Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 4, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 4, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Vila de Carballo

 Historia

A vila carballesa é relativamente nova, se a comparamos con outros núcleos da comarca. A súa orixe está no redescubrimento das augas termais no ano 1716, que xa foran aproveitadas anteriormente, como se deduce dos restos de construcións aparecidas nas escavacións realizadas polo arquitecto Miguel Ferro Caaveiro en 1777 e nas que se descubriron vestixios dun antigo balneario que podería ter unha orixe romana.

Anterior á vila de Carballo é a parroquia de San Xoán de Carballo, que se creou na Idade Media na banda esquerda do Anllóns, no lugar de Cernide, onde se situaba a antiga parroquial. As primeiras noticias das que dispoñemos datan da metade do século XV, cando dependía do mosteiro de San Pedro de Soandres (A Laracha).

Unha vez descubertas de novo as augas medicinais na banda dereita do río, preto da aldea da Lagoa, comezaron a construírse as primeiras casas na que máis tarde sería a vila carballesa, coa intención de acoller aos primeiros bañistas que se achegaban a aproveitar as boas propiedades das augas termais.

A mediados do século XIX cando se reconstruíu o balneario, Carballo xa era un núcleo con dous pequenos barrios, un formado arredor dos baños, constituído sobre todo por hospederías para albergar aos bañistas e outro situado algo máis ao sur, no cruce de camiños que atravesaban a localidade, onde se celebraba o mercado e a feira, habitado sobre todo por comerciantes e funcionarios do novo partido xudicial de Carballo.

Polos anos vinte do pasado século Carballo presumía de ser unha vila moderna, cun urbanismo ben trazado e unha animada vida comercial, social e cultural. O seu núcleo estendíase ao longo das estradas que o cruzaban, de norte a sur, en dirección á Coruña e Fisterra, e de leste ao oeste, cara a Santiago e Malpica. Nesta década realizarase o proxecto da Praza do Mercado, no entorno da nova Casa Consistorial e construirase o grupo escolar de Desiderio Varela e os pavillóns para a celebración do mercado e a feira, que se trasladarán a este novo espazo urbano.

Durante a II República intensificarase a vida política e sindical, que se vería truncada tralo o golpe militar franquista de 1936, momento en que tanto os líderes políticos como sindicais foron perseguidos, algúns asasinados e outros encarcerados.

A finais dos anos trinta e na década seguinte, Carballo vivirá a febre do volframio, pola proximidade da explotación de monte Neme e o alto valor que acadou este mineral durante a II Guerra Mundial. Ademais dos traballadores contratados pola empresa concesionaria da explotación, houbo moitas outras persoas que acudían ao monte de xeito ilegal coa intención de atopar algúns restos deste cobizado produto e vendelo no mercado negro para facer uns cartos en tempos de miseria.

142. Antigo Concello De Carballo (arquivo Vidal)
Antigo Concello de Carballo (Arquivo Vidal)

Nestes anos corenta comezou a súa actividade a industria Conservas Calvo, que daría emprego a moitas xeracións de carballeses e bergantiñáns, primeiro instalada no núcleo urbano carballés e máis tarde no lugar da Revolta.

Un feito destacable na historia de Carballo foi tamén a posta en funcionamento no ano 1950 da liña de trolebuses Carballo-A Coruña, que facilitou a comunicación entre a capital bergantiñá e a cidade herculina.

A especulación urbanística que se practicou na década dos anos sesenta e setenta fixo estragos no centro histórico carballés, provocando a desaparición dos edificios de maior valor patrimonial como foron a igrexa parroquial, a Casa do Concello e o balneario dos Baños Vellos.

A finais do século XX e nas primeiras décadas do presente, foi cando se realizou o deseño do Carballo actual, coa apertura de novas rúas, a peonalización das vías do centro da vila, a recuperación das marxes do río Anllóns e a construción de novos edificios públicos, como o Pazo da Cultura, o Forum ou a nova biblioteca. Esa transformación dos últimos anos deu lugar a un novo Carballo, unha vila activa na economía, na cultura ou no deporte, que afronta con optimismo o seu futuro.

