Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

De Corme a Malpica

Desde a punta do Roncudo retornamos a Corme e deixamos esta vila pola mesma vía que viñemos. A catro quilómetros desviámonos á esquerda pola estrada CP 68 01 cara a Brantuas e Niñóns. A un quilómetro sae unha pista á esquerda que sobe ao cume do monte Faro de Brantuas (229 m) no que se sitúa a capela da Virxe do Faro, que celebra a súa romaría o 8 de setembro. Ao lado da ermida levántase a torre ou monumento dedicado ao Corazón de Xesús de 39 m de altura mandado construír por un emigrante da parroquia e inaugurado en 1959. Se ascendemos a súa cima, despois de subir 133 escaleiras, gozaremos de inmellorables vistas sobre a contorna.

130. Cabeceira Da Igrexa De Santiago De Mens
Cabeceira da igrexa de Santiago de Mens

Despois de pasar Niñóns, chegamos ao cruce da Campara e collemos á esquerda cara a Cores e Mens. A igrexa de Cores conserva parte da súa fábrica románica e mais algúns restos da vila romana que había nas proximidades, como aras, sepulcros ou tégulas.

Na parroquia de Mens dispoñemos de dous importantes monumentos medievais: a igrexa de Santiago de Mens e as Torres dos Altamira.

A igrexa parroquial de Santiago é un fermoso templo románico, que formou parte dun antigo mosteiro beneditino, documentado xa no século X. Do conxunto histórico consérvase boa parte da igrexa románica. A parte máis interesante son as tres ábsidas cos seus canzorros e as figuras que neles se representan.

As torres foron mandadas construír por Lope Sánchez de Moscoso, sobre unha fortaleza anterior derrubada polos irmandiños. A súa situación, enriba dun antigo castro, permite controlar as terras chairas de arredor. Máis tarde construíuse no seu interior a vivenda na que habitaron os Abelenda, os últimos propietarios. Despois de permanecer en estado ruinoso durante moitos anos, un descendente desta familia fíxose coa propiedade da construción e rehabilitou todo o conxunto, converténdoo nunha vivenda privada.

Desde Mens paga a pena achegarnos á punta Nariga, un saínte situado entre o cabo Santo Adrián e illas Sisargas e a punta do Roncudo. Neste saínte granítico construíuse en 1994 un faro de primeira orde, obra do arquitecto pontevedrés César Portela, que optou por unha edificación sólida que permanecese no tempo e que se integrase, na medida do posible, na paisaxe pétrea da contorna. A obra estrutúrase en tres corpos: a base, o edificio de servizos e a torre na que se sitúa a lanterna. Toda a construción levantouse en granito pero con distintos acabados. O grao de elaboración vaise perfeccionando á medida que se ascende en altura.

O primeiro corpo está formado por unha plataforma de planta triangular construída con grandes pezas de granito do propio entorno. Un dos vértices semella a proa dunha embarcación, á que se lle incorporou unha figura a xeito de mascarón. O segundo corpo mostra unha forma prismática, con base tamén triangular, destinado a acoller os servizos necesarios para o funcionamento do faro. A cuberta plana fai tamén a función de miradoiro sobre a paisaxe. E por último, está a torre de forma cilíndrica, sobre ela aséntase un torreón e logo a lanterna. Estamos, pois, diante dun dos mellores faros que se construíron na segunda metade do século XX na península ibérica, nun entorno dun gran valor paisaxístico.

131. Faro De Punta Nariga
Faro de punta Nariga

Continuamos a viaxe cara a Malpica, despois de pasar o lugar de Beo, a un quilómetro sae unha pista á esquerda que leva ao cabo de Santo Adrián, que remata na capela dedicada a este santo, lugar no que se celebra unha concorrida romaría a fin de semana seguinte ao 16 de xuño. Centos de romeiros acompañan a súa imaxe en procesión desde a igrexa parroquial de Malpica ata esta capela, para despois celebrar os actos litúrxicos na súa honra e a romaxe durante toda a xornada.

132. Cabo De Santo Adrián E Illas Sisargas Desde Malpica
Cabo de Santo Adrián e illas Sisargas desde Malpica

Desde esta punta de Santo Adrián disfrutamos de excelentes vistas sobre a vila de Malpica e as illas Sisargas, un arquipélago formado por tres pequenos illotes: Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante. Sobre a primeira sitúase o faro, un dos primeiros en construírse nesta costa, xunto co Vilán antigo e o de Fisterra. Entrou en funcionamento en 1853. O edificio consta dunha planta rectangular, cun patio central. No lado que mira ao mar arrinca a torre, cun pedestal cadrado e un corpo troncopiramidal de sección octogonal. Obra do enxeñeiro Celedonio de Uribe.

Desde o cabo de Santo Adrián volvemos á estrada xeral que se dirixe a Malpica para coñecer esta vila mariñeira.

Page 156
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.