, unha área tamén afundida con respecto aos montes circundantes, os coñecidos Penedos de Pasarela e Traba, declarados Paisaxe Natural desde o ano 2009, polo seu gran interese xeolóxico e paisaxístico.

Neste medio natural costeiro, diferéncianse dous ecosistemas: a praia, xunto coas dunas e a lagoa litoral. Cada un deles coa súa fauna específica. Entre as súas especies vexetais hai citas da presenza da Centaurea corcubionensis, un endemismo desta nosa costa.

20. Píllara Das Dunas (charadrius Alexandrinus) (grupo Hábitat)
Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) (Grupo Hábitat)

O último gran espazo areento é a extensa praia de Carnota, coas dunas e marismas asociadas. Trátase do areal máis longo de Galicia, que acada case os 7 km de lonxitude. Unha praia de area fina e branca polos grans de seixo procedentes da erosión do granito e das cunchas. A diversidade de flora e fauna de todo o conxunto convérteo tamén nun lugar de gran interese natural.

Alternando con estes extensos areais atopámonos con amplos tramos de costa acantilada sobre todo nas contornas das penínsulas ou promontorios que forman as puntas e cabos, nos que o vento sopra con forza e o mar rompe intensamente contra as rochas.

A vexetación arbórea nestas zonas costeiras desaparece polas duras condicións ambientais que se dan, no seu lugar formouse un monte raso constituído por toxos e queiroas como ocorre na costa acantilada entre Razo e Malpica, no cabo de Santo Adrián e illas Sisargas, na península do Roncudo, no tramo costeiro de Camelle ao cabo Vilán, nas penínsulas que forman as puntas da Buítra e o cabo Touriñán e no cabo A Nave e cabo Fisterra.

O terceiro e último grupo de espazos costeiros de interese natural sitúase nos esteiros dos ríos máis importantes: Anllóns, Porto, Castro e Xallas e as rías nas que desembocan, zonas máis protexidas con respecto ao resto da costa e con grande variedade de flora e fauna.

esteiro do río Anllóns, denominado tamén enseada da Insua, comprende o último tramo do río bergantiñán que se estende desde a ponte de Ponteceso ata a Barra. Trátase dun amplo espazo natural pechado por unha barra ou frecha areenta, na que se formou unha duna, que, debido aos ventos que sopran, cubriu de area a ladeira sur do monte Branco. Tanto a zona de limos como as marismas que a circundan acollen unha rica e variada vexetación e fauna propias destes ecosistemas. Destaca a gran riqueza de aves acuáticas que teñen aquí o seu hábitat permanente ou temporal, catalogadas polo coñecido ornitólogo José Luis Rabuñal Patiño, durante as numerosas visitas que leva realizado a este lugar

21. Último Tramo Do Esteiro Do Río Anllóns
Último tramo do esteiro do río Anllóns

esteiro do río do Porto comeza a partir da ponte de Ponte do Porto onde o río amplía a súa canle. A partir da Baixa de Dor as augas corren máis remansadas e fórmanse pequenas illas nas que aniñan algunhas das aves acuáticas que hai na contorna.

No seu tramo final, as marxes do río vólvense areentas e forman as praias do Ariño, na banda de Xaviña e a de Area Grande, na de Leis. A vantaxe deste esteiro consiste en que a partir de Cereixo e ata o seu remate na ría de Camariñas, as súas beiras están cubertas de vexetación, sen a existencia de ningún tipo de construción, polo que a intervención antrópica é escasa, converténdoo nun lugar moi tranquilo para a fauna que habita nel.

río Castro forma un esteiro moi reducido na súa desembocadura e foi modificado pola construción da piscifactoría de troita Tres Mares, instalada aquí desde 1969. Este espazo prolóngase a través da desembocadura do río de Lires e forma un lugar de gran concentración de aves, no que é doado observar especies diversas.

río Xallas, que desemboca formando unha gran fervenza, ten un esteiro de reducidas dimensións, situado ao pé do inmenso monte Pindo, antes de confluír coas augas da ría de Corcubión. A marxe dereita do esteiro está moi transformada pola construción das instalacións da central hidroeléctrica e polas casas do Ézaro que se levantaron á súa beira, esta intervención humana condicionou a vida da fauna que aquí habita. O maior atractivo natural deste lugar é o singular enclave granítico que o rodea e a impresionante fervenza que forma o río Xallas.

Todos estes espazos naturais descritos anteriormente teñen as súas medidas de protección desde hai uns anos, polo que deberán ser coidados e respectados para que non sufran ningún tipo de alteración.

A parte costeira desta rexión está incluída dentro da Rede Natura 2000 a través da ZEC (Zona Especial de Conservación) Costa da Morte, que comprende a parte do litoral que se estende desde Sabón (Arteixo) ata Fisterra sobre unha superficie de 11809 ha e da ZEC Carnota – Monte Pindo, que comprende o último tramo do río Xallas, o monte Pindo, a praia e marismas de Carnota e as illas Lobeiras, cunha superficie de 4628 ha.

A grande riqueza ornitolóxica que hai nalgúns destes espazos costeiros fixo que tamén a estes se lle aplicara a protección ZEPA (Zona Especial Protección para Aves) Costa da Morte, que comprende unha superficie de 7962 ha.

Con respecto ás zonas de interese natural situadas no interior da Costa da Morte, as medidas de protección corresponden á ZEC río Anllóns, dentro da Rede Natura 2000, que abarca a maior parte do curso principal deste río e do seu afluente o Rosende, que se estende sobre unha superficie de 162 ha e á Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, sobre unha superficie de 212 ha, dentro dos concellos de Vimianzo e Laxe.

Page 8
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.