
Historia
A vila de Laxe (1.700 hab.) pola súa situación presenta certas semellanzas coa de Muxía, ambas as dúas están sobre unha península, ao sur da ría e á beira dunha praia que facía de embarcadoiro, aínda que Laxe está máis protexida dos ventos do sur e do oeste.
O pouco espazo dispoñible para a práctica da agricultura determinou que a pesca se convertese na actividade esencial dos habitantes que se asentaron neste espazo areento.
Se Malpica, Muxía ou Fisterra estiveron baixo o dominio da igrexa compostelá, Laxe, Camariñas e Corcubión dependían da nobreza laica, neste caso da poderosa familia dos Moscoso, condes de Altamira, donos das fortalezas de Mens e Vimianzo. Laxe estaba baixo a xurisdición de Vimianzo e historicamente actuou como o porto de Soneira.
A Casa do Arco, a máis antiga da vila, pertenceu a aquela familia nobre, que tamén mandou construír a igrexa parroquial de Santa María da Atalaia a finais do século XV, a iniciativa de dona Urraca de Moscoso, por orde testamentaria da súa nai, Xoana de Castro e Lara.
Sobre a importancia pesqueira de Laxe, xa nos informa o licenciado Molina a mediados do século XVI, referíndose á abundancia de congro e pescada. Na segunda metade do século XVIII recibe a chegada dos cataláns atraídos pola abundancia de sardiña que había nesta ría. A familia Domènech instala neste porto unha factoría de salgadura deste peixe e vai exercer unha destacada influencia social e política nesta localidade.
Cando no século XIX se produciu a decadencia dos Altamira, a Casa do Arco, igual que a fortaleza de Vimianzo, pasa a mans dos Martelo. Finalmente pasará a ser propiedade dos Domènech. O primeiro alcalde do concello constitucional de Laxe foi precisamente un membro desta estirpe foránea.
Este porto, como moitos outros, sufriu tamén as incursións piratas. No ano 1748, a piratería inglesa ataca este núcleo e apodérase das pezas de maior valor que había na igrexa parroquial.
A finais do século XIX Laxe era una vila de arredor dos mil habitantes. O seu casarío estendíase de norte a sur, paralelo á liña costeira, no que destacaba a igrexa parroquial, situada na parte máis alta, co seu campanario en forma de torre. Na parte central deste núcleo situábase a praza, arredor da que se desenvolvía a vida económica e social. A comezos do século seguinte chegou a haber ata cinco fábricas de salgadura fronte á praia, nas que traballaban fundamentalmente mulleres. Tamén desempeñou un importante papel económico a mina de caolín que comezou a súa actividade nos anos vinte. Na posguerra, despois das melloras realizadas no seu porto, este, ademais das actividades pesqueiras, tamén se converteu nun importante embarcadoiro comercial, sobre todo no que respecta á exportación de caolín e madeira.

Entre os persoeiros salientables que deu esta vila destacamos o fotógrafo José Vidal García (1900-1986), que deixou testemuño gráfico das paisaxes e xentes de Laxe e contorna. O insigne xeólogo Isidro Parga Pondal (1900-1986), profesor da Universidade de Santiago, apartado da docencia tralo golpe militar de 1936. Fundou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, ao que acudiron a formarse estudantes de varios países europeos. E o poeta Antón Zapata García (1866-1953), que de mozo emigrou a Bos Aires, onde desenvolveu un intenso labor cultural. A súa poesía está inspirada na paisaxe e no mar da súa vila natal.
Ruta a pé pola vila
A ruta urbana que propoñemos pola vila de Laxe coincide co itinerario circular de 1,6 km, que propón este concello, que nos parece acertado, e que está dispoñible na páxina web municipal, no apartado de turismo e vai acompañado dun plano, aínda que a nosa proposta amplía un pouco máis a información.
Iníciase este percorrido no Paseo Marítimo, ao lado dos paneis que informan sobre as rutas de sendeirismo polo concello. Collemos en dirección á igrexa parroquial ata a praza de Ramón Juega. Este espazo, aberto ao mar, actuaba como centro económico e social da localidade. O edificio máis emblemático represéntao a Casa do Arco, denominada así polo arco oxival que dá acceso á rúa Real. Posiblemente fose mandada construír por dona Urraca de Moscoso e o seu marido Pedro Osorio no século XV, que, aínda que tiñan a súa residencia na cidade de Santiago, pasarían tempadas no castelo de Vimianzo e nesta casa de Laxe, cando visitaban as propiedades que tiñan na xurisdición vimiancesa. Mantívose no poder desta familia nobre ata que no ano 1870, María Luísa Osorio de Moscoso vende o castelo de Vimianzo e a Casa do Arco a Ramón Martelo Núñez que procedía da casa fidalga do Pombal, situada en Boaño (Traba de Laxe), e que por liña materna descendía tamén dos Moscoso.

