Esta cuarta ruta percorre a zona norte da comarca de Bergantiños e a través dela visitaremos os lugares máis emblemáticos dos concellos de Coristanco, Carballo e A Laracha.
Por tratarse dunha ruta circular podemos incorporarnos a ela en calquera punto do itinerario. Propoñemos o inicio en Malpica por ser a vila na que rematou a anterior.
Deixamos a vila malpicá pola estrada AC-418 en dirección a Carballo. Ao chegar á rotonda de Buño, desviámonos cara a este núcleo para tomar a estrada AC-421 que vai de Buño á Agualada. Pasamos por Xornes e cruzamos o río Anllóns na Pontedona. Á altura de Cereo Vello, desviámonos á esquerda cara a Verdes, para visitar o Refuxio de Verdes, a nosa primeira parada. Neste lugar o río Anllóns, arteria principal da comarca de Bergantiños, forma un espazo natural dunha beleza extraordinaria.
O que nun principio naceu como un simple refuxio de pescadores, categoría que aínda conserva hoxe en día, converteuse na mellor área recreativa da comarca. A súa orixe hai que buscala no importante couto de pesca que había neste treito do rio Anllóns, un dos mellores de toda a provincia da Coruña.
Foi alá polo ano 1982, cando o Instituto Nacional para a Conservación da Natureza (ICONA), adquiriu os muíños, que na actualidade funcionan como refuxio, cando comezou a construción desta área recreativa. Os veciños de Verdes colaboraron intensamente neste proxecto. Construíse unha ponte para acceder á insua na que se sitúa o refuxio, restaurouse o muíño grande de tres moas e dous pequenos e recuperáronse as súas canles, fixéronse varias pontellas de madeira e mesas ao aire libre. Este espazo lúdico e recreativo foise ampliando co paso do tempo, aumentando así a súa capacidade para acoller cada vez máis visitantes.
O río Anllóns ao seu paso por Verdes forma un espazo natural no que o interese xeolóxico e botánico se complementa co etnográfico e lúdico-recreativo.
O interese xeolóxico apórtallo o tipo de rocha que hai nesta parte do río. Trátase dun gneis, unha rocha dura formada por bandas paralelas de cuarzo, feldespato e mica, de orixe metamórfica. A súa resistencia á erosión impediu que o río labrase o seu leito con facilidade, obrigándoo a distribuír o seu caudal en varios brazos. Esta acción erosiva do río viuse favorecida pola tectónica, que provocou un desnivel na súa canle, dando orixe a rápidos e fervenzas. Nesta parte son frecuentes as marmitas ou pías, formadas no seu leito, algunhas de considerables dimensións.

A riqueza botánica céntrase sobre todo no fermoso bosque de ribeira que medra no entorno. Eduardo Pondal na súa obra poética cita a carballeira de Verdes, que aínda se conserva en parte, baixo a denominación de chousa da Señora. Esta fraga está formada sobre todo por carballos, abeneiros, salgueiros, freixos, loureiros e espiños albares.
Polo que respecta á fauna, o couto de Verdes era un dos que tiña máis sona na provincia da Coruña tanto pola abundancia coma pola calidade da troita que aquí había. A contaminación que sufriron as súas augas provocou verdadeiros estragos na vida do río. Nos últimos anos a situación mellorou, pero é necesario realizar un gran esforzo para que o Anllóns volva a recuperar a fauna de tempos atrás.
O interese etnográfico apórtanllo a abundancia de muíños que se construíron neste lugar. A maior parte deles constan dun edificio sinxelo, levantado con cachotería de pedra de gneis, rocha abundante no entorno. Os muíños máis grandes tiñan unha lareira para poder quentarse en tempo de inverno e un sobrado para pasar a noite no seu interior.
Na actualidade o estado de conservación da gran maioría é ruinoso, a non ser os restaurados como refuxio e algún outro que conserva as súas paredes e tellados en pé.
Este Refuxio de Verdes é un lugar idóneo para realizar unha camiñada a pé pola súa contorna e gozar deste espazo de paz e tranquilidade que a natureza nos ofrece neste recuncho tan acolledor. Tamén se presta para reunirnos en familia ou con amigos e gozar dunha xornada memorable.
Desde Verdes tomamos a estrada CP 1910 que pasa por Xaviña e Oca e enlaza coa AC 552 en Montecelo. Dirixímonos cara a Carballo, ao cruzar o viaduto da saída da autovía AG-55 collemos á dereita a pista que conduce á Ponte Lubián, tamén coñecida como Ponte Romana, construída sobre o río Lubián, o afluente máis importante do Anllóns. Por esta ponte cruzaba o antigo camiño real que desde A Coruña se dirixía ás terras de Soneira e Fisterra. Segundo Carré Aldao, por ela pasaba a vía romana denominada per loca maritima, pero non dispoñemos de datos que verifiquen esta afirmación, ademais, en todo caso, xa non sería a ponte que se conserva actualmente, que data de finais da Idade Media ou posterior, senón outra anterior. Salvador Parga Pondal, na visita que fai a este lugar en 1948, dinos que lle parece unha ponte medieval, aínda que no seu arco máis occidental se poidan apreciar restos de aparello romano.

O feito de que non sexa un monumento romano non quere dicir que non teña un gran valor histórico e artístico que convén conservar. Actualmente representa para a comarca de Bergantiños o vestixio de maior valor do que foron as súas vías de comunicación antigas. A construción acada unha lonxitude aproximada duns 40 m e uns 2.60 m de anchura. Consta de catro arcos asimétricos, dous de maior diámetro, na banda dereita, e outros dous máis pequenos, no outro extremo. Como reforzo da súa estrutura dispón dun tallamar entre os dous arcos maiores e un contraforte de forma circular no lado oposto. A calzada está constituída por un lousado de pedra que se prolonga uns metros máis alá da longura da ponte e forma unha lomba que acada o seu punto máis elevado no piar no que apoian os dous arcos maiores. Retornamos pola mesma pista e dirixímonos a Carballo.
