Desde O Pindo seguimos a ruta cara ao sur pola estrada que bordea o litoral. Atravesamos os núcleos de Quilmas e Caldebarcos. A partir deste último a estrada circunda a lagoa e a marisma de Caldebarcos que se formou na desembocadura do río Vadebois, un espazo natural de gran interese ecolóxico, e onde comeza a extensa praia de Carnota que se estende ao longo duns 7 km ata a punta dos Remedios. Recibe diferentes denominacións segundo os lugares que se atopen na súa proximidade: praia de Caldebarcos, praia de San Mamede, praia de Carnota, praia do Cancelo ou praia do Mar de Lira.
Antes de chegar ao lugar do Viso, hai unha desviación á esquerda que leva á aldea de Cornido (1,7km), na que se localiza o obradoiro do ceramista Nacho Porto, un referente na artesanía de Galicia.
A estrada atravesa a estreita chaira do val de Carnota. Despois de pasar os lugares do Viso e Pedrafigueira, chegamos a Carnota, capital do Concello
Esta franxa costeira, constituída por terras de aluvión, presenta boas condicións para a agricultura. En tempos pasados formou parte do antigo Commiso (condado) de Cornatum, doado polo rei Ordoño III a mediados do século X ao arcebispo compostelán Sisnando II, sobre o que máis tarde exercerían señorío varias familias feudais: Traba, Trastámara ou Condes de Lemos.

Aquí en Carnota convén realizar unha parada para visitar o espléndido hórreo, que xunto coa casa reitoral e a igrexa, constitúe un conxunto arquitectónico interesante e singular.
O hórreo é obra do arquitecto Gregorio Quintela, quen quixo dotar de beleza artística unha construción de tipo funcional, por tal motivo deixou gravado o seu nome e a data na que se realizou a obra. Construíuse en dúas fases. A primeira parte en 1768, cunha lonxitude de once pés, e a segunda en 1783, na que se duplicou a súa longura.
Transmitiulle un aire barroco á edificación, que se mostra nas sobrepenas dos pinchóns, nos remates dos extremos das mesmas, ou na cruz. Tamén lle dan suntuosidade as ringleiras de ventos, as capas e os pés sobre os que se sustenta a construción.
De par do hórreo vemos a casa reitoral e un pombal. Ao norte deste conxunto está a igrexa parroquial de Santa Comba, un edificio barroco, de planta de cruz latina, con tres naves. Foi construída no ano 1755. No interior conserva un interesante retablo maior de estilo neoclásico, obra do escultor Xosé Ferreiro. A esvelta torre campanario data do século XIX.
Ao sur de Carnota sitúase a parroquia de Santa María de Lira, na que se conserva tamén un hórreo de grandes dimensións, aínda que cun par de pés menos có de Carnota, pero cunha lonxitude algo superior. Levántase sobre unha plataforma de pedra e foi construído na mesma época có anterior.
Despois de pasar a parroquial de Santa María, á dereita (km 12), sae o desvío que leva ao pequeno porto de Lira, denominado tamén Portocubelo, no que podemos contemplar a lonxa, as embarcacións e un pequeno museo no que se mostran algunhas artes de pesca tradicionais.
Faro de Lariño
Unha vez pasada a parroquia de Lira, entramos na de Lariño, a última do concello de Carnota. Á altura do km 9 sae unha pista á dereita que nos conduce á punta da Insua onde se atopa o faro, que consta dun edificio de planta baixa recebado e pintado de branco, obra do enxeñeiro Salvador López Miño. Polo oeste elévase unha torre octogonal de 14 m de altura coroada por unha cúpula cun cataventos coa data de 1920. Desde a súa construción (1913), tardou varios anos en entrar en funcionamento (1921). O motivo de levantar aquí este faro foi o de sinalizar unha ampla zona de costa perigosa situada entre o cabo Fisterra e o cabo Corrubedo. As súas instalacións foron rehabilitadas e convertidas nun hotel que se inaugurou no verán de 2021.

Nesta punta da Insua foi onde tivo lugar o naufraxio do Ariete, barco da Armada Española, que o 25 de febreiro de 1966 bateu contra estes baixos. A bordo ían 190 tripulantes, que lograron salvarse grazas á intervención dos mariñeiros de Carnota. En sinal de agradecemento concedéuselles aos veciños diversas condecoracións e ao concello de Carnota unha placa coa inscrición “Muy humanitaria villa”.

Desde a punta da Insua regresamos á estrada principal e continuamos camiño cara a Muros. Antes de chegar a esa vila enxergamos á dereita o monte Louro, un macizo granítico que se eleva a unha altura de 241 m e que sobresae na paisaxe por situarse a carón do mar. Pasamos ao lado da lagoa das Xarfas, unha albufeira litoral que se formou polas dunas da praia Maior que impediron a saída ao mar das augas do regato Longarelo. Praia, dunas e lagoa constitúen un espazo de grande interese natural. A continuación cruzamos o núcleo turístico de San Francisco da parroquia de Louro, cuxo nome procede dun antigo convento medieval que houbo neste lugar, e chegamos á vila de Muros.