O seu fillo, o poeta, Evaristo Martelo, venderalle esta casa á familia de fomentadores cataláns, Domènech, que se instalaron en Laxe. O seguinte propietario da Casa do Arco pasará a ser Ernesto Pons, e finalmente chegará a mans de Calixto Añón Vazquez, quen instalará nela un negocio de hostalaría.
Trátase dun amplo edificio de tres alturas, con tellado a catro augas, sen apenas elementos decorativos. A fachada máis vistosa é a que dá á praza, pero a entrada principal sitúase no lado oeste, entre dúas chemineas. O único compoñente que destaca na fachada é un balcón situado no terceiro andar que apoia sobre catro canzorros.
Debaixo do arco, á esquerda, vemos un escudo antigo de Galicia, co cáliz e a hostia e unha inscrición en letra gótica. E outro escudo coa cabeza dun lobo, que representa aos Moscoso e as seis rodelas dos Castro, en referencia aos antigos propietarios desta casa.
As casas con balcóns e galería, que cerran a praza pola parte oeste, foron construídas na segunda metade do século XIX por familias da pequena burguesía local, entre elas está a que pertencera á familia do xeólogo Isidro Parga Pondal. Se subimos pola calella situada a carón da Casa do Arco lévanos á entrada do Museo do Mar, situado nun edificio antigo da zona histórica que fora cuartel da Garda Civil. Está distribuído en catro plantas e o seu contido céntrase no patrimonio histórico, antropolóxico e visual da vila e do concello de Laxe.
A cultura mariñeira adquire unha especial presenza por ser a actividade principal desta vila en tempos pasados, tamén podemos contemplar o seu pasado mineiro e a vida e obra dos seus persoeiros máis ilustres, como o xeólogo Isidro Parga Pondal, pero o seu maior valor está no Arquivo Fotográfico Vidal, declarado Ben de Interese Cultural, que conserva a obra dos fotógrafos Plácido Vidal Díaz e do seu fillo José M.ª Vidal García, composta por un fondo de 67 000 fotografías. Ultimamente tamén incorporou o arquivo do fillo de José M.ª, José M.ª Vidal Eiroa constituído por unhas 73 000 fotos.

Todas estas imaxes recollen as paisaxes, a vida social, económica e lúdica dos habitantes de Bergantiños e da Terra de Soneira ao longo do todo o século XX.
Desde a praza de Ramón Juega, cruzamos por debaixo do arco e continuamos pola rúa Real ata a igrexa de Santa María da Atalaia, situada nun lugar elevado da vila, desde o que se domina o porto e o núcleo urbano, de aí que ademais de cumprir a función relixiosa tamén se utilizou con fins defensivos. A finais do século XVI construíuse no seu adro un muro para colocar varias pezas de artillería como defensa deste porto.
As obras desta igrexa iniciounas Juana de Castro y Lara, probablemente sobre un soar dun templo anterior do século XIII, e rematounas a súa filla Urraca de Moscoso a finais do século XV ou comezos do seguinte.
Trátase dun templo dunha soa nave rectangular, dividida en tres tramos por arcos apuntados, que descansan en semicolumnas de fuste poligonal que se corresponden cos contrafortes exteriores, cuberta cun teitume de madeira e tella. A capela maior, de forma tamén rectangular, cóbrese con bóveda de crucería con nervios que se apoian sobre columnas arrimadas con capiteis cilíndricos.

