A orixe desta vila podería estar na existencia dunha base baleeira. A comezos de século XVI xa se cita a capela do Espírito Santo en Camelle, pertencente á parroquia de San Pedro do Porto, pois Camelle no se converteu en freguesía independente ata 1964.

A comezos do século XVIII as poucas casas que constituían este pequeno porto, xunto coas terras que había ao seu redor, estaban baixo o señorío do conde de Altamira. Este núcleo comezou a prosperar cara a finais deste século, despois de redimir os foros que obrigaban aos veciños ao pago de rendas a esta familia nobre. A partir de entón os seus habitantes puideron dispoñer libremente das súas terras. Ao seu desenvolvemento tamén contribuíu o establecemento da Estación de Salvamento Marítimo Barbeito e Cía, que se dedicaba á extracción de chatarra e despece de barcos afundidos, pero tamén realizaba accións de salvamento mariño. Durante os anos vinte do pasado século, había neste porto tres fábricas de salgadura e secadoiros de congro.

O maior desenvolvemento deuse a partir dos anos sesenta e setenta do século XX, cando o peixe e marisco adquiren un maior valor no mercado. A partir desta época melloran as instalacións portuarias e as vivendas tradicionais de cantería serán substituídas por outras construídas con novos materiais, o que supuxo un cambio profundo do aspecto urbano deste núcleo mariñeiro.

Man, o alemán de Camelle
Camelle é coñecido sobre todo pola figura e a obra de Man, un alemán de nome Manfred Gnändinger, que de xeito casual chegou a este porto en 1962, que daquela era un mozo de 26 anos, alto, rubio e de ollos azuis.
Despois de levar dez anos convivindo cos veciños, nunha casa que lle cedeu a familia Baña Heim, de ascendencia alemá por parte materna, este mozo decidiu retirarse á beiramar onde construíu un habitáculo no que permaneceu o resto da súa vida. Levaba unha vida illada, pero ao mesmo tempo desenvolvía unha intensa actividade artística tanto na pintura como na escultura ao aire libre, que foi deixando arredor da súa vivenda e na contorna. Unha obra acorde coa súa filosofía artística baseada no círculo como orixe de todo.
Mudou tamén os seus hábitos alimentarios, faise vexetariano, pretendendo nun futuro ser capaz de vivir tan só coa enerxía solar, o que lle podería permitir algún día facerse cunha esfera de cristal e vivir á deriva no mar.
Vai ser a gran catástrofe do Prestige quen o fira de morte. Un home tan sensible coma el ante a natureza non puido sobrepoñerse a semellante desfeita ecolóxica. A marea negra cebouse co seu contorno e co seu museo. Era moito tormento convivir diariamente con tanto chapapote que o mar depositara no seu espazo vital.
Man tiña enferma a súa alma e o 28 de decembro de 2002, curiosamente o día dos santos inocentes, os veciños descobren que non retirara a bolsa de alimentos da súa porta. Máis tarde comprobouse que o seu corpo permanecía sen vida no interior da súa vivenda. Era a primeira vítima humana do Prestige. Foi velado e enterrado coma un veciño máis do pobo, a pesar de que todos sabían que era moi diferente.
A súa persoa e a súa obra trala morte recobrou unha gran forza e permanece entre nós como un símbolo de pureza espiritual e compromiso coa natureza, fronte ao materialismo que domina o mundo actual.
El era consciente da importancia da súa obra para as vindeiras xeracións, por iso lle preocupou o seu futuro. Fixo testamento e deixou responsable dela ao Estado. Legado que lle foi cedido ao concello de Camariñas. Na súa honra en 2015 construíuse na zona portuaria o Museo Man de Camelle, no que se expón parte da súa obra e no ano 2017 rehabilitouse a que fora a súa casa, na que se depositaron as súas cinzas ao ano seguinte.