Capítulo:

RUTAS A PÉ, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS A PÉ, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Camiño xacobeo de Santiago a Fisterra e Muxía

A orixe do camiño xacobeo de Santiago a Fisterra e Muxía está moi vencellada ás lendas creadas polo cristianismo para evanxelizar estas terras máis occidentais de Galicia nas que ancestrais cultos a elementos da natureza ou ligados á fecundidade estaban moi arraigados.

A relación de Fisterra co culto xacobeo está vinculada coa lenda da Translatio, é dicir, coa translación dos restos do Apóstolo Santiago a Galicia, creada no medievo e recollida no Códice Calixtino. Para que o corpo do Apóstolo fose soterrado en terras compostelás, tal como relata a lenda, era preciso solicitar autorización ao gobernador romano da cidade de Dugium, situada no val de Duio (Fisterra) a onde acoden os seus discípulos a solicitar ese permiso.

199 Romeiro Pasando Por Debaixo Da Pedra De Abalar
Romeiro pasando por debaixo da Pedra de Abalar

No caso de Muxía a tradición xacobea relaciónase coas pedras do lugar das Cruces ou punta da Xaviña e coa Virxe da Barca, que lle apareceu ao Apóstolo Santiago neste lugar da beiramar. A Virxe chegou nunha embarcación de pedra conducida por anxos. Esta lenda foi creada seguramente polos monxes do mosteiro de Moraime, o maior foco evanxelizador deste territorio. Foron estes relixiosos os “inventores” da tradición xacobea de Fisterra e Muxía?

O feito de que a igrexa católica a través destas lendas situase nesta Fisterra atlántica divindades de tan alto rango, como Cristo, a Virxe ou o Apóstolo Santiago é sinal das dificultades que tería para converter ao cristianismo a poboación que habitaba nesta rexión costeira. Ás dúas primeiras figuras dedicaránselle os dous grandes santuarios que se fundarían neste territorio: o do Cristo de Fisterra e o da Virxe da Barca. Ambas imaxes, segundo a tradición, chegarían a través do mar, algo que parece a vía natural nun espazo xeográfico mal comunicado por vías terrestres co resto do continente.

Trala aparición destes relatos lendarios e a fundación destes dous importantes focos relixiosos, comeza a chegada de peregrinos a estas terras máis occidentais a principios do século XII, tal como consta na documentación do mosteiro moraimés.

A partir do século XV, cando xa estes dous santuarios cristiáns acadaron relevancia como lugares de peregrinación, comezamos a dispoñer de testemuños de peregrinos ou viaxeiros. Un dos primeiros foi o francés Nompar II, señor de Caumont (1417), que chega a Fisterra e cita a ermida de San Guillerme. Uns anos despois o alemán Sebastián Ilsung (1446) chega a Muxía, onde aparece nunha imaxe orando diante da primitiva capela da Barca. Logo trasládase a Fisterra. Tamén nos deixaron noticias destas terras o nobre bohemio Leo de Rosmithal (1466), o cabaleiro de orixe polaca Nicolás de Popielovo (1484), o polaco Erich Lassota (1580), que cita os lugares polos que pasa cando fai a ruta de Muxía a Fisterra, e moitos outros.

Erich Lassota de Steblovo, mercenario dos exércitos de Felipe II, desembarca en Muxía e fala da existencia dunha gran capela na que se venera con gran devoción a Virxe da Barca, despois trasládase a pé ata Fisterra e describe con detalle o camiño entre estas dúas vilas. De Fisterra destaca sobre todo as imaxes da Virxe e do Santo Cristo.

