
O topónimo que actualmente define a zona costeira máis occidental de Galicia naceu a finais do século XIX cando neste perigoso litoral se produciron as maiores catástrofes mariñas nas proximidades do cabo Vilán.

A primeira delas foi a do cargueiro inglés Iris Hull, en 1883, no denominado baixo de Antón, próximo á punta do Boi. Dos 38 tripulantes que ían a bordo, tan só se salvou un deles.
Sete anos despois, o 10 de novembro de 1890, o cruceiro británico H.M.S. Serpent, procedente Plymouth, que se dirixía a Serra Leoa bateu contra a punta do Boi, ocasionando a maior das catástrofes mariñas desta zona costeira, xa que dos 176 tripulantes que levaba, tan só lograron salvarse 3 deles. Este naufraxio produciu un enorme impacto en Inglaterra tanto polo número de vítimas como polo tipo de persoas que formaban a tripulación deste buque da armada británica.
O goberno inglés verteu duras críticas contra o español daquel momento pola deficiente sinalización deste perigoso tramo litoral, pois daquela tan só estaba en funcionamento o faro Vilán antigo, de cuarta orde, con escasa potencia luminosa, que deixaba unha zona escura de 21º producida polo cume do Vilán de Terra, na que incluía a temida punta do Boi.
Tres anos despois deste tráxico suceso, preto deste lugar, no baixo de Lucín, ao oeste do anterior saínte, embarrancou o cargueiro británico Trinacria, o 7 de febreiro de 1893, deixando un total de 30 vítimas, dos 37 tripulantes que levaba.
Estas tres traxedias ocorridas case no mesmo lugar, nun período de tempo de tan só dez anos e con máis de 200 mortos dun mesmo país, causou unha grande conmoción a nivel social e político na sociedade inglesa, pero tamén en Galicia e no resto de España.
Sería a partir desta fatídica década de finais do século XIX cando se comezaría a bautizar este tramo costeiro coa lúgubre denominación de Costa da Morte. Descoñecemos se o novo topónimo foi creado en territorio británico ou galego.
Ata o momento, a data máis temperá da que dispoñemos por escrito é a do 14 de xaneiro de 1904, que aparece publicado no xornal coruñés El Noroeste, nun apartado baixo o epígrafe de “Siniestros Marítimos” e que leva por titular “Tres buques náufragos” e debaixo, como subtítulo “La Costa de la Muerte”, a nova referíase aos naufraxios do carboeiro inglés Kenmore, afundido fronte á praia de Traba de Laxe; á draga holandesa Rosario, que naufragou na enseada de Santa Mariña e á goleta española Francisco Rosa, embarrancada á entrada do porto de Corcubión.
Ao mes seguinte de publicarse esta noticia no periódico herculino produciuse o naufraxio do vapor, tamén británico, Yeoman, na sinistra Pedra do Porto, á entrada da enseada de Camelle. Levaba unha tripulación de 86 persoas, das que 4 perderon a vida.
Os xornais que recollen esta noticia xa citan o topónimo “Costa de la Muerte”, o que supón un uso xeneralizado do mesmo, referido sobre todo á parte do litoral comprendida entre Camelle e cabo Vilán. Entre os diarios que citan este nome algúns son madrileños como El Heraldo de Madrid ou El Imparcial. Neste mesmo ano tamén xa se recolle o nome “Costa Brava o de la Muerte”, no proxecto de reforma do Plan Xeral de Balizamento da costa do noroeste de España.
En febreiro deste mesmo 1904 a escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán nun dos seus artigos publicados na revista barcelonesa La Ilustración Artística tamén fai alusión a este nome.
“Existe en mi tierra una costa brava que recibe, en el lenguaje popular, el nombre de Costa de la Muerte”.
O bardo Eduardo Pondal é o primeiro que escribe esta denominación en galego. Faino nun dos seus poemas, do que non temos a súa datación exacta, pero posiblemente se corresponda con estes primeiros anos do século XX. Pondal outórgalle unha intensa carga negativa a este topónimo, influído seguramente polo ambiente tráxico producido polas continuas catástrofes mariñas do momento, sobre todo de barcos británicos, que eran, con diferencia, os que máis circulaban por esta nosa costa.
O fero Britano cruzando do norte, de medo tembrando, escrama de longe: “¡A costa do pranto, a costa da morte!”.
Eduardo Pondal
Pouco despois aparece recollido na lingua inglesa este novo termo. A primeira cita da que temos constancia é a da viaxeira e escritora Annette Meakin, quen anotou no seu diario o nome de Coast of Death (Costa da Morte), que parece ser que lle escoitara aos mariñeiros herculinos e que deixou impreso varias veces no seu libro Galicia, the Switzerland of Spain, en 1909. Meakin infórmanos de que esta denominación era xa coñecida entre a xente do mar de Inglaterra debido aos numerosos naufraxios de barcos deste país nesta parte do litoral galego.
Outro viaxeiro e escritor que utiliza o nome da Costa da Morte na súa obra e que contribuíu a espallalo na fala inglesa foi Aubrey Fitz Gerald Bell (1881-1950), xornalista, escritor e tradutor. Na súa etapa de correspondente do xornal británico Mornig Post en Portugal, viaxou por Galicia e o resto de España, incluída a Costa da Morte, que, segundo el, este litoral estendíase desde Vigo ata Malpica.
“Na calma acolledora da estrada de Fisterra esquécese todo o referente á Costa da Morte, que é o nome que se lle dá á costa galega desde Vigo ata Malpica e as illas Sisargas”. (Aubrey F. G. Bell, 1922).

Tamén axudou a dar a coñecer a denominación Costa da Morte o escritor andaluz José Mas, autor da novela que precisamente levaba por título La Costa de la Muerte, en 1928, cuxa acción se desenvolve sobre todo no porto de Malpica, con incursións a outros lugares deste litoral, como Corme, Laxe, Camariñas, Muxía ou Fisterra.
Ao contrario doutros escritores, Mas, valéndose dun dos seus personaxes, Adrián, trata de desmentir as distintas lendas negativas que se crearon sobre a Costa da Morte, como que os seus habitantes provocaban os naufraxios ou que eran insolidarios ante as catástrofes mariñas, atribuíndo estes accidentes a fenómenos atmosféricos naturais, como os frecuentes temporais do inverno ou aos fortes ventos que afectan a este litoral, e tamén á deficiencia de sistemas de sinalización, como os faros, ou aos fallos humanos.
Como contraposición a esa visión tétrica que transmitía este topónimo, el propoñía a denominación de Costa da Vida, termo positivo ao que se sumaron moitos outros autores, como Eugenio Carré Aldao, Francisco Ramón y Ballesteros ou José Baña Heim.
Non obstante, a denominación que vai triunfar será de Costa da Morte, sobre todo cando a partir do último terzo do século XX comezan a editarse publicacións nas que aparece ese termo e a zona se converte nun gran reclamo turístico debido aos seus atractivos recursos naturais, históricos, culturais ou gastronómicos.
A carga negativa que nun principio contiña este nome transformouse nun atractivo máis, aportándolle un carácter misterioso, lendario e singular, que, unido aos demais potenciais, converterá esta Fisterra europea nun dos lugares máis visitados de Galicia.