Ruta a pie por la villa

Coa intención de coñecer aqueles lugares de maior interese da vila carballesa propoñemos esta ruta a pé que comeza no museo de Bergantiños, situado no edificio do antigo cárcere que data do ano 1855, rehabilitado seguindo os planos do arquitecto Manuel Gallego Jorreto. No seu interior, ademais do citado museo, alberga a oficina de información turística.

143. Parque Do Anllóns
Parque do Anllóns

O museo inaugurouse no ano 2002 con varias salas dedicadas á historia e cultura da comarca de Bergantiños e da vila carballesa. En 2007 incorporóuselle outra relativa á Costa da Morte. Despois de vinte anos da súa entrada en funcionamento, en decembro de 2022, tras unhas obras de remodelación de todo o espazo museístico, inaugurouse unha nova exposición, composta por unha colección de compoñentes de arqueoloxía de máquinas de oficina (máquinas de escribir, de cálculo, de impresión, copiadoras, telefonía, computadoras, etc.). Arrimada ao edificio do museo, sitúase a biblioteca municipal.

Ao saír do museo, collemos á esquerda e pasamos por diante da igrexa parroquial de San Xoán Bautista. O templo actual é o terceiro que se constrúe neste mesmo soar. O primeiro databa do ano 1864, un proxecto do arquitecto Faustino Domínguez, de estilo clasicista tardío. Ao pouco de ser inaugurado xa presentaba problemas debido a mala execución do proxecto e a baixa calidade dos materiais empregados e en 1890 decidiuse pechalo ao culto. Tívose que habilitar un templo provisional na rúa San Xosé que se mantivo ata o ano 1924, momento no que se inaugurou o novo templo, este de estilo neomedieval, obra do arquitecto Manuel Hernández y Álvarez Reyero, unha obra que tampouco se coidou a súa execución, pois estivo sen tellado durante moitos anos, o que contribuíu ao seu deterioro.

145. Praza De Galicia
Praza de Galicia

En 1974 decidiuse construír unha nova igrexa e derrubar a anterior, a pesar de que esta se podía restaurar, xa que a cantería utilizada para a súa construción era de boa calidade. Elaborou os planos para este terceiro templo o arquitecto carballés José Manuel Rey Pichel. Máis que unha igrexa construíuse un complexo parroquial con varias dependencias, todo el en formigón. Da anterior aproveitáronse as campás, varias imaxes e obxectos litúrxicos. Dentro do adro tamén podemos contemplar un cruceiro do ano 1811, trasladado de Cernide, lugar onde se atopaba a antiga parroquial.

Desde a igrexa parroquial trasladámonos á praza de Galicia, en tempos atrás, praza da Liberdade, encrucillada de camiños e centro urbano do Carballo antigo. Aquí celebrábase a feira e o mercado. Polos anos vinte do pasado século, expropiáronse tres vivendas que había na parte central, e no seu lugar fíxose un xardín. No lateral oriental construíuse a fonte de catro canos, que aínda se conserva, cando en 1899 se dotou á vila do primeiro abastecemento de auga. O cruceiro que vemos na zona verde colocouse en 1982, en homenaxe a Alfredo Brañas, unha obra de Manuel García Vázquez, “Buciños”. Arredor da praza aínda se conserva algunha casa de cantería, de finais do século XIX ou comezos do XX, con balcón ou galería, propia das vilas.

146. Estatua De Alfredo Brañas, En Carballo
Estatua de Alfredo Brañas, en Carballo

Desde a praza de Galicia retrocedemos á rúa Coruña, vía que se abriu no ano 1954, para comunicar a rúa Martín Herrera coa praza do Mercado. Segundo entramos, na esquina da dereita, atópase a casa na que naceu Alfredo Brañas Menéndez, o 11 de xaneiro de 1859, ilustre xurista e político rexionalista. Na súa vila natal tributáronselle varias homenaxes e no ano 2005 situouse unha estatua súa, que vemos a carón da casa onde naceu, obra do escultor César Lombera.

Atravesamos a rúa Coruña, comercial e con locais de hostalería, e chegamos á praza do Mercado, o espazo público máis amplo e céntrico da vila carballesa, froito da reforma urbanística que se realizou nos anos vinte do pasado século, a onde se trasladaría a celebración do mercado e da feira.