No ano 1673 o clérigo boloñés Domenico Laffi, que peregrinou catro veces a Santiago de Compostela, na segunda viaxe, achégase a Fisterra. O contacto con estas terras máis occidentais debeulle de impactar moito, das que deixa constancia no seu libro Viaggio in Ponente a San Giacomo di Galitia, e Finis Terrae per Francia, e Spagna. A comezos do século XVIII, os frades italianos Giavan Lorenzo Bonafede e Giacomo Antonio Naia déixannos constancia do seu paso por Fisterra e Muxía. Cando estes peregrinos visitan o santuario da Barca estábase a construír a nova capela, grazas á aportación económica dos Condes de Maceda. Por estes anos a afluencia de romeiros que acudían aos santuarios do Cristo e da Virxe da Barca era numerosa, non obstante, o número de peregrinos que facían o camiño, era insignificante, ata chegar nos séculos seguintes á súa desaparición.

200. Portada Do Libro De Domenico Laffi
Portada do libro de Domenico Laffi

Ata os anos oitenta do pasado século non comezarían a chegar os primeiros peregrinos a estas terras occidentais, eran sobre todo estranxeiros, atraídos pola emoción de atoparse con este finis terrae atlántico, extremo do vello continente europeo, e contemplar o inmenso océano. Algúns deles tamén atraídos por un sentimento relixioso cara ao Santo Cristo de Fisterra ou a Virxe da Barca.

Na recuperación desta ruta tiveron moito que ver as Asociacións de Amigos do Camiño, principalmente a galega, e, en concreto, o que fora o seu presidente, o historiador corcubionés Antón Pombo, que se implicou de cheo no proxecto de recuperación desta prolongación do camiño xacobeo.

A partir do ano santo de 1993, esta ruta comeza a incluírse nas publicacións de promoción do Camiño de Santiago, e saen á luz os primeiros libros e folletos específicos sobre este camiño, nos que se describen as etapas que o compoñen, os lugares polos que pasa e os valores máis salientables do patrimonio cultural e arquitectónico que hai ao longo do traxecto.

A organización de peregrinacións impulsadas pola Asociación Neria nos anos 1997, 1998 e 1999 para percorrer esta ruta, acadaron unha numerosa participación de camiñantes chegados de diferentes partes do Estado e contribuíron a promocionar este camiño xacobeo.

Unha vez que se sinalou a ruta e obtivo o recoñecemento da administración pública, comezaron a construírse os primeiros albergues de peregrinos, infraestruturas fundamentais para consolidar o camiño e a afluencia de camiñantes. O primeiro en construírse foi o de Fisterra inaugurado no ano 2001, a continuación faranse os de Negreira, Olveiroa, Corcubión, Muxía e Dumbría e logo moitos outros privados.

Desde aqueles primeiros anos o número de camiñantes foi medrando co paso do tempo, a pesar das trabas que puxeron as autoridades relixiosas compostelás, que se negaban a recoñecer esta ruta xacobea, alegando como motivo que non era un camiño relixioso, cando tanto Fisterra como Muxía, tal como comprobamos anteriormente, xa estaban incluídos na lenda da chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Galicia, fundamento da peregrinación a Compostela e da importancia que para a igrexa teñen os santuarios do Cristo de Fisterra e da Virxe da Barca.

Esta ruta está a ser unha das de maior afluencia de peregrinos despois do Camiño Francés que chega a Compostela. Arredor dun 30 % dos peregrinos que entran en Santiago manifestan a súa intención de continuar cara a Fisterra e Muxía

201. Albergue Público De Peregrinos De Fisterra
Albergue público de peregrinos de Fisterra

> Etapas do camiño xacobeo de Santiago a Fisterra e Muxía

Este camiño xacobeo de Santiago a Fisterra e Muxía, que conduce aos peregrinos ás terras máis occidentais do continente europeo, a beira do océano Atlántico, ten dous puntos de chegada: Fisterra e Muxía.

A ruta divídese en tres etapas, ás que se lle engade unha máis que une ambas vilas.

Os dous primeiros tramos: Santiago-Negreira e Negreira-Olveiroa son comúns para chegar a calquera dos dous destinos. O terceiro tramo bifúrcase no alto do Hospital de Logoso. O camiño da dereita, despois de pasar por Dumbría, lévanos a Muxía, e o da esquerda, logo de cruzar por Cee e Corcubión, condúcenos a Fisterra.

Temos unha cuarta etapa que une os dous puntos de chegada: Fisterra e Muxia, un camiño que discorre pola costa entre ambas localidades.

Primeira etapa: Santiago-Negreira (21 km).

Comeza esta primeira etapa na praza compostelá do Obradoiro. Saímos da cidade compostelá en dirección oeste polas rúas das Hortas e Poza de Bar. Pasada a carballeira de San Lourenzo (antigo mosteiro), cruzamos a ponte Sarela. Atravesamos varios pequenos núcleos da comarca da Maía ata o Alto do Vento, e logo descendemos por Ventosa e Lombao ata Augapesada, onde se conserva unha pequena ponte medieval. Agora o camiño ascende a través da costa do Mar de Ovellas, que nos permite contemplar fermosas panorámicas sobre A Maía. Deixamos esta comarca e entramos na da Barcala, pasamos por Santa María de Trasmonte, na que destaca a torre barroca da súa parroquial. Logo de descender por Reino e Burgueiros chegamos á Ponte Maceira, onde cruzamos o río Tambre pola ponte medieval. A ponte, xunto co núcleo ben conservado, forma un fermoso conxunto arquitectónico. Continuamos pola banda dereita do río ata pasar por debaixo dun arco da denominada Ponte Nova (s. XIX), atravesamos as aldeas de Barca e Chancela, e, despois de pasar por diante do pazo de Chancela, chegamos á vila de Negreira, capital de A Barcala.

202. Ponte Maceira
Ponte Maceira

Segunda etapa: Negreira-Olveiroa (33 km).

Esta é unha das etapas máis longas deste camiño. Saímos de Negreira e, despois de atravesar o río Barcala, ascendemos cara a Zas, para logo tomar o antigo camiño real que sobe pola ladeira do val. A ruta pasa polas aldeas de Camiño Real, Rapote, Piaxe, onde se sitúa a igrexa barroca de San Mamede da Pena, e Portocamiño, para logo baixar cara a Vilaserío. Neste lugar hai un pequeno albergue municipal. Seguimos cara a Cornado, e, unha vez pasada esta aldea, entramos nas terras chairas da comarca do Xallas. Máis adiante agárdannos as aldeas de Maroñas e Santa Mariña, esta última conserva a súa igrexa románica.

Despois de cruzar a estrada de Santa Comba a Muros, o camiño segue dirección oeste atravesando as pequenas aldeas de Bon Xesús, Gueima e Vilar de Castro. Pasada esta última, comezamos o ascenso ao monte Aro (556 m), desde o que se domina toda esta meseta e nos permite gozar dunha magnífica panorámica sobre o encoro da Fervenza. Logo descendemos cara ao río Xallas, despois de pasar por Abelairoas e San Cristovo de Corzón. Atravesamos o río pola Ponte Olveira, que conserva restos do século XVI, e entramos no concello de Dumbría, para logo chegar a Olveiroa, final desta segunda etapa.

203.peregrinos Ao Seu Paso Por Olveiroa
Peregrinos ao seu paso por Olveiroa

Terceira etapa: Olveiroa-Fisterra (34 km) ou Olveiroa-Muxía (32).

Ao pouco de saírmos de Olveiroa, o camiño ascende a través dunha pista pola ladeira do monte Sino, seguindo o curso dun regato. Logo pasa pola aldea de Logoso, antes de chegar a Hospital, topónimo que alude a un antigo hospital de peregrinos. Despois deste lugar, chegamos a unha rotonda da estrada, onde o camiño se bifurca. Se tomamos a ruta da esquerda lévanos a Fisterra, e se continuamos de fronte, dirixímonos a Muxía.

204. Cruceiro A Cruz De Baixar E Praia Da Langosteira
Cruceiro A Cruz de Baixar e praia da Langosteira

O camiño que conduce a Fisterra pasa polo cruceiro do Couto, capela de Nosa Señora das Neves e San Pedro Mártir, e logo descende polo monte da Armada cara á ría de Corcubión. Cruza primeiro a vila de Cee e logo a histórica de Corcubión. Desde aquí sobe ao alto de San Roque, onde dispoñemos dun albergue. Baixamos pola Amarela ata a praia de Estorde, e logo continuamos por Sardiñeiro e a pequena cala de Talón, para entrar na extensa praia da Langosteira, que nos conduce ao cruceiro da Cruz de Baixar, porta de entrada da vila de Fisterra, final desta parte da ruta. Nesta vila son visita obrigada o cabo Fisterra e a igrexa parroquial de Santa María das Areas, que acolle a capela do Santo Cristo.

O camiño que leva a Muxía continúa por un tramo de monte e descende cara á aldea das Carizas. Pasa pola zona deportiva e recreativa do Conco, na que hai un albergue de peregrinos. Logo diríxese a Santa Eulalia de Dumbría, onde se atopa a capital do concello e a igrexa parroquial do século XVII. Segue cara á ponte de Val de Liñares, e, despois de cruzar a estrada comarcal 552, leva a Trasufre, lugar coñecido polo santuario da Virxe do Espiño. Atravesa o río Castro, e a través dunhas pistas da parcelaria chega a Senande. Pasa pola Grixa, onde se sitúa a igrexa de San Cibrán de Vilastose. Unha pista que atravesa por un monte forestal lévanos ata Quintáns, e desde aquí collemos polo antigo camiño, convertido en pista, a San Martiño de Ozón, onde houbo un antigo mosteiro, e agora temos un interesante conxunto arquitectónico formado pola igrexa, a casa reitoral e o grandioso hórreo. O camiño continúa polo núcleo de Vilar de Sobremonte e diríxese cara aos Muíños, pasando antes por Merexo. A continuación ascende cara a Moraime, importante centro histórico. Conserva restos romanos, visigóticos e unha fermosa igrexa románica e casa reitoral barroca. Desde aquí sobe ao alto de Chorente, onde se sitúa a capela de San Roque. Despois de cruzar a aldea de Chorente, descende cara ás praias do Espiñeirido e da Cruz e entra na vila de Muxía, que atravesamos para dirixirnos ao santuario da Virxe da Barca e ás famosas pedras de Abalar e dos Cadrís, onde finaliza esta etapa.

Cuarta etapa: Fisterra- Muxía (29 km).

Esta cuarta etapa, de dobre sentido, podemos iniciala tanto en Fisterra como en Muxía.

Se comezamos en Fisterra, ao saír desta vila, collemos o camiño que conduce á parroquial de San Martiño de Duio, desde onde divisamos o val, no que se situaría a lendaria cidade de Dugium, citada no Códice Calixtino.

Desde aquí por Hermedesuxo de Abaixo, San Salvador, Rial e Castrexe, conduce a Padrís, deixando á esquerda a extensa praia do Rostro.

Logo continúa por Canosa ata Lires, núcleo turístico situado no medio desta etapa. Desde aquí baixa ao río Castro, que cruzamos por unha ponte peonil de pedra, construída hai poucos anos. Entra no concello de Muxía por Vaosilveiro e segue por Frixe, que conserva a súa igrexa románica. Despois cruza por Guisamonde e Morquintián, e, a partir de aquí, ascende cara a Vilela e o alto das Aferroas, para despois baixar cara a Xurarantes e a praia de Lourido

206. Peregrinos Na Punta Da Barca
Peregrinos na punta da Barca

Desde este areal segue pola beira da estrada ata Muxía. Á entrada da vila, na praza do Coído tomamos o camiño que se dirixe á zona da Pel e que nos leva ao santuario da Virxe da Barca e ás coñecidas pedras de Abalar e dos Cadrís, final desta etapa costeira.

Page 110
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.