Historia
As primeiras noticias que dispoñemos desta vila corresponden ao século XII, cando o arcebispo Diego Xelmírez lle concede ao arcediago de Trastámara Arias Muñiz a administración dun señorío que, entre outras parroquias, incluía a de Santa María da Xunqueira de Cee.
Este núcleo costeiro posiblemente se fundara cando diminuíron as frecuentes invasións musulmás e nórdicas que atacaban esta costa. Con anterioridade a poboación vivía máis cara ao interior nos antigos núcleos de San Paio de Refoxos ou San Pedro Mártir.

A pesca e o comercio foron os verdadeiros motores de desenvolvemento deste porto. O pescado comercializábase, ou ben fresco, polos núcleos próximos, chegando ata Santiago; ou ben curado ao aire, salgado ou afumado, que despois se enviaba a outras zonas do litoral peninsular.
Cee atópase na ruta do camiño xacobeo que desde Santiago se dirixe a Fisterra. Cerca da súa igrexa parroquial houbo un hospital de acollida de peregrinos, que xa existía no século XV e mantívose aberto ata comezos do século XVIII. Durante os séculos XVII e XVIII, esta vila formaba parte dunha pequena xurisdición independente da de Corcubión, dominada polo clero e a fidalguía local. A máxima autoridade era o arcediago de Trastámara, que tiña aquí a súa residencia.
A mediados do século XVIII documéntase a presenza dos fomentadores cataláns neste porto, que mudaron os métodos de pesca. Cambios que produciron enfrontamentos entre os colectivos de mareantes locais. Precisamente aquí se produciu no ano 1757 un dos primeiros motíns anticatalanistas de Galicia.
Durante a invasión das tropas napoleónicas a vila quedou asolada e a súa igrexa parroquial foi incendiada. Ao longo do século XIX a industria de salgadura revitalízase e a actividade comercial e mercantil medra, o que supuxo un crecemento do núcleo urbano.
Coa instalación a comezos do século XX da fábrica de carburos, Cee convértese no único núcleo industrial de toda esta rexión costeira. Na actualidade esta vila constitúe o centro económico e de servizos máis importante da zona sur da Costa da Morte, sobre todo a partir da instalación do Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira.

Ruta a pé pola vila
Iniciamos esta ruta a pé polo núcleo ceense diante da Casa do Concello, situada na rúa Domingo Antonio de Andrade. No extremo occidental desta avenida, sitúase o monumento dedicado a este fillo ilustre ceense. Arquitecto e escultor e un dos principais artistas do barroco galego. Mestre de obras da catedral santiaguesa e autor, entre outras obras, da coñecida torre do Reloxo.
Fronte ao concello está a igrexa parroquial de Santa María da Xunqueira, unha construción de orixe gótica, pero da fábrica primitiva tan só se conserva a ábsida. A mediados do século XVII, sufriu varias modificacións e logo foi incendiada durante a invasión francesa de 1809. O aspecto actual adquiriuno coas reformas que se levaron a cabo a finais do século XIX e comezos do XX.
No seu interior consérvase a imaxe da Virxe da Xunqueira, doada en 1812 por Pedro Díaz de Porrúa. A lenda conta que esta virxe apareceu entre os xuncos da ribeira, de aí o seu nome. Na súa honra celébranse as festas máis importantes da vila o 15 de agosto.
Dende a rúa Domingo Antonio de Andrade achegámonos á praza da Constitución, considerada como o centro urbano. Á entrada atópase o edificio da Escola de Nenas no que se ubica o museo da Fundación Fernando Blanco, que abriu ao público o ano 2001. Nel expóñense o instrumental científico e material didáctico do que fora dotado este centro educativo, documentación histórica-educativa do colexio e os fondos pictóricos e artísticos desta Fundación.
Consta de dúas plantas. Na parte baixa móstrase unha visión histórica da Fundación e o seu labor desenvolvido, xunto cos fondos artísticos e os materiais educativos relacionados coa música, o debuxo e a agricultura. A primeira planta está dedicada a instrumental científico e material didáctico relacionado coa física, química e historia natural. Este espazo tamén se utiliza para exposicións temporais.

Nesta mesma praza vemos tamén interesantes casas da pequena burguesía local de finais do século XIX e comezos do XX. Na parte suroeste sitúase o edificio da Escola de Música, que anteriormente fora a Casa do Concello.
Saímos da praza pola rúa Rosalía de Castro e desviámonos á esquerda pola primeira travesía, que nos conduce á praza da fonte Penín, onde se sitúa o pazo do Cotón, unha construción da época barroca, tal como apreciamos no seu escudo, na porta que dá ao patín e nas balaustradas dos balcóns.
Fundaron o vínculo desta casa dous veciños de Cee: Fernando Pérez e Alberta González, a finais do século XVI. O edificio actual foi construído no século XVIII. O nome de pazo do Cotón procédelle dun dos últimos propietarios: José María Cotón. Actualmente pertence á familia Creus Andrade.
No seu espléndido escudo vemos unha árbore, que podería representar aos Pérez, dúas torres, o xadrezado dos Bermúdez e as rodelas dos Castro.
Continuamos pola rúa de Arriba e desviámonos á dereita pola de Vázquez Queipo, que nos leva á avenida de Fernando Blanco, onde nos atopamos de fronte co edificio da Fundación, actualmente instituto de ensino medio. Este suntuoso edificio rematouse de construír en 1886, obra do arquitecto madrileño Aguilar e custeado, como xa indicamos, cos recursos que deixou para tal fin o filántropo Fernando Blanco de Lema (1796-1875). Na zona axardinada que rodea a construción consérvanse interesantes exemplares de plantas exóticas.

Continuamos camiño por esta mesma avenida en dirección a Muros, para logo baixar pola rúa Campo do Sacramento e chegar ao paseo marítimo e á praia da Concha e volver ao lugar de partida.