Este itinerario lévanos a coñecer cinco fervenzas do concello de Mazaricos. Como a distancia entre algunhas delas é longa, recoméndase combinar o uso do automóbil coa camiñada a pé. Hai un grupo de tres: Vioxo-Chacín, Santa Locaia e Gosolfre, situadas na parte oriental do concello, preto de Pino do Val, que se poderían facer as tres camiñando. Logo desprazarnos en coche á fervenza de Fírvado, e por último estaría a fervenza da Noveira, na parroquia de Arcos, a máis afastada das outras. Tampouco convén facelas todas na mesma xornada.
Iniciamos a ruta coa visita á fervenza de Vioxo-Chacín, situada sobre o río do Casteliño. Desde aquí desprazámonos á de Santa Locaia, situada preto da ermida que lle dá nome. A xente da contorna tamén a coñece pola denominación do Pozo das Campás, por unha lenda que existe sobre este lugar.
A terceira, a de Gosolfre, ten un percorrido a pé máis dificultoso, polo que nos levará algo máis de tempo chegar a ela, pero durante a camiñada gozaremos dun espléndido bosque autóctono, no que os carballos son os protagonistas.
A cuarta destas cachoeiras, a de Fírvado, atópase preto do lugar de Suevos, onde se xuntan dous regatos. O seu encanto débese ao conxunto de fervenzas e pozos que se forman neste espazo fluvial. Un dos pozos, o denominado Pozo Negro, conserva a lenda de que nel está somerxida unha grade de ouro, que emerxe a noite máxica do San Xoán, lenda que se repite noutros ríos onde hai pozos fondos.
A quinta e última fervenza, a da Noveira, no río Arcos, un afluente do Xallas, preto do encoro de Santa Uxía, é unha das máis coñecidas polas pozas que se formaron na rocha granítica pola erosión da auga. No verán é un lugar moi visitado polo atractivo de bañarse nestas piscinas naturais.
