Esta entrada recolle a autobiografía de Xan Fernández Carrera, mestre, investigador e gran divulgador da cultura da Costa da Morte. Nas súas propias palabras, Fernández Carrera relata a súa traxectoria persoal e profesional, desde a súa infancia en Ponte do Porto ata os anos dedicados á docencia en Bergantiños, impulsando unha pedagoxía innovadora e comprometida co entorno. O seu percorrido vital e o amor por Galicia levárono a coñecer profundamente a Costa da Morte, unha terra á que dedicou numerosos proxectos e publicacións para preservar e compartir a súa esencia coas futuras xeracións.
Reseña biográfica de Xan Fernández Carrera
A casualidade de ter nacido en A Piroga (Bamiro-Vimianzo) no inverno de 1951 foi debido ao traballo itinerante dos meus pais. Pronto regresei á terra da súa orixe, á parroquia da Graña (Covelo-Pontevedra), onde pasei a infancia e aprendín as primeiras letras nunha escola rural. Volvín despois á Terra de Soneira, a Ponte do Porto (Camariñas), vila que os meus proxenitores elixiron como residencia permanente. Aquí vivín a adolescencia e boa parte da mocidade. Continuei a miña escolarización e comecei o bacharelato por libre, que logo completei na Coruña, cidade na que cursei a carreira de Maxisterio. Rematados os meus estudos, comecei a miña actividade docente nesa mesma cidade, ampliando ao mesmo tempo a miña formación en Pedagoxía. Tras un curso no Baixo Miño, en Goián (Tomiño), cheguei a Coristanco, ao CP “Alcalde Xosé Pichel”, onde desenvolvín toda a miña vida profesional, o que me levou a establecer a miña residencia en Carballo, alternando, por motivos familiares, con Muxía.
A miña maior preocupación nos primeiros anos de docencia, especialmente ao chegar a Bergantiños, era a busca dunha nova metodoloxía para ensinar, unha que rompese coa escola tradicional. O descubrimento da psicoloxía de Piaget, a pedagoxía de Freinet e Paulo Freire, e a miña integración nos grupos de traballo do Movemento Cooperativo da Escola Popular, cambiou completamente a miña visión sobre a educación e a metodoloxía de aprendizaxe, e tamén me achegou a unha nova perspectiva da realidade e do mundo.
Nesta nova escola, onde a cooperación, a creatividade e a investigación eran esenciais, fíxose imprescindible coñecer o entorno do alumnado e elaborar novos materiais didácticos para impartir as clases.