O único edificio situado nesta praza era a antiga Casa Consistorial, obra do arquitecto Julio Galán, inaugurada en 1913. A torre co reloxo incorporóuselle en 1943. Un edificio de estilo modernista propio do momento. Sería derrubado ao construír a casa do novo concello na esquina oposta á anterior, obra do arquitecto carballés José Manuel Rey Pichel e inaugurada en febreiro de 1974. Nesta nova edificación, formada por unha serie de volumes rectangulares que van diminuíndo en superficie de abaixo arriba, impera a horizontalidade.

Ao leste do concello sitúase o mercado municipal, que substituíu aos antigos pavillóns levantados no ano 1929. O proxecto foi elaborado polo arquitecto Ramón Tenreiro Brochón e abriu ao público en 1969. Debido ás deficiencias e limitacións, o goberno municipal decidiu levar adiante unha reforma integral de toda a construción coa intención de adaptala aos tempos actuais. Logo de realizada a obra, as novas instalacións abríronse no ano 2010.

Nesta mesma praza destaca tamén o edificio das Escolas do Xardín, construído en 1929 coa achega económica do médico Desiderio Varela Puga, coa condición de que na fachada levase unha placa en memoria da súa dona Amalia Gómez Rodríguez. Consta de dous corpos laterais cunha escaleira de acceso a cada lado e un corpo central máis cara a dentro. Cada escaleira daba acceso a unha sección escolar: nenos e nenas. Moitas xeracións de carballeses e carballesas escolarizáronse nestas aulas.

147. Mercado Municipal De Carballo
Mercado municipal de Carballo

Deixamos a praza e continuamos en dirección oeste pola rúa Desiderio Varela. Ao atravesar a rúa Vázquez de Parga, en fronte atopámonos co Casino. Unha sociedade recreativa creada en 1889, que nos anos vinte do pasado século, se trasladou ao edificio que ocupa actualmente na rúa Lugo. A asociación pasou a denominarse Sociedad Cultural y Recreativa Bergantiños. Durante moitos anos foi o principal centro cultural e social da vila carballesa, sobre todo en certas épocas do ano, como o Nadal, o Entroido ou polo San Xoán. Ao longo do tempo as súas instalacións foron reformadas en varias ocasións, quizais a de máis calado fose a dos anos cincuenta con Julio Sánchez como presidente, na que a estancia máis ampla se converteu no salón de rica decoración que aínda se conserva. Na actualidade cunha directiva de xente moza, mantén unha intensa actividade social e cultural.

Desde o Casino dirixímonos cara a rúa da Estrela, así denominada pola capela que había a carón do balneario en advocación a esta Virxe. Achegámonos ao balneario Baños Vellos. O seu nome está en contraste cos Baños Novos, descubertos máis tarde.

As orixes do balneario de Carballo poderíanse remontar á época romana, tal como se recolle no informe do arquitecto Miguel Ferro Caaveiro, despois das escavacións realizadas en 1777, con motivo dun preito sobre a propiedade dos baños.

Estas augas termais foron redescubertas en 1716, pasando despois a ser propiedade municipal. En 1851 adquiriunas Pedro Sanjurjo, fillo do que fora o primeiro médico director dos baños. O novo propietario reforma todo o edificio. Arrimado a el pola parte sur, situábase a capela da Virxe da Estrela e pola parte norte, unha casa de hospedaxe e unha fonte. Diante de todas estas construcións había un espazo verde con árbores, que chegaba ata a rúa da Braña (actual Vázquez de Parga).

148. Hotel Balneario De Carballo
Hotel balneario de Carballo

Durante a segunda metade do século XIX e nas primeiras décadas do seguinte, o balneario carballés estaba considerado como un dos máis concorridos de Galicia.

Despois dunha época de decadencia, polos anos setenta dos pasado século, as súas instalacións e terreos de arredor foron vendidos como soares, ata que no ano1985 se constrúe o novo balneario. O hotel inaugurarase en 1994.

As súas augas de tipo sulfurado sódicas bicarbonatadas flúen actualmente a unha temperatura de 42 ºC, e están recomendadas para afeccións do aparello locomotor, vías respiratorias, pel, aparello dixestivo, sistema nervioso e circulatorio.

Page 132
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.