Arrimada ao muro sur levantouse a torre campanario cun aspecto defensivo, posterior á construción da igrexa, do século XVI ou VXII, á que se accede a través dunha escaleira, cunha varanda de pedra na que se incrustaron as imaxes dunha Virxe co Neno, un frade franciscano e un anxo, figuras que foron reutilizadas.
Neste mesmo muro ábrese unha porta de arco oxival de grandes doelas e sobre ela vemos unha imaxe pétrea da Virxe. Tamén hai outra porta de acceso ao templo no muro norte e sobre a súa lumieira represéntanse as imaxes do friso interior, pero dun xeito comprimido pola limitación do espazo.
Na fachada ábrese unha porta con arco apuntado, e enriba dela, un rosetón, que ilumina a nave. A sancristía construíuse no século XVIII arrimada ao muro leste da capela maior, anteriormente situábase na parte baixa da torre campanario.
Se accedemos ao interior e nos achegamos á capela maior, observamos como nos capiteis do arco triunfal se representan os símbolos dos Castro (rodelas) e dos Lara (caldeiriños), correspondentes á nai de dona Urraca, que fora a impulsora deste templo.
No muro da cabeceira ábrese un rosetón con vidreira, no que se sitúa a imaxe pétrea policromada da Virxe da Atalaia, a patroa, da mesma época que a construción da igrexa, igual que a imaxe de Santa Inés que se mostra no muro norte, posiblemente doada por Inés de Moscoso, irmá de Urraca.
Debaixo do rosetón, sitúase o relevo da Resurrección, unha obra escultórica de gran valor. Trátase dun friso pétreo de estilo gótico de 4,5 x 1,07 m, descuberto no ano 1955, cando un raio destruíu o retablo barroco anterior que ocultaba esta faixa pétrea ornamentada. Nela represéntanse cinco escenas sobre a Resurrección de Cristo. De esquerda á dereita, seguen esta orde: A Resurrección de Cristo, o descenso de Cristo resucitado ao Limbo, a aparición de Cristo á Virxe, as Santas Mulleres diante do sepulcro baleiro e a aparición de Cristo a María Madalena. As escenas non seguen unha orde cronolóxica dos sucesos segundo aparecen narrados nas Escrituras.
As tumbas que se atopan xunto ao altar maior, sen inscrición, son posteriores á construción do templo e poderían pertencer á familia dos Pazos, vasalos dos Altamira, posto que os Moscoso e os Castro soterrábanse na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago.
Nos anos noventa do pasado século descubriuse no muro norte un fresco coa imaxe de Santo Domingo de Guzmán. Tan só se aprecia a parte inferior da súa figura, o can cun facho e unha imaxe en pequeno deste mesmo santo, orando. Esta pintura poida que sexa da mesma época que a construción da igrexa e unha iniciativa de Urraca de Moscoso.
Esta igrexa de Laxe comparte certas semellanzas con outras da Costa da Morte, como a de Santa María de Muxía, San Marcos de Corcubión ou Santa María das Areas de Fisterra, algúns autores incluíronas dentro do denominado gótico mariñeiro.

A partir da igrexa collemos á esquerda pola rúa Hospital, que leva este nome en lembranza do antigo hospital que houbo nesta vila, posiblemente fundado por Urraca de Moscoso.. Continuamos pola rúa do Campo, que fai referencia á parte agraria da parroquia, na que podemos observar algúns hórreos nos que se gardaba o millo destas terras de cultivo. Logo desviarémonos á esquerda cara a fonte de Arriba e desde aquí seguimos o camiño que sobe á ermida de Santa Rosa, desde onde gozaremos de espléndidas panorámicas sobre a ría e o núcleo urbano.
A orixe desta capela e do cruceiro ten relación cun navegante de Laxe, apelidado Couceiro, que facía a ruta España-Perú. Na súa derradeira viaxe, realizada a finais do século XVII, trouxo unhas supostas reliquias desta santa peruana e prometeu que se chegaba ben a porto, mandaría levantar un cruceiro nun lugar elevado para colocar aos pés da cruz aquelas reliquias, coñecido como a Cruz do Navegante ou tamén Cruz da Rosa, arredor do que se celebra unha festa o 21 de xullo. A construción da capela é moito máis recente, foi levantada no ano 1936 para acoller a festividade desta santa peruana da que había unha imaxe barroca na igrexa parroquial. A Romaría celébrase o 30 de agosto.
Desde esta ermida baixamos pola rúa Santa Rosa e logo collemos á dereita pola Dos Plazuelas, para despois virar á esquerda cara a praza do Cantón ou do Mercado e chegar de novo ao Paseo Marítimo, punto de partida desta ruta urbana.