Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 3, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

De Laxe a Corme

Saímos de Laxe en dirección a Ponteceso, ao chegar ao cruce das Agrelas, collemos á dereita cara a Baio e na rotonda de Borneiro, desviámonos á dereita cara ao dolmen de Dombate. Este monumento prehistórico é o máis coñecido de Galicia e considerado como a catedral do megalitismo do noso país. Xa no século XIX espertou a curiosidade do historiador Manuel Murguía e do poeta Eduardo Pondal, que pasaba a carón del cando ía camiño de Nemiña e que o inmortalizou nun dos seus poemas.

(…) Deixando Fontefría, cara ao lado de Laxe, e levando o camiño de San Simón de Nande; polo chan de Borneiro, de cativos pinales, cuase pasaba arrentes do dolmen de Dombate (…)

E. Pondal

O túmulo está formado por terra e unha coiraza pétrea ao redor. A estrutura do monumento consta de sete chantas verticais (ortóstatos) e unha cuberta e mais o corredor de entrada, pouco visible ata as últimas escavacións que se realizaron entre os anos 1987 e 1989, dirixidas polo arqueólogo José M.ª Bello Diéguez. Nelas comprobouse que o seu corredor estaba formado por tres tramos de ortóstatos e tiña a entrada pechada por unha pedra vertical, pero os achados máis sorprendentes foron os gravados que se atoparon nalgunhas lousas e os restos de pinturas da cámara e do corredor, así como o descubrimento dun dolmen anterior, atopado baixo a coiraza e que pasou a denominarse “Dombate antigo”. Este estaba formado por unha cámara simple, e do conxunto tan só apareceu unha das lousas da cámara.

120. Dolmen De Dombate
Dolmen de Dombate
121. Detalle Das Pinturas Na Reprodución Da Cámara Do Dolmen
Detalle das pinturas na reprodución da cámara do dolmen

Fronte á entrada do corredor do “Dombate recente” atopouse unha fileira de vinte idoliños (figuras pétreas con formas antropomorfas rudimentarias), que xa se descubriron tamén noutros dolmens deste tipo.

No subsolo do monumento apareceron materiais de diverso tipo: puntas de frecha, follas de sílex, machados, doas de colar, muíños, e diferentes clases de cerámica precampaniforme e campaniforme.

Despois do descubrimento das pinturas protexeuse o monumento cunha cuberta plástica provisional, que se mantivo ata o 2011, ano no que se construíu a estrutura actual que cobre todo o conxunto. Tamén se construíu un centro de recepción de visitantes no que se instalou unha réplica do dolmen, na que se pode visualizar os gravados e os restos de pintura, dado que o acceso ao orixinal está prohibido.

Volvemos do dolmen de Dombate pola mesma estrada e ao chegar á rotonda collemos á esquerda en dirección a Ponteceso, a pouca distancia encontramos á dereita o aparcadoiro para visitar o castro de A Cidá de Borneiro, un recinto prehistórico da Idade de Ferro, situado no extremo norte do Chan de Borneiro, nunha ladeira que descende cara ao rego dos Muíños. Presenta unha forma ovalada de 90 m de longo por 55 de largo, considerado como un castro de tamaño medio.

A súa croa está protexida por unha dobre muralla e un foxo, excepto polo lado leste, que. debido á pronunciada pendente, só dispón dun muro defensivo. Nesta parte é onde se atopa a entrada principal do poboado.

Foi o primeiro castro en dispoñer dunha datación de C-14 en Galicia, que lle deu como data máis antiga de habitabilidade o ano 524 a. C. e mantívose habitado ata o século I d. C.

As primeiras noticias sobre este castro achégannolas Salvador Parga Pondal e Pérez Bustamante no ano 1924. Na década seguinte levouse a cabo a primeira intervención arqueolóxica por parte de Sebastián González. Nos anos setenta continuou coas investigacións Jorge Juan Eirora e nos anos oitenta foi cando se realizou a intervención máis ampla, dirixida pola historiadora Ana Romero Masiá. Escaváronse case as tres cuartas partes do recinto, deixando ao descuberto 36 construcións, a maioría vivendas, pero tamén se aprecian outras edificacións que funcionarían como dependencias anexas, relacionadas coas actividades económicas dos habitantes do poboado.

Ademais das construcións de tipo circular existen outras con forma rectangular, cos esquinais en curva. Unha curiosidade que chama a atención ao visitante é a falta de entrada nas edificacións, o que levaría a pensar que estaría a bastante altura. No centro de cada vivenda percíbese o fogar de forma rectangular, delimitado por unhas lousas chantadas para evitar queimar o poste de madeira que soportaría o peso do teito.

123. Algunhas Das Construcións Escavadas Neste Castro
Algunhas das construcións escavadas neste castro

Na parte leste do recinto descubriuse unha zona coñecida como Barrio Extramuros, a carón da entrada, na que se atopou unha gran construción de forma ovalada, unha fonte con desagüe e outra construción cun forno, que hai quen a interpreta como unha sauna, pero tamén podería funcionar como unha zona de fundición de metais.

Foron moitos os materiais achados durante as escavacións, sobre todo na última. Obxectos de pedra como muíños planos, pedras de afiar, moldes de fundición, fusaiolas ou machados pulidos. Moitos restos cerámicos, moi fragmentados, o que indicaría que o castro foi abandonado polos seus moradores de xeito pacífico. Restos de cuncas, olas ou xerras, de cores amarelas ou avermelladas, decorados con diferentes técnicas e motivos. E tamén moitos obxectos metálicos de bronce e ferro: agullas, aneis, fíbulas, coitelos, puñais, fouces… A maioría destes materiais procedentes das escavacións atópanse depositados no museo Histórico e Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón da Coruña.

De volta do castro tomamos a estrada que baixa cara ao cruce das Agrelas e alí collemos en dirección a Ponteceso. A vía vai bordeando o esteiro do río Anllóns pola súa banda esquerda e permítenos gozar de fermosas vistas sobre o monte Branco e o espazo natural do esteiro, de grande interese ecolóxico que destaca sobre todo pola gran abundancia de aves que habitan nel e que acolle a moitas outras migratorias, un lugar idóneo para os afeccionados á ornitoloxía.

Pasamos pola Carballa, onde se sitúa a Casa do Concello de Cabana de Bergantiños, e Neaño, o núcleo de maior entidade do municipio. Ao atravesar a ponte sobre o río Anllóns entramos en Ponteceso, capital do concello do mesmo nome, núcleo coñecido sobre todo por ser o lugar de nacemento do poeta Eduardo Pondal (1835-1917), un dos grandes escritores do Rexurdimento galego e autor da letra do himno galego. Á beira do río vemos a súa casa natal, unha ampla construción de pedra con galería e cunha extensa finca cercada arredor. Pondal sempre se sentiu orgulloso de nacer neste lugar. Así o expresa na súa poesía:

(…) Eu non nacín en vila nin cidade mais lonxe do seu ruído lisonxeiro; eu nacín cabo de pinal espeso eu nacín na pequena Ponteceso (…).

124. O Poeta Eduardo Pondal
O poeta Eduardo Pondal

Influenciado polos historiadores do momento (Murguía e Vicetto), inventou un mundo mitolóxico cheo de hipotéticos heroes celtas, tomados da toponimia bergantiñá e do resto da Costa da Morte e creou un pasado glorioso para xustificar un pensamento galeguista.

A actual vila pontecesá formouse pola unión de dous pequenos núcleos que había no seus extremos, comunicados a través da avenida que leva o nome do poeta e que atravesa a antiga marisma formada na desembocadura do Anllóns.

Na parte leste sitúase o núcleo da Trabe, que medrou grazas á celebración da feira que se trasladou da próxima parroquia de Anllóns; e no lado oeste, o pequeno núcleo da Ponteceso que naceu a carón da ponte, por ser lugar de paso e polo embarcadoiro que había, a través do que se exportaba madeira, produtos agrícolas e cerámica de Buño.

Ao cruzar a ponte xiramos á esquerda en dirección a Corme, pasamos pola aldea do Couto, coñecida por situarse nela a Asociación Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal, que ao longo do ano manteñen unha intensa actividade cultural, sobre todo arredor do Dia das Letras Galegas.

Despois do lugar do Couto atopamos unha desviación á esquerda que leva ao alto do monte Branco (182 m) e á praia de Balarés. Desde o cume deste monte gozamos dunha das mellores panorámicas sobre a desembocadura do río Anllóns e da ría de Corme e Laxe, polo tanto, paga a pena achegarse alí. A praia de Balarés resulta moi acolledora pola súa area branca e protexida do vento, pero tamén polo extenso piñeiral que a rodea.

125. Ponte Sobre O Río Anllóns E Casa De E. Pondal
Ponte sobre o río Anllóns e casa de E. Pondal

Continuamos ruta cara a Corme. Antes de chegar cruzamos Corme Aldea, que, como seu nome indica, era onde se situaba o primitivo núcleo agrícola que deu orixe á esta parroquia.                      

Page 152
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.