Capítulo: 3

CONTEXTO XEOGRÁFICO

Clima

As condicións climáticas da Costa da Morte seméllanse moito ás do resto da fachada atlántica galega, que participa dun clima atlántico, pero a súa situación máis occidental matiza as súas características con respecto ás zonas limítrofes do norte e do sur, máis protexidas dos ventos oceánicos e dos temporais de inverno.

Dentro da propia rexión costeira tamén se producen certas variacións entre as terras do litoral e do interior, e tamén as situadas máis ao norte ou ao sur. Todo este amplo territorio que comprende a Costa da Morte está incluído dentro dos dominios climáticos denominados oceánico húmido e oceánico hiperhúmido, que se caracterizan por temperaturas suaves, baixa oscilación térmica e abondosas precipitacións. No caso do hiperhúmido, no que se inclúen as terras situadas máis ao sur, as chuvias aínda son máis frecuentes.

As temperaturas medias mensuais durante o inverno non baixan do 6º e no verán apenas superan os 20º. Os meses máis fríos son os de xaneiro e febreiro, cunhas temperaturas medias entre os 7º e os 10º, que van descendendo á medida que nos afastamos do litoral.

Na beiramar apenas hai xeadas, pero si que se producen nas zonas onde a influencia do mar é escasa e a altitude aumenta. Nestes lugares as xeadas prolónganse de novembro a marzo ou abril, tal como sucede na meseta do Xallas e zonas máis altas de Bergantiños e Soneira.

Os veráns son agradables porque a temperatura media mantense en torno aos 20º en terras do interior e no litoral non baixa dos 18º. Agosto é o mes máis cálido. A influencia oceánica, que se introduce no territorio a través dos vales da rede hidrográfica, fai que a oscilación térmica sexa baixa e apenas supere os 10º entre a media máis baixa e a máis elevada. Esta oscilación vai aumentando desde a costa ás terras máis interiores. Tamén se percibe unha lixeira elevación térmica de norte a sur, sobre todo a partir do cabo Fisterra cara a abaixo.

As precipitacións en forma de chuvia son abondosas, non obstante, a neve moi excepcionalmente fai acto de presenza. En todos os lugares do territorio non baixan dos 1000 mm anuais. Na metade das estacións meteorolóxicas da zona superan os 1500 mm e nalgúns sitios chegan aos 2000 mm.

Estas precipitacións, polo xeral, aumentan do océano cara ao interior, dado que as frontes húmidas procedentes do mar ao bater coas primeiras elevacións do terreo descargan parte desa humidade. Así en zonas da comarca do Xallas as precipitacións superan os 1800 mm, tamén noutras do interior de Vimianzo. Non obstante, no sector norte da Costa da Morte as chuvias son menos abundantes. O período máis chuvioso vai de novembro a marzo, aínda que os meses da primavera adoitan ser tamén húmidos. Todas estas precipitacións caen de xeito moderado ou suave ao longo do ano.

O tempo máis inestable e cambiante dáse nos meses de primavera e outono, como consecuencia do desprazamento do anticiclón das Azores, cara ao norte durante a primavera e en dirección contraria, no outono. Esta retirada do anticiclón cara ao sur permite a entrada de sistemas frontais do oeste ou suroeste, o que fai que as precipitacións vaian en aumento, intensificándose máis nos últimos meses do outono e no inverno, momento no que o anticiclón se atopa na posición máis meridional.

Durante o verán o tempo máis estable dáse cando o anticiclón das Azores se sitúa na posición máis ao norte e impide a entrada de borrascas, ocasionando un tempo caloroso e seco, aínda que na Costa da Morte este tempo vén acompañado do vento fresco do nordés, que sopra entre as illas Sisargas e Fisterra, e modera a sensación de calor. Mais durante a estación estival nesta zona tamén nos podemos atopar con días anubrados e chuviosos, sobre todo cando o anticiclón se afasta cara ao oeste e permite a entrada de perturbacións do Atlántico norte, ocasionando precipitacións e baixada de temperaturas, principalmente no litoral.

Nos últimos anos estase a percibir unha modificación nas condicións meteorolóxicas desta nosa rexión costeira, que se manifestan nunha menor pluviosidade, que se concentra en menor número de días e cae de forma máis intensa, tamén nunha prolongación do tempo de verán cara aos comezos do outono e uns invernos máis curtos, máis secos e menos rigorosos, como consecuencia do cambio climático que estamos a sufrir.

19. Bosque De Ribeira No Curso Medio Do Río Do Porto
Bosque de ribeira no curso medio do río do Porto
Page 7
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.