Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 5, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 5, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

De Cee ao Pindo

Desde Cee iniciamos a ruta costeira que nos leva ata Muros, unha estrada que nos permite gozar da extraordinaria paisaxe que nos acompaña durante o percorrido.

A primeira parada que realizaremos será na pequena vila do Ézaro para ver a fervenza que o río Xallas forma na súa desembocadura. Para chegar ata ela, tomaremos unha estrada á esquerda, antes de cruzar a ponte.

161. Fervenza Do Ézaro
Fervenza do Ézaro

Fervenza do Ézaro

O río Xallas, despois de atravesar a meseta do mesmo nome, seguindo unha dirección noroeste-suroeste, desemboca na enseada do Ézaro, formando unha espectacular fervenza. Non sempre podemos gozar da plenitude deste impresionante espectáculo natural porque a maior parte da auga baixa entubada para a produción de enerxía eléctrica. Nalgúns días de inverno, cando abren as comportas para evacuar o exceso de auga dos encoros, o espectáculo é sublime. Este é o único río de Europa que desemboca nunha fervenza tan extraordinaria.

162. Vila Do Pindo E Ao Fondo O Alto Da Moa
Vila do Pindo e ao fondo o Alto da Moa

O potencial erosivo do río era tan potente, cando todo o seu caudal se despenaba a tanta altura, que chegou a socavar un profundo pozo na propia rocha, de máis de 16 metros de profundidade. A esta fervenza e ao pozo, denominado Coadoiro, fai alusión o padre Sarmiento, cando en 1745 atravesou o río pola barca dos Cregos, que unía Santa Uxía con Santiago de Arcos. No lugar onde hoxe vemos a ponte do Ézaro, había a Barca de Abaixo, para cruzar o río, pois a ponte non se construíu ata o ano 1951. Neste paso no ano 1902 produciuse un grave accidente ao envorcar a barca que cruzaba a xente dunha banda a outra, no que faleceron 23 persoas.

Desde o aparcadoiro da fervenza do Ézaro paga a pena subir ao miradoiro do depósito de auga, desde onde contemplaremos unha inmellorable panorámica sobre toda a desembocadura do Xallas.

Continuamos o itinerario cara ao sur. Cruzamos a ponte do Ézaro e pasamos pola vila do Pindo, un pequeno porto pesqueiro cun gran encanto, situado no extremo norte do concello de Carnota. A pesar da súa entidade como núcleo urbano, ata hai poucos anos non foi parroquia, polo que os seus habitantes pertencían á freguesía de San Mamede, da que distan por estrada uns dez quilómetros.

No Pindo houbo unha capela dedicada a San Pedro, hoxe desaparecida, pero o seu nome aínda se conserva para denominar á praia situada ao poñente da vila. No século XVIII, fundouse outra ermida por un particular, que na actualidade fai de parroquial, baixo a advocación de San Clemente.

Desde esta vila sae o camiño para subir ao monte Pindo, precisamente a carón da igrexa. Para realizar este ascenso precísanse unhas cinco horas, entre ida e volta, polo tanto habería que dedicarlle unha xornada distinta á desta ruta.

Subida al monte Pindo

Entre os lugares considerados máxicos en Galicia, o monte Pindo representa un dos máis notables. Esta gran mole granítica, situada moi preto da costa, elévase a unha altura de 627 m. Por este achegamento ao mar, polas súas cristadas e caprichosas formas rochosas e polos seus profundos e pendentes vales, foi un monte que espertou moita curiosidade na xente do seu redor e fixo que se creasen múltiples lendas sobre el. Tamén se coñece polo nome de Olimpo Celta, porque, segundo a tradición, as súas pedras foron esculpidas por membros deste pobo mítico.

As lendas sobre este macizo rochoso no século XVIII debían ser abundantes, para que o padre Sarmiento na súa viaxe a Galicia en 1745 escribise:

“Din mil cousas do que hai dentro: que crece a herba moito de noite para a mañá, que hai infinitas herbas medicinais e moitas incógnitas, e que alí van buscalas algúns médicos; que dentro son fecundísimos os animais, e oín que nalgúns tempos acostumaban ir ao Pindo os casados estériles e infecundos co gallo de ter sucesión, como dixera da ermida de San Guillerme en Fisterra”.

Aínda que hai varios camiños para subir a este monte, o máis coñecido e utilizado é o que parte da vila do Pindo. Todo el está sinalizado coas cores branca e marela, sinais propias de rutas de curto percorrido.

A ruta comeza por un camiño estreito bordeado por valados, ao que acompaña unha mesta vexetación, na que abundan piñeiros, loureiros e algún acivro. Vai seguindo o curso dun pequeno regato, no que atopamos algúns muíños abandonados. Á medida que ascendemos, a vexetación diminúe e o camiño convértese nun carreiro, no que comezan a aparecer os primeiros penedos coas súas fantasiosas formas. Despois de levar camiñado un quilómetro e medio, vemos á dereita o alto do Pedrullo (265 m). Na súa aba oriental hai un amoreamento de pedras procedentes dunha antiga construción, a fortaleza de San Xurxo.

163 Guerreiro. Monte Pindo
Guerreiro. Monte Pindo

A partir de aquí o itinerario vira á esquerda, por unha zona relativamente chá. Á dereita deixamos o outeiro Onde se Adora, que podería ter relación cun antigo culto pagán, e o Chan das Lamas, unha zona chaira, por onde pasaba o camiño que comunicaba a vila do Pindo coa parroquial de San Mamede.

Logo a ruta segue a valgada dun pequeno regato e o ascenso vaise facendo cada vez máis pronunciado. Á dereita queda o Outeiro do Narís, denominado así pola forma que adquire unha das súas rochas. Chegamos a unha zona aberta e chaira, cunha altitude de arredor dos 500 m, é o val de San Lourenzo. Aquí en tempos da II Guerra Mundial, houbo unha pequena explotación de volframio. Á esquerda do camiño, chámanos a atención un impresionante penedo con forma de xigante, denominado O Guerreiro.

164. Grupo De Excursionistas No Alto Da Moa
Grupo de excursionistas no alto da Moa

Desde este lugar a senda continúa ascendendo en zig-zag, a través dunha zona arborada entre penedos. Agora réstanos abordar o cume da Moa pola parte sur e oriental para acceder a ela pola zona norte.

O cume do Pindo, como o seu nome indica, ten forma dunha xigantesca moa ou plataforma granítica, na que abundan as pías ou marmitas de xigante.

165.val E Praia De Carnota
Val e praia de Carnota

Desde a Moa divisamos impresionantes panorámicas sobre unha ampla zona costeira. Cara ao norte, vemos o encoro de Santa Uxía, as terras da parroquia de Arcos e os montes da Ruña; ao sur, enxergamos o val e a extensa praia de Carnota; e cara ao oeste, ao lonxe, o cabo Fisterra, a inmensidade do océano, a ría de Corcubión e as illas Lobeiras. Ao pé do monte, as vilas do Pindo e do Ézaro e a desembocadura do Xallas.

Page 118
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.