
Esta fortaleza foi cabeza reitora da extensa xurisdición de Vimianzo, formada por 36 parroquias e tres vilas: Vimianzo, Camariñas e Laxe. Ao redor dela foise configurando o que hoxe constitúe a vila de Vimianzo, cuxo núcleo se orixinou nunha encrucillada de camiños, convertidos máis tarde nas estradas AC-552, en dirección a Fisterra e na AC-432, que conduce a Camariñas, que se prolonga en dirección contraria cara a Serramo.
Os primeiros donos desta fortaleza foron os Mariño de Lobeira, que tras problemas de débedas coa coroa caerán en desgraza, e a comezos do século XV o castelo pasará a poder da familia dos Moscoso, que substituirán á anterior no dominio destas terras máis occidentais.
A primitiva fortaleza será derrubada polos irmandiños cara a 1467 e pouco despois reconstruída por mandato do arcebispo compostelán Alonso II de Fonseca, enfrontado cos Moscoso polo dominio económico das terras compostelás e da Costa da Morte. Este enfrontamento chegou ata o punto de que o prelado foi secuestrado por Bernal Eáns de Moscoso, que o mantivo preso nesta fortaleza e noutras máis da zona.
Ao pouco de ser reconstruída sería tomada por asalto por Lopo Sánchez de Moscoso, I conde de Altamira, e a partir de aquí permanecerá en poder desta familia ata o ano 1872, data na que será mercada por Ramón Martelo Núñez, un fidalgo da casa do Pombal, en Boaño (Traba de Laxe), que mantiña certos lazos de parentesco cos Moscoso. Logo pasará ao seu fillo Evaristo Martelo Paumán del Nero, poeta, que a adaptará como vivenda para pasar tempadas alí. A partir de entón este castelo tamén será coñecido como as Torres de Martelo.

Meses antes da Guerra Civil, a corporación municipal de Vimianzo intentou expropiar estas torres para trasladar alí a casa consistorial e outros servizos municipais, feito que traerá graves consecuencias para os seus impulsores tralo golpe militar de 1936. No ano 1973, faise coa propiedade do castelo a Deputación Provincial da Coruña, que se encargará da súa restauración e despois cederalle o seu uso ao concello de Vimianzo. No seu interior hai salas musealizadas con paneis explicativos da historia desta fortaleza e sobre a Costa da Morte e pódese contemplar unha mostra de artesanía en vivo da zona: encaixe de Camariñas, olería de Buño, cestería, sombreiros de palla, vidro, liño etc. A primeira fin de semana do mes de xullo celébrase a Festa do Asalto ao Castelo, unha recreación histórica da revolta irmandiña, que congrega a milleiros de persoas na vila vimiancesa.

Este castelo érguese sobre un outeiro que domina a parte central do val de Vimianzo, rodeado por un foxo. Presenta unha planta poligonal con catro torreóns, un en cada esquina, coincidindo cos puntos cardinais. A porta de entrada ao patio de armas sitúase na parte sur e sobre ela vemos os dous escudos orixinais que mostran a cabeza de lobo dos Moscoso e as rodelas dos Castro, os demais son posteriores. A torre da homenaxe é a única rematada en ameas e merlóns, as outras tres están cubertas con tellado a catro augas, aínda que no pasado mostrarían tamén un aspecto defensivo.
Desde o patio interior, a través dunhas escaleiras arrimadas ao muro leste, temos a posibilidade de acceder ao camiño de ronda ou adarve, desde onde contemplamos unha espléndida panorámica do val e da propia vila.
Por diversos elementos que observamos na arquitectura desta fortaleza, como o arco apuntado da porta de entrada, as fiestras da torre da homenaxe ou unha fiestra seteira rematada en arco conopial da torre norte, deducimos o estilo gótico tardío desta construción militar.
Vimianzo é o concello de Galicia que dispón do maior número de antas ou dolmens no seu territorio, algúns con notables alteracións, pero outros perfectamente conservados. A capital deste municipio sería o lugar idóneo para o inicio dunha ruta que nos leve a coñecer estes monumentos. Na páxina web do concello (vimianzo.gal/turismo) dispoñemos de suficiente información para documentarnos.
Desde Vimianzo continuamos pola estrada AC-552 ata Berdoias e alí collemos dirección cara a Muxía, no camiño temos a oportunidade de facer unha parada en San Martiño de Ozón para ver o interesante conxunto arquitectónico que hai nesta parroquia, formado pola súa igrexa que conserva dúas ábsidas románicas con interesantes figuras nos seus canzorros; a casa reitoral, situada ao sur da igrexa, na que se conservan algúns restos do antigo mosteiro e o seu inmenso hórreo de 22 pares de pés, un dos máis longos de Galicia.
Desde aquí regresamos a Muxía, a vila mariñeira na que comezamos esta segunda ruta pola Costa da Morte.