Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Villa marinera de Corme

126. A Vila De Corme No Ano 1957 (arquivo Vidal)
A Vila de Corme no ano 1957 (Arquivo Vidal)

A orixe de Corme débese á actividade pesqueira que se foi desenvolvendo entorno á pequena enseada que se formou na parte norte da ría. O núcleo urbano configurouse a partir da unión dos barrios que se agruparon entorno á praia que facía de embarcadoiro. A principios do século XX, aínda non aparecía como un núcleo consolidado.

O ilustrado José Cornide, a finais do século XVIII, xa destaca as boas condicións que presentaba este porto para a arribada de embarcacións, tamén fai referencia á presenza dos cataláns na localidade, dedicados á industria de salgadura da sardiña. Lucas Labrada, a comezos do século XIX, resalta a pesca da sardiña e do congro no porto cormelán, como as dúas especies máis capturadas.

A actividade pesqueira e comercial fixo que este núcleo se ampliase e aumentase en poboación, converténdose no máis grande da parroquia, pero a igrexa parroquial estaba situada en Corme Aldea, lugar onde nacera a primitiva freguesía cormelá, ata que máis tarde as autoridades eclesiásticas decidiron transformar a capela da Virxe dos Remedios en parroquial, dando lugar á nova freguesía de Corme Porto.

A comezos do século XX Corme era un importante embarcadoiro comercial. Contaba con máis de corenta barcos dedicados ao transporte de cabotaxe, que percorrían os portos peninsulares. A través del exportábase gran cantidade de madeira procedente dos piñeirais bergantiñáns. Había seis factorías de salgadura de sardiña e tres secadoiros de congro, ademais das pequenas embarcacións dedicadas á pesca. Este Corme activo, mariñeiro e industrial, tiña un casarío uniforme, de fachadas brancas con balcón ou galería. Esta vila que nos describe Carré Aldao a finais dos anos vinte seméllase pouco ao Corme de hoxe en día, no que as edificacións modernas impuxéronse ás tradicionais e a actividade portuaria diminuíu moito. Actualmente esta localidade vive fundamentalmente da pesca, do percebe e do turismo. O encanto do seu abrigado porto, as súas excelentes praias e a fermosura da súa costa son incentivos suficientes para atraer aos visitantes. Paseando polas estreitas rúas da vila, aínda nos atopamos con algunha casa mariñeira tradicional, que nos lembra aquel Corme histórico.

127. Corme Actual Desde A Praia Da Ermida
Corme actual desde a praia da Ermida

Natural desta vila foi o insigne mariño Francico Mourelle de la Rúa (1750-1820), que participou nas exploracións e conquistas que España levou a cabo na costa pacífica de América do Norte a partir da base mexicana de San Brais. Realizou varias expedicións polo océano Pacífico e descubriu a illa Vavau, pertencente ao arquipélago polinésico de Tonga. Deixounos un detallado diario da súa primeira expedición pola costa americana.

128. Francisco Mourelle De La Rúa, Navegante Cormelán
Francisco Mourelle de la Rúa, navegante cormelán

En Corme aínda se conserva a que fora casa familiar deste importante navegante, co seu escudo, pero nun estado de abandono e practicamente arruinada. Tanto a veciñanza de Corme como as diferentes administracións deberían preocuparse pola rehabilitación deste edificio e convertelo nun museo no que se exaltase a figura e a obra deste ilustre mariño.

Desde Corme trasladámonos á punta do Roncudo, seguindo a estrada que desde o porto vai bordeando a costa. Durante o traxecto gozamos de extraordinarias vistas sobre a ría e a vila de Laxe, e, máis ao lonxe, enxergamos a costa de Camelle e Arou.

A estrada remata nunha zona acheirada a carón do faro. Á dereita atopámonos cos escarpados cantís que forman a cara norte desta península. Nesta batida costa é onde medran os coñecidos e gorentosos percebes do Roncudo, que xa hai tempo que acadaron recoñecida sona. Carré Aldao xa recolle na súa obra que nesta punta críanse excelentes e grandes percebes, dos máis saborosos de todo o litoral galego. Antigamente este marisco cotizábase pouco, considerábase comida de pobres. Comer percebes con cachelos non entraba dentro das exquisiteces da burguesía daquel momento, sen embargo, na actualidade é un dos pratos máis valorados polos visitantes. O seu elevado prezo está xustificado polo esforzo e risco que supoñe apañalos das rochas do mar. Cada percebeiro ten que enfrontarse a un perigoso mar en continuo movemento, que nalgúns dos casos acaba gañándolle a batalla e pagando coa súa vida este desafío. As cruces que vemos na contorna do faro lémbrannos as vidas deixadas como tributo a este mar bravío.

129. Punta E Faro Do Roncudo
Punta e faro do Roncudo

Na primeira quincena do mes de xullo celébrase desde o ano 1992 a Festa do Percebe en Corme, á que acode multitude de xente coa intención de desgustar este prezado marisco. Repártense entre os asistentes racións de percebes con cachelos a un prezo axustado, un evento que ten como obxectivo a exaltación deste produto.

Page 154
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.