Historia
A vila mariñeira de Camariñas, cuxo topónimo procede da caramiña (Corema album), planta arbustiva que medraba nas dunas sobre as que se asentaría este núcleo, tivo unha orixe máis tardía que as primitivas aldeas da parroquia de San Xurxo de Buria. Os monxes do pequeno mosteiro de Tosto, en Santa Mariña, contribuíron á cristianización destas terras, aínda que curiosamente esta freguesía pertenceu desde o século X á diocese de Mondoñedo.
A partir do século XIII comezaron a establecerse na beiramar os primeiros habitantes aproveitando as boas condicións que ofrecía a praia do Curbeiro como porto natural para a práctica da pesca e do comercio marítimo, dando orixe á vila camariñá.
Desde o século XV este porto pasará a estar baixo o dominio dos Moscoso de Altamira, que tiñan a cabeza da xurisdición no castelo de Vimianzo.
A mediados do século XVI, o licenciado Molina xa destacaba a importancia deste núcleo. Na primeira metade do século XVIII, segundo se recolle no Compendio del Estado de Altamira (1724), Camariñas tiña unha poboación de 140 veciños (uns 600 hab.), que se dedicaban á pesca. Era un porto coñecido que frecuentaban barcos de diferentes países que navegaban por esta costa. No Catastro de Ensenada (1753) cítase a existencia de dous trincados ou galeóns que se dedicaban á pesca da sardiña, de varios pataches que transportaban sardiña salgada ao País Vasco e pequenas embarcacións que se dedicaban á pesca do congro.
Os frecuentes ataques piratas a este porto promoveron a creación de baluartes defensivos, sendo o máis importante o castelo do Soberano, construído a mediados do século XVIII, do que só se conservan os cimentos.
A principios do século XX, Camariñas era unha activa vila pesqueira, cun bo casarío, -en palabras de Carré Aldao-, unha branca pomba, cun aspecto de vila andaluza, de rúas estreitas que desembocan no porto. As actividades pesqueiras complementábanse cunha certa actividade comercial. A través do seu porto exportábanse cereais e madeira, e importábanse mercadorías manufacturadas e diversos produtos alimentarios.
Será a partir dos anos sesenta cando o aspecto da vila comece a transformarse coas novas construcións, pouco respectuosas co urbanismo tradicional, o que supuxo un cambio substancial na fisionomía desta localidade.
Na actualidade Camariñas é unha vila duns 2500 habitantes cun núcleo urbano moderno, que se construíu sobre o anterior, ampliándose cara á zona rural. Ademais da pesca, a súa poboación traballa na industria conserveira, na artesanía do encaixe e nos servizos.

Se o núcleo urbano camariñán perdeu moito do seu encanto tradicional, a beleza incomparable do seu litoral, xunto coa artesanía do encaixe e o espectacular faro Vilán, converte a Camariñas nun lugar de gran atractivo turístico.
Ruta a pé pola vila de Camariñas
O viaxeiro que se achega a Camariñas ten a oportunidade de visitar o museo do Encaixe, no que se lle ofrece información sobre o pasado e presente desta artesanía. Logo emprenderá un paseo bordeando o mar no que se atopará con algunhas construcións que formaban a fachada marítima antiga, tendas de encaixe, terrazas de bares e restaurantes con vistas ao mar, e, xa na zona portuaria, coas embarcacións pesqueiras e deportivas, que enchen de colorido este espazo.
Se nos achegamos á punta do Boi ou do Castelo, atopámonos coas ruínas do castelo do Soberano, construído a mediados do século XVIII. Esta fortaleza camariñá constaba dunha parte curva orientada cara ao mar, que se adaptaba á forma do promontorio costeiro no que se asentaba e outra parte en forma poligonal, que daba cara a terra, propia da arquitectura militar da época, esta formada por baluartes triangulares nas esquinas e un apuntado no centro, unidos por dous lenzos rectilíneos, nos que se situaban os accesos.
No interior había unha serie de construcións en liña que facían de segundo muro defensivo, destinadas a gardar a pólvora e munición e cuartos para oficiais e tropa. Un paso central daba acceso á explanada de artillería, na que se situaba unha batería curva con espazo para 17 pezas de canón.

Daquela construción, que nunca chegou a ter unha utilidade militar, tan só se conservan os cimentos, pois as súas pezas de cantería foron utilizadas nos anos corenta do pasado século para a construción do porto.
Dentro do núcleo urbano, aínda que afastada do mar, encóntrase a igrexa parroquial de San Xurxo, unha obra barroca que merece a pena visitar pola súa arquitectura e tamén polos interesantes retablos que conserva no seu interior.
Este templo construíuse entre os anos 1788 e 1797, grazas á achega económica do benfeitor Antonio Domingo Rodríguez Canosa, un emigrante mexicano natural da Casa do Rego da Horta, do lugar do Cotro. Presenta unha planta de cruz latina, dunha soa nave, con bóveda de aresta e cuberta a dúas augas. A sancristía sitúase na parte posterior.
A fachada, feita en pezas de boa cantería de granito, mostra un maior movemento arquitectónico que o resto do edificio no que apenas se ven elementos decorativos. Nela destacan a torre campanario e a porta, onde se perciben os motivos decorativos barrocos.
No seu interior acolle varios retablos de grande interese. O maior, de corte neoclásico, posible obra do importante escultor noiés Xosé Ferreiro, está presidido pola Virxe do Monte e San Xurxo. A este mesmo autor tamén se lle atribúen outros dous retablos situados no brazo esquerdo da cruz: o de Xesús atado á columna e o Nazareno. No brazo dereito sitúase o retablo barroco dedicado á Dolorosa.
Nas rúas estreitas do interior do núcleo urbano, salientamos a capela da Virxe do Carme, de mediados do século XIX, que garda no interior un interesante retablo barroco dedicado a esta Virxe, patroa dos mariñeiros. Na súa honra celébranse as principais festas desta vila o 16 de xullo. E a Casa dos Altos ou dos Romero, un pazo urbano que pertenceu a esta familia fidalga, que loce na súa fachada un ostentoso escudo, coa simboloxía semellante á do pazo de Loroxo (Cerqueda, Malpica), tamén desta mesma familia.

Unha vez visitada a vila de Camariñas, trasladámonos ao cabo e ao faro Vilán, situado a uns 5 km. A estrada depáranos fermosas vistas sobre a costa de Muxía.