Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Vila de Malpica de Bergantiños

133. Vila De Malpica A Comezos Do S. Xx (arquivo Vidal)
Vila de Malpica a comezos do s. XX (Arquivo Vidal)

Historia

A vila de Malpica naceu ao abeiro do monte da Atalaia como un pequeno porto pesqueiro vinculado á pesca da balea, igual que pasou con Caión ou Camelle. Vascos e asturianos eran os que acudían a esta costa en tempo de inverno á caza destes cetáceos, que aproveitaban para facer aceite. A mediados do século XVI fai referencia a este tipo de pesca o licenciado Molina da que recolle: “É pesca de gran proveito porque dun baleato, anque sexa pequeno, sácanse dúas arrobas ou cántaras de aceite, que serve para todo o que se aproveita o de oliveira, agás para comer”.

A comezos do século seguinte o Cardeal del Hoyo, achéganos máis datos sobre esta mesma actividade: “Esta vila é o porto onde se pescan máis baleas de todos os demais de Galicia. Péscanse cada ano sete ou oito baleas, dúas máis ou menos, arrendan aos biscaíños, que son os que as pescan; ao arcebispo páganlle cada ano sete mil marabedís de renda fixa”.

A partir do século XVIII, a pesca da balea perdeu importancia e será substituída pola sardiña e congro. O ilustrado José Lucas Labrada, coméntanos que neste porto, de entrada perigosa, péscanse cada ano uns dous mil milleiros de sardiñas, 250 quintais de congro e tres mil de pescada, exportándose tamén uns mil ferrados de cebolas.

Malpica, igual que Caión, eran portos de difícil entrada, sobre todo con mar picado. Esas condicións naturais adversas determinaron que Malpica fose sempre un porto exclusivamente pesqueiro. O ilustrado José Cornide xa nolo advirte no século XVIII.

“Antes de montar esta punta [da Atalaia] está el puerto de Malpica, que está sobre roca con solo cuatro brazas de agua; por lo que solo pueden entrar barcos pescadores en lo que abunda”.

Os mariñeiros malpicáns sempre se tiveron que enfrontar a este mar belicoso que bate con forza contra A Plancha e rompe tamén contra os cantís da praia que facía de embarcadoiro, por iso durante o inverno había que subir a través dunha rampla as embarcacións para a rúa principal

O escritor andaluz José Mas, autor da novela La Costa de la Muerte (1928), ambientada na vila malpicá, refírese a esta situación: “E as lanchas estaban alí, todas aliñadas graciosamente nunha rúa mariñeira e en forma de rampla que escorregaba con suavidade ata desaparecer naquela especie de enseada”. Tamén se pode apreciar nas fotografías daquela época.

A maior aspiración dos malpicáns foi sempre conseguir protección para a súa frota pesqueira. As primeiras obras portuarias que se realizaron foron as do murallón e a rampla, custeadas polo benfeitor Anselmo Villar Amigo (1850-1918), quen fixera fortuna na Arxentina.

Durante a II república iniciáronse os primeiros traballos de protección do porto, obras que se viron interrompidas co estalido da Guerra Civil e non terán continuidade ata os anos cincuenta, que foi cando se ampliou o dique e se construíu a dársena. Despois, polos anos setenta e seguintes, seguirase a ampliar o dique e a mellorar as infraestruturas portuarias.

134.praza De Anselmo Villar
Praza de Anselmo Villar

Polos anos vinte do pasado século, Malpica tiña ao redor dos mil habitantes, e o seu núcleo estendíase ao sur do monte da Atalaia e a través do istmo que une a pequena península co continente. Había escola de nenos e nenas, posto de carabineiros, dúas sociedades recreativas, varios establecementos comerciais e servizo de carruaxes. A luz eléctrica non chegará ata 1928.

Esta Malpica de rúas estreitas e retortas conservaba unha gran harmonía nas súas construcións, con casas dunha soa planta ou de dous andares, con paredes de granito e cubertas con tella do país, algunhas con balcón ou galería.

A partir dos anos sesenta do pasado século, aquela Malpica tradicional comezará a sufrir unha profunda transformación urbanística que alterará por completo aquela harmonía de tempos pasados. A pesar desta grave modificación sen o mínimo respecto á arquitectura tradicional, o ambiente mariñeiro deste porto, o seu singular enclave e o colorido das súas embarcacións, resultan atractivos para os visitantes.

Ruta a pé pola vila

135. Porto De Malpica
Porto de Malpica

Comezaremos a visita a esta vila no porto, o lugar máis axeitado para estacionar o vehículo. Dependendo da hora de chegada o traballo portuario varía, dando un paseo polo peirao observaremos a actividade pesqueira que nos coincida; se temos a sorte de que haxa faena na lonxa, entraremos a vela e coñecer as diferentes clases de peixe que se poxan e o ambiente mariñeiro que se percibe dentro e fóra. Logo de percorrer a explanada do peirao subimos á praza do Cruceiro e desde alí pola rúa Tío Paz dirixirnos ao Miradoiro desde o que dispoñemos dunha fermosa vista de toda a enseada portuaria. Aos nosos pés, a dársena, que acolle as embarcacións de menor tamaño; máis ao lonxe, o barrio novo do Camiño do Río, que vai ascendendo cara a capela das Neves ou de Santo Antón, tamén enxergamos a enseada do porto coas embarcacións de maior tamaño e a costa escarpada na que rompe o mar. Volvemos á praza do Cruceiro e continuamos pola rúa Eduardo Vila Fano, que leva o nome do enxeñeiro que elaborou o proxecto do primeiro dique de abrigo para este porto, pola que continuamos ata a praza de Anselmo Villar, considerada como o centro da vila. Aquí vemos a Fonte de Abaixo, doada por este benfeitor malpicán e inaugurada en 1897 á que se lle incorporou o seu busto en 1957. Desde aquí a través da rúa Praia dirixímonos á praia de Area Maior, un extenso areal, ateigado de bañistas en temporada de verán. Temos a oportunidade de percorrela camiñando polo paseo que a bordea e, ao mesmo tempo, contemplar a magnífica panorámica sobre o cabo de Santo Adrián e as illas Sisargas.

136. Praia De Area Maior De Malpica
Praia de Area Maior de Malpica

Volvemos de novo á praza de Anselmo Villar e dirixímonos cara a Casa do Pescador, construída no ano 1956 sobre a rampla que baixaba ao porto. No seu interior consérvanse varias obras do pintor surrealista coruñés Urbano Lugrís González (1908?-1973), ao que se lle encargou o deseño de decoración do edificio. No bar da planta baixa podemos ver unha Rosa dos ventos, copia da pintada por Lugrís para un dos seus murais. No Fogar do Pensionista (1.º andar) e no segundo andar expóñense varias obras deste importante pintor: dous trípticos con imaxes de santos, a Rosa dos Ventos, Balea, Profundidade Mariña ou as illas Sisargas desde Malpica.

Á saída da Casa do Pescador collemos de novo cara ao porto, pero desta vez pola zona sur. Ao pouco de saír atopamos a escultura dunha cola de balea, obra do artista Miguel Couto, inspirada na Balea de Lugrís. Bordeamos a dársena e regresamos ao lugar de inicio da ruta.

Page 159
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.