Capítulo:

RUTAS EN COCHE – RUTA 5, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

Capítulo: 6

RUTAS EN COCHE – RUTA 5, RUTAS PARA COÑECER A COSTA DA MORTE

 Vila de Muros

170. Curro Da Praza De Muros
Curro da Praza de Muros

Historia

O documento máis antigo sobre a historia desta vila é un real privilexio outorgado polo rei Sancho IV, que lle concedía dominio sobre un amplo territorio que comprendía desde a desembocadura do río Xallas ata a do Tambre.

A finais do século XIII, Muros deixa de ser vila de reguengo para pasar a depender da mitra compostelá. Como outros portos galegos sufriu as invasións de pobos estranxeiros, por tal motivo a localidade foi circundada a principios do século XVI por unha muralla que a separaba en dous barrios: o da Cerca, intramuros; e o da Xesta, extramuros. A porta principal que daba acceso ao interior estaba situada onde actualmente se localiza a Casa do Concello. Na actualidade aínda se conserva a rúa Porta da Vila.

O sistema defensivo non impediu que este porto fose atacado por unha escuadra francesa en 1544. En marzo de 1809, as tropas francesas tamén arrasaron a vila.

A chegada dos fomentadores cataláns, que instalaron varias factorías de salgadura na localidade e nos arredores, favoreceu o desenvolvemento económico e comercial deste porto.

Actualmente Muros constitúe un conxunto arquitectónico de sumo interese. O seu núcleo urbano foise configurando desde a beiramar, onde estaba o porto, centro principal da actividade económica, cara ao interior. A xeografía do terreo condicionou o asentamento da vila, que se foi alongando de nordeste a suroeste.

Ruta a pé pola vila

Comezamos a ruta na praza do Curro da Praza, onde está situada a Casa do Concello, un edificio moderno que data de 1958. A súa arquería intenta imitar o pasado gótico da vila. Nesta mesma praza contemplamos algunhas das casas mariñeiras con soportais en arco apuntado ou de medio punto, con balcón de pedra apoiado sobre canzorros con varandas de ferro.

171. Igrexa De San Pedro, Antiga Colexiata De Santa María Do Campo
Igrexa de San Pedro, antiga colexiata de Santa María do Campo

Desde a anterior praza, tomamos a rúa Camiño Novo, que nos leva á Colexiata de Santa María do Campo, hoxe igrexa parroquial de San Pedro. O que anteriormente fora un templo románico transformouse por mandato do arcebispo Lope de Mendoza, a finais do século XIV, nunha espléndida basílica gótica. Do seu pasado románico conserva a porta principal con arquivoltas, o rosetón e algúns canzorros. A torre campanario foi levantada na época barroca.

A construción consta dunha ampla nave, dividida en cinco tramos e cuberta a dúas augas, con arcos apuntados, apoiados sobre columnas arrimadas aos lados e varias capelas góticas laterais que se abren cara á nave. A capela maior presenta unha fermosa bóveda de crucería con nervios diagonais apoiados sobre ménsulas situadas nos esquinais. No interior do templo consérvanse algúns sepulcros antigos.

Retornamos á praza do Concello e introducímonos no núcleo antigo a través da rúa da Gracia que nos conduce á rúa Real, arteria principal. Á nosa dereita deixamos unha serie de calellas transversais que dan á mariña: Venus, Ancha, Soedade, Anxo, Rosal, Saúde etc. Logo chegamos á acolledora praciña de Santa Rosa ou do Cristo, presidida por un cruceiro do século XVIII. Desde esta trasladámonos á praza da Pescadería Vella, na que observamos algunhas casas antigas con soportais.. Aquí chamaranos a atención a fonte da Salamántiga do ano 1929.

172. Praza Da Pescadería Vella
Praza da Pescadería Vella

Volvemos de novo á rúa principal, agora denominada rúa da Xesta, en alusión ao antigo barrio mariñeiro do mesmo nome. Á esquerda vemos a praza de abastos, antiga praza Maior, e, máis adiante, nunha calella á dereita, divisamos o Arco de Don Diego, de trazado medieval. O seu nome fai alusión a don Diego de Muros, nome que levaron tres bispos que eran desta vila, sendo o máis coñecido Diego de Muros III, bispo de Mondoñedo e Oviedo, impulsor da construción do Hospital Real de Santiago (hoxe Hostal dos Reis Católicos). Ao final da rúa da Xesta sitúase a capela de Santa Isabel ou dos Remedios, que conserva no pequeno adro un interesante cruceiro do século XVI.

173 Porto De Muros
Porto de Muros

Desde aquí regresamos ao punto de partida pola avenida da Mariña ou Castelao, para contemplar a zona portuaria e as casas antigas con soportais que aínda se conservan.

Na parte alta da vila paga a pena visitar a antiga parroquial de San Pedro, de par do cemiterio, o templo máis antigo da localidade. Na actualidade tan só se conserva a capela maior, cunha interesante colección de canzorros. A capela de Nosa Señora da Gracia, acaroada pola parte sur, era a antiga sancristía.

173 Santuario Da Virxe Do Camiño
Santuario da Virxe do Camiño

Á entrada de Muros, vindo de Noia, encóntrase o santuario da Virxe do Camiño, unha construción gótica de mediados do século XVI, cunha alongada nave de catro tramos e capela maior cuberta con bóveda de crucería.

Desde a praia que hai fronte a este templo cruza unha pontella que nos leva ao muíño do Cachón. Un muíño de marea que data do século XIX, rehabilitado recentemente e convertido en centro cultural e de exposicións.

Page 123
0
Logo A Costa da Morte Confín de Europa
Resumo de privacidade

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.