Historia
A orixe deste núcleo costeiro está relacionada coa caza da balea que vascos e asturianos realizaron neste litoral. A mediados do século XVI o Licenciado Molina xa nos fala deste tipo de pesca, dicindo que se facía durante os meses de inverno e que era pesca de gran proveito pola cantidade de aceite que se extraía.
O Cardeal del Hoyo volve a facer referencia a esta actividade pesqueira cando cita este porto. Ademais do aproveitamento da súa graxa, tamén se utilizaban os seus ósos. Das vértebras facíanse tallos, e as costelas servían de ripas para os tellados das casas mariñeiras.
Sobre a vila de Caión exerceron señorío os Bermúdez de Castro, señores de Montaos. Un dos seus membros, Francisco Bermúdez de Castro, foi o fundador do convento dos Padres Agostiños, que se fixeron cargo da parroquia baixo a advocación de Nosa Señora do Perpetuo Socorro. Logo, no ano 1772, trasladaranse á cidade da Coruña para ocupar o convento dos xesuítas, despois da expulsión destes.

A principios do século XIX, a sardiña e o congro eran as especies que máis se pescaban neste porto, segundo as noticias que nos aporta o ilustrado José Lucas Labrada.
A comezos do século XX, Caión era o núcleo máis poboado do concello da Laracha, con preto de cincocentos habitantes. Tiña fábricas de salgadura, escola de rapaces e posto de carabineiros de terceira categoría.
Caión, igual que Muxía ou Malpica, sitúase sobre una estreita península moi batida pola mar, que condicionou a súa estrutura urbana e a actividade económica dos seus habitantes, que tiñan no mar o seu principal recurso.

A transformación urbanística dos últimos anos apenas deixou rastro das tradicionais casas mariñeiras de balcón ou galería, caleadas de branco ou pintadas de cores vivas, as mesmas pinturas coas que se pintaban as embarcacións. Non obstante, a súa singular situación e magnífica praia das Salseiras, que se estende ao oeste da vila, converten a esta localidade nunha atractiva vila mariñeira, que paga a pena visitar en calquera época do ano.

Ruta a pé pola vila
Iniciaremos a ruta a pé na praza de Eduardo Vila Fano, considerada como o centro desta pequena vila. Nesta praza sitúanse os dous edificios históricos máis importantes: o pazo dos Condes de Graxal e a igrexa parroquial.
O título de Condes de Graxal adquirírono os Bermúdez de Castro, cando a filla do fundador do convento, Beatriz Bermúdez de Castro, casou con Juan Álvarez de Vega, conde de Grajal de Campos (León).
O pazo é un edificio de planta rectangular alongada que ocupa a parte oeste da praza. O acceso principal realízase a través dunha porta que remata nun arco semicircular de grandes doelas. A fachada é lisa e con poucas aberturas. Percíbese que o edificio foi ampliado pola parte suroeste xa que a cor do granito presenta unha tonalidade máis rosácea e sen apenas aberturas. Aquí situábase o cárcere, xa que nesta construción estivo a sede da antiga xurisdición da vila de Caión. Sobre a fachada hai varios escudos moi desgastados pola erosión. O principal sitúase enriba da fiestra central e nel móstranse as armas dos Bermúdez e dos Castro.
A igrexa de Santa María do Socorro, foi o templo do antigo convento de San Agostiño, fundado no século XVI por Francisco Bermúdez de Castro, señor da vila de Caión. Máis tarde converteríase en parroquial, en substitución da igrexa de Santa María, situada onde actualmente se atopa a capela da Virxe dos Milagres.
Trátase dun edificio con nave e ábsida rectangular e cubrición con tellado a dúas augas. A entrada principal ábrese no muro lateral norte que dá á praza, a través dunha fermosa portada renacentista con arco de medio punto, flanqueada por dúas columnas que rematan nun frontón triangular.
No tímpano da porta de madeira represéntanse unha Anunciación, a Inmaculada e unha Virxe co Neno. Na fachada lisa hai dous campanarios. Un na esquina norte, formado por unha torre de cantería, na que se abren catro ocos e o outro en forma de espadana de dous ocos situado sobre o vértice do tellado.
Na parte posterior da igrexa sitúase o edificio do antigo convento. Na súa fachada vemos dous escudos. No da esquerda móstrase unha torre e a seguinte inscrición:
Malo mori quam foedari (Prefiro morrer antes ca luxarme)
No da dereita represéntanse os símbolos dos Bermúdez e dos Castro, relativos ao fundador deste conxunto arquitectónico.
Saímos da praza polo ángulo suroeste e á esquerda atopámonos co edificio da confraría de pescadores construído en 1940. Alberga os fondos do arquivo de pesca e unha exposición permanente sobre a historia e a cultura mariñeira desta vila larachesa.
No seu interior móstranse documentos, útiles de pesca e paneis explicativos sobre a evolución da pesca e da vida dos habitantes deste porto desde o seu pasado baleeiro.
Continuamos esta ruta a pé seguindo o paseo marítimo que bordea todo o litoral da península de Caión e chegamos ao porto, situado na enseada do antigo embarcadoiro. Aquí podemos contemplar as instalacións portuarias e as embarcacións amarradas ou as que están sobre a explanada. Logo dirixímonos á praza, lugar de inicio da ruta. Tamén temos a oportunidade de percorrer o paseo costeiro que se dirixe á praia das Salseiras e que continúa pola pista de terra que bordea o litoral.
Ao regreso de Caión podemos visitar o Santuario dos Milagres, situado a dous quilómetros do núcleo urbano, en dirección a Carballo. Neste lugar estivo situada a primitiva parroquial de Santa María de Caión, antes de que a mediados do século XVI, os padres agostiños fundaran o convento na vila. A igrexa conventual absorbeu a esta parroquial, converténdose en capela anexa e mantendo culto tan só na festividade de Nosa Señora. A actual capela de estilo barroco, construíuse en 1833. A romaría celébrase cada 8 de setembro e a ela acoden xentes de toda a comarca de Bergantiños. É tradición ir camiñando de noite ata o santuario ou á mañanciña, para chegar a escoitar misa. O domingo anterior á romaría, trasládase en procesión a Virxe dos Milagres ao santuario e retornará á parroquial o domingo seguinte de celebrada a festa.

Desde Caión regresaremos á Malpica, a vila na que iniciamos esta cuarta